"A prensa ten que denunciar os asasinatos de mulleres, non culpabilizalas"

A Rede denuncia a violencia machista xunto a outros colectivos CC-BY-SA Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo

Este verán está sendo especialmente tráxico no que atinxe á violencia machista. Os asasinatos de mulleres polo mero feito de séreno xa son en Galicia o duplo que en todo 2013 e os datos oficiais indican que no conxunto do Estado xa se produciron 40 agresións de xénero con resultado de morte dende comezos de ano. A práctica totalidade destas agresións teñen, dun xeito ou doutro, reflexo nos medios de comunicación e, se ben a visibilización do problema vén sendo unha das reivindicacións dos movementos feministas, estes mesmos colectivos alertan de que a maneira de informar ao respecto deriva, en múltiples ocasións, nunha culpabilización da vítima e non nunha denuncia da propia violencia.

Diante desta circunstancia a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo vén de debullar o tratamento mediático dalgúns dos asasinatos acontecidos nos últimos meses, así como doutros acontecementos vinculados á violencia. Esta análise detectou, cando menos, "dous fenómenos": "por unha banda, nos medios de comunicación existe un tratamento moi diferente en función de se a persoa agresora é un home ou unha muller". Por outra, "en moitas novas" o relato "préstase a certa interpretación culpabilizadora das mulleres". Ambas liñas, explican no informe, implican "esquecer" códigos como a Declaración de Compostela, o primeiro código do xornalismo galego para abordar a violencia machista e que, promovido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, fai dez anos este outono.

Diferenzas de visibilidade entre homes e mulleres

Nas novas analizadas a Rede contra os Malos Tratos amosa un caso concreto para explicar que "os casos de violencia onde a muller é a agresora", malia seren minoritarios, "teñen unha visibilidade moito maior". Así aconteceu, din, no caso dunha ourensá que presuntamente tentou provocar a morte da moza da súa ex parella. O acontecido "ocupou case unha páxina de sucesos, cunha fotografía ampliada na que se pode identificar a suposta agresora", un tratamento que é "común" a medios galegos e estatais. Este despregamento de espazo e detalles contrasta, a xuízo das autoras do informe, coa cobertura dalgúns crimes machistas.

"Dá a impresión de que a violencia machista é algo normal"

Así, por exemplo, os mesmos xornais que se centraron na devandita nova limitáronse a "un pequeno lateral da páxina de sucesso" para informar de dous asasinatos machistas en xuño e xullo, tratados como "un caso máis de violencia de xénero ao que non se lle dá ningunha importancia mediática. "Os casos de violencia xénero, cando un home agrede a súa parella ou ex parella, deberan ocupar un espazo importante nos medios de comunicación", din dende a Rede, que ven neste xeito de informar unha vía para "concienciar a sociedade da gravidade desta violencia". O contrario, alertan, "dá a impresión de que a violencia de xénero é algo normal que non debe resaltarse".

A "culpabilización"

Os contrastes son cuantitativos en canto a espazo, pero tamén cualitativos. "En moitas novas -di o informe- continúa sendo habitual destacar o feito de que a muller asasinada non denunciara o agresor" no canto de "denunciar o comportamento" de quen agrede. Neste caso, sinalan, "cremos que a prensa ten que denunciar o asasinato de mulleres facendo fincapé no detestable do crime e das súas causas sociais", o machismo, no canto de "dar titulares que se prestan á culpabilización das mulleres asasinadas" por incidir en que deixaron de facer algo, denunciar, que podería evitar o acontecido.

"Resulta inapropiado que os medios destaquen a 'xentileza' dos asasinos"

Outra das practicas habituais nos medios que a Rede convida a eliminar son as mencións ao carácter supostamente normal de quen despois resultou ser un asasino. "Resulta inapropiado que os medios destaquen a xentileza dos asasinos" con frases feitas vinculadas, por exemplo, á relación coa veciñanza. "Estas novas merecen unha maior seriedade", evidencian, e certos "titulares nos diarios non axudan na loita contra a violencia de xénero, máis ben dificúltana", conclúen.

A Rede denuncia a violencia machista xunto a outros colectivos CC-BY-SA Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.