A Xunta forza a implantación da Lomce, "improvisada e ás présas"

Manifestación contra a LOMCE en Vigo CC-BY-SA CIG-Avantarvideos

O curso escolar que comeza neste mes de setembro en Galicia semella que volverá chegar "cargado de conflitividade", tal e como advirten os sindicatos. Aos recortes no ensino público que as centrais levan anos denunciando engádeselle agora unha aplicación da Lomce impulsada pola Xunta que multiplicará os problemas nos centros. O sindicato maioritario na ensinanza, a CIG, advirte da supresión de unidades, da masificación das aulas, da redución e precarización do profesorado, do empeoramento da calidade, da marxinación da lingua galega ou da degradación xeral. Pero a instauración "improvisada e apurada" da lei Wert en Galicia pon aínda máis atrancos, ao ser unha normativa "imposta" sen "formación nin información" dabonda nin para docentes nin para familias.

Sindicatos e anpas advirten que a implantación "apresurada e improvisada" a Lomce multiplicará os problemas no ensino público

Sindicatos e asociacións de pais e nais advirten da "segregación do alumnado", da "confesionalidade" que supón a Lomce ou das eivas democráticas que acumula. A maiores, denuncian que se sigan a concertar unidades cos centros que segregan alumnado por razón de xénero malia as sentenzas en contra e a pesar das dificultades económicas ás que a Consellería de Educación adoita aludir para xustificar os recortes e a falta de medios nos centros.

"É unha trapallada", advirte a CIG, nunhas críticas ás que se unen as diferentes organizacións de anpas, que analizan para Praza as consecuencias que esta implantación "apresurada" da lei Wert suporá en Galicia, que volve ser unha autonomía pioneira na aplicación das medidas máis controvertidas do Goberno central de Mariano Rajoy. Tan axiña se fai, que en agosto, vía DOG, unha orde fixou os currículos de 1º, 3º e 5º  de Primaria nos que se empezará a aplicar a Lomce cando aínda non se aprobou o decreto, a norma de rango superior que ten que regulalos.

O DOG fixou os currículos para os cursos nos que se aplicará a Lomce sen aprobarse aínda o decreto que ten que regulalos

Helena Gómez, presidenta da Confapa, lembra que o currículo de Primaria debateuse con numerosas emendas no plenario do Consello Escolar de hai menos de tres meses e advirte de que nin a sociedade, e nin tan sequera os docentes, están o suficientemente informados sobre do que se lles vén enriba. "Malia os esforzos en informar, a xente non sabe ben o que supón a lei Wert", explica nunha crítica na que coincide Fernando Lacaci, vicepresidente das Anpas Galegas, que ve na aplicación da norma "un problema engadido" que "podería ser menor se fose consensuada e non imposta polo PP e contestada pola inmensa maioría da sociedade".

"Se xa é difícil implantar unha norma, moito máis se hai pouco profesorado e poucos medios"

"É un despropósito absouto porque non hai nin formación in información precisa; ademais, chega nunha situación de recorte de persoal e de medios que é sistemático. Se xa é difícil implantar unha norma, moito máis se hai pouco profesorado e poucos medios", insiste Lacaci. Helena Gómez coincide pero advirte tamén de que a Lomce "será o instrumento e a escusa que a Xunta empregue para continuar cos recortes". "Se antes os había, agora haberá máis", din desde a Confapa, que cre tamén que o feito de que "Galicia fose a primeira comunidade en recortar no ensino público" faralle máis doado á Consellería continuar con esta política. "A sociedade está afeita a que lles supriman medios, profesorado e calidade e verá estas novas medidas como algo máis", denuncia.

Gómez pon un só exemplo dos numerosos prexuízos que traerá esta aplicación apurada e improvisada a Lomce. A Formación Profesional Básica non se vai poder impartir en todos os institutos, polo que rapaces duns quince anos veranse obrigados a cambiar non só de instituto, senón de municipio, como ocorrerá con varios alumnos na Pobra do Caramiñal. Ademais, advirte de que "a volta aos concertos con centros do Opus Dei" segue a ser "a maior das preocupacións" para a Confapa. "Mentres se nos di que non hai cartos para que os cheques dos libros cubran tamén o material escolar, a Xunta perdoa unha débeda de 12 millóns de euros que manteñen estes centros segregadores, que cobraron unha subvención indebida durante anos", lembra.

 

Por que tan axiña?

Pero por que se aplicará a Lomce tan axiña e dun xeito tan improvisado en Galicia? A resposta, tanto das Anpas Galegas como de Confapa-Galicia é a mesma. "Responde a motivos ideolóxicos" e, incluso, á intención de favorecer os intereses particulares do PP no país. Fernando Lacaci cre que a base, tanto da lei Wert como da súa rápida aplicación, débese ao concepto que da educación ten a dereita. "Mentres os gobernos de esquerdas defenden o ensino obrigatorio como o dereito dun individuo, os do PP veno como un método de inserción na vida laboral", di.

"A lei Wert é o intento do PP de implantar a fórmula para seguir creando obreiros e manter España como un Estado de man de obra barata"

"O impulso do PP a esta lei Wert é o intento de implantar unha fórmula que permita seguir creando obreiros para continuar así coas súas políticas económicas que pretenden facer de España un Estado que siga proporcionando man de obra barata; non buscan traballadores cualificados, porque se así o quixesen, non reducirían os recursos como o están facendo", insiste Lacaci, que ve tamén na Lomce "o intento por recuperar a preminencia da Igrexa católica na ensinanza".

En canto á présa da Xunta, as Anpas Galegas cren que o Goberno central busca dificultar a futura derrogación da Lomce no caso de que o PP perdese o poder nas vindeiras eleccións xerais. "Saben que é moito máis difícil derrogar unha norma implantada que outra que só está aprobada; a súa idea é deixar algo xa feito e poñer atrancos na súa supresión", di Lacaci. Para Helena Gómez, a motivación do Executivo galego é "ideolóxica".

"A Xunta quere satisfacer a Rajoy, a Wert e o PP; foi a primeira en recortar e será vangarda na implantación da Lomce"

"Mentres en Asturias ou Andalucía se apoia o atraso na aplicación da Lomce, aquí quérese satisfacer o PP, a Rajoy e a Wert; igual que foi a primeira comunidade en recortar no ensino, agora quere ser a vangarda na instauración da nova lei", di a presidenta de Confapa-Galicia, que insiste en que a nova normativa será "a escusa" que a Consellería de Educación empregue para "seguir recortando", do mesmo xeito que fixo cos concertos con centros segregadores malia a sentenza en contra.

"No fondo, a súa idea é quitarlle valor ao ensino público para que os pais vexan nos centros privados e concertados unha opción alternativa", engade Lacaci, que cre que a Lomce "non se poderá implantar, porque nin hai medios, nin formación nin apoio". "Será papel mollado", advirte, ao tempo que Helena Gómez ve nas declaracións do conselleiro Jesús Vázquez, que ataca as anpas e os sindicatos, "un intento en desviar a atención". "Saben que os pais temos a forza da razón e moléstalles que digamos o que está a ocorrer, pero nós estamos encantados con que lles molesten as verdades", finaliza. 

Wert explica a Lomce ante Sáenz de Santamaría © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.