"Como Caballero non ten argumentos, acode á calumnia"

Centro cívico de Teis © AA.VV. de Teis

Cumprido xa o prazo dado polo Concello de Vigo para que a Asociación Veciñal de Teis abandone o Centro Cívico do barrio, dende a entidade aseguran que non recibiron ningunha nova comunicación ao respecto. "Pensamos que mesmo puideron decidir adiar calquera acción pública despois de que a nosa denuncia fose publicada nos medios de comunicación. Seguramente deixarán pasar uns días, até que o tema desapareza dos medios de comunicación. Agardarán un par de semanas e cando se perda o interese polo tema, pois quitarannos de aí", asegura Anxo Iglesias, secretario da asociación.

"Caballero fai todo isto para xustificar que se substitúa a xestión dun centro por parte dos veciños para favorecer os intereses dunha empresa. E como non ten argumentos, fai declaracións falsas"

O 1 de setembro unha notificación da Concellaría de Participación Cidadá conminábaos a entregar as chaves da oficina que a entidade utiliza dende hai anos no espazo, así coma a retirada do equipamento e documentación propiedade da asociación, e todo isto nun prazo non superior de dez días hábiles. Despois de anos de xestión veciñal, o Goberno de Abel Caballero decidiu (co apoio do PP) concederlle a xestión a unha empresa privada (seguindo o modelo dos restantes centros cívicos da cidade). As protestas da veciñanza do barrio foron ignoradas en moitos casos e noutros mesmo respondidas polo rexedor con graves acusacións que a asociación veciñal cualifica de "calumnias".

"Presentamos unha demanda de conciliación contra o alcalde por unhas declaracións que fixo nun programa de televisión, onde insinuou que o diñeiro era para intereses persoais dos directivos, cando, obviamente, os cartos do convenio ían destinados a pagar a xestión do centro cívico. E non hai lugar a dúbidas, porque para cobralos tiñamos que xustificalo con facturas, como debe ser", explica Anxo Iglesias. "Caballero fai todo isto para xustificar que se substitúa a xestión dun centro por parte dos veciños para favorecer os intereses dunha empresa. E como non ten argumentos, fai declaracións falsas e acode á mentira, á calumnia e á inxuria. Non se pode permitir que un alcalde faga ese tipo de insinuacións falsas", di.

"Os propios datos do Concello amosan que o nivel de actividade do centro cívico de Teis era moi superior ao dos restantes centros cívicos da cidade, con xestión privada"

Iglesias alerta de que coa xestión privada do centro cívico, as cousas van cambiar: "Non vai ser o mesmo. O nivel de actividade que o centro cívico mantiña grazas á asociación de veciños se reducirá moito. Os propios datos do Concello amosan que o nivel de actividade do centro cívico de Teis era moi superior ao dos restantes centros cívicos da cidade, con xestión privada. É unha empresa que busca o beneficio económico, dálle igual que haxa máis ou menos actividade". Tamén se verá afectada, en boa lóxica, a participación dos veciños e veciñas, afirma Anxo Iglesias: "Se por algo se caracterizan os centros cívicos é pola participación; creáronse para iso, para fomentar a participación dos veciños". "Pero parece que ao alcalde non lle importa nada de todo iso" -engade- "O que busca é controlar os movementos sociais. E nós, como somos críticos e independentes, a decisión foi eliminar.

Aínda que o Concello non fixo público o custe que a xestión privada do centro cívico ten para o orzamento municipal, dende a asociación veciñal sospéitase que será superior ao actual: "O que lle custaba ao Concello o convenio coa asociación de veciños eran 55 mil euros, que pagaban o soldo de dúas persoas e o custe das actividades. Un custe irrisorio para unha cidade como Vigo e para un barrio de ao redor de 15 mil veciños e veciñas. Queremos ter o dato de canto lle custa agora ao Concello a xestión do centro cívico. Seguro que o custe non vai ser menor, e ademais o servizo vai ser peor", sinala.

Queremos ter o dato de canto lle custa agora ao Concello a xestión do centro cívico. Seguro que o custe non vai ser menor, e ademais o servizo vai ser peor", sinala

Ademais, dentro da guerra que o Concello de Vigo mantén contra a Asociación Veciñal de Teis, semella que nos vindeiros días haberá que engadir un novo capítulo. O pasado 29 de xullo a entidade solicitoulle ao Concello, por escrito, o uso do auditorio de Teis, para o domingo 21 de setembro co obxectivo de celebrar a IX edición da Festa Veciñal de Teis, que organiza a asociación dende hai 8 anos. Ante a total falta de resposta, a Asociación presentou dous novos escritos no rexistro municipal, reiterando a solicitude, e sen recibir ningunha resposta oficial até o momento. Dende a entidade denúnciase esta falta de resposta, e pénsase que o Goberno municipal impedirá finalmente (ben directamente ou ben a través do silencio administrativo) o uso do auditorio, a pesar de que para esa data non hai programada ningunha outra actividade nese espazo. 

Centro cívico de Teis © AA.VV. de Teis
A Asociación de Veciños de Teis comezou as súas actividades en 1976 © AA.VV. de Teis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.