Cambio de estratexia. Os alumnos e alumnas do CEIP de Manzaneda volveron esta mañá ás aulas despois de seis días de folga. Dende antes do verán protestan pola decisión da Consellaría de suprimir o servizo de cociña do comedor, substituído por un servizo de catering. A volta a clase prodúcese para evitar posibles sancións por absentismo escolar pero tamén porque nos últimos días se iniciou unha negociación entre a Consellaría (a través da súa xefa territorial) e o Concello de Manzaneda para unha posible municipalización so servizo.
É dicir, o Concello de Manzaneda xestionaría a cociña do comedor escolar a través da contratación dun cociñeiro e cociñeira. Iso si, a oferta da Xunta é achegar 2,85 euros por comensal e día, un total de 11.500 euros anuais a cambio de que o Concello se faga cargo deste servizo, unha cantidade un 14% inferior á que o Goberno galego lle paga á empresa de catering Serunion, concesionaria do comedor, que recibiría ao redor de dous mil euros máis. Porén, en principio o Concello de Manzaneda aceptaría estas condicións, completándose os fondos necesarios para pagar os custes da cociña cunha achega do fondo social e da propia anpa, sen prexudicar as limitadas arcas municipais.
A oferta da Xunta é achegar 11.500 euros anuais a cambio de que o Concello se faga cargo deste servizo, unha cantidade moi inferior á que o Goberno galego lle paga á empresa de catering Serunion
"Non entendemos por que a unha empresa privada a Xunta lle ofece un prezo e a unha administración pública nos ofrece un prezo inferior", destaca o alcalde, David Rodríguez. O rexedor destaca que coa municipalización se conseguirá ofrecer "un servizo de calidade" que ademais "reverterá na economía do Concello", grazas á xeración dun posto de traballo e a que os produtos se mercarán na zona. "A economía no rural xa está moi tocada e medidas como este intento de pechar a cociña do colexio só contribúen a afundila máis", di.
O rexedor destaca que coa municipalización se conseguirá ofrecer "un servizo de calidade" que ademais "reverterá na economía do Concello"
Dende a anpa rexéitase de plano a opción de que o menú diario dos seus fillos e fillas sexa fornecido por unha empresa que, neste caso, "traslada a comida dos rapaces e rapazas dende Porriño a Manzaneda". "Coñecemos a experiencia do cátering noutros centros escolares e sabemos que non é satisfactoria", engaden. "Os nutrientes pérdense no camiño, a comida chega nunha temperatura que non é a adecuada, e abusan de comida precociñada, con poucos alimentos frescos. "Nós vivimos no rural porque apostamos por un estilo de vida saudable, e para nada queremos un catering para os nosos nenos e nenas", sinalaba para Praza Iria Rodríguez, presidenta da Anpa.
"Os dereitos dos nenos e nenas deben prevalecer por riba de criterios económicos", destaca a presidenta da Anpa
As nais e pais lembran que, a diferenza doutros centros de ensino situados na zona rural, "o noso colexio aumentou no número de alumnado, de 13 a 22". Porén, destacan que "un determinado número de comensais non é suficiente para pechar un servizo que está en funcionamento, menos aínda cando non hai ningunha lei que estableza que os centros de menos de 25 alumnas teñan que pechar a cociña"."Os dereitos dos nenos e nenas deben prevalecer por riba de criterios económicos", conclúen.
A Anpa tamén lle pediu nos últimos días á Consellaría que "teña en conta os dereitos das pequenas e pequenos do rural". "Estamos indignados con esta discriminación que nos fan á xente que vivimos no rural. Á hora de pagar impostos, nós pagamos o mesmo que todos", destacaba en xuño Iria Fernández, que alertaba do contexto xeral de degradación dos servizos na zona rural: "van recortando servizos, e o fin último é o peche da escola. Hoxe é a escola, pero mañá pode ser o centro de saúde".