0 Gardados para despois

A presión do 'lobby' taurino e as facilidades do Concello devolven as touradas á Coruña

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O vindeiro martes o Concello da Coruña desvelará a incógnita e comunicará se finalmente hai touradas na cidade coincidindo coas festas do Rosario e despois de que a administración local fracasase no seu intento de que se celebrase a feira no mes de agosto, como viña sendo habitual nos últimos anos. Malia que nun principio todo parecía indicar que ningunha empresa se presentara ao concurso, como ocorrera no verán, semella que será o empresario Tomás Entero, de Tauro Siglo XXI, quen asumirá o evento, tal e como el mesmo recoñece nunha entrevista.

Nin a falta de afección taurina, nin o rexeitamento maioritario -todas as enquisas entre a cidadanía coruñesa amosan a disconformidade coas touradas e coa subvención pública das mesmas-, nin a posición contraria de toda a oposición, nin o fracaso en asistentes dos últimos anos poden coa teima do Concello cos touros. De feito, segundo asegura a Concellería de Cultura, a idea agora é que este polémico espectáculo se desenvolva de aquí en diante en outono e non durante as festas de María Pita.

O Concello licitou un novo concurso onde rebaixou o canon para os empresarios interesados

As facilidades postas administración local á celebración das touradas permitirán, agás sorpresa final, que os touros volvan aparecer polo Coliseum. O Concello da Coruña, tras o fracaso de agosto, licitou de novo o concurso nun intento de atraer algunha oferta, rebaixou nun 60% (de 2.500 a 1.000 euros) o canon que a empresa beneficiaria debería abonar en concepto de canon polo uso do recinto municipal e fixou a posibilidade de que, ademais da corrida de outubro, a empresa adxudicataria puidese organizar a feira taurina durante os dous vindeiros anos, nos meses de xullo e agosto, nun contrato que mesmo se podería prorrogar outros dous anos.

A subvención pública indirecta da administración local suma 95.000 euros

O Concello, para facilitar o interese das empresas xestoras de espectáculos taurinos, reducira este ano (na primeira licitación, que quedou deserta) as dimensións da feira, que se celebraría unicamente en dous días (no canto de tres). De igual xeito, prometeu seguir subvencionando parcialmente a súa celebración, achegando con cartos públicos o aluguer do Coliseum, o custo da montaxe da praza de touros, e tamén cedendo de balde as actuacións da banda de música municipal. En total, esta subvención pública indirecta suma 95.000 euros, unha cantidade case tan alta coma os 104.000 euros recadados o pasado ano por Eventauro a través da venda de entradas, da que se exclúen, obviamente, o elevado alto de invitacións que disimulan a escasa afluencia de público.

Pero non só as facilidades do Concello facilitaron a volta das touradas. A presión do lobby taurino foi intensa. O coñecido xornalista Manuel Molés leva tempo pedindo axuda e "pelexar" para "salvar" este espectáculo en Galicia e solicitou que "figuras e gandeiros" apoiasen os touros na Coruña para "evitar outra Cataluña". Ademais, Iván Fandiño, toureiro con orixes galegas, asegurou na súa conta de Twitter que aprazaría a fin da súa tempada para acudir á Coruña, mentres que outros como Serafín Marín ofrecéronse gratis no Coliseum, "vistas as dificultades polas que pasa ultimamente a festa nacional".

A presión do 'lobby' taurino foi intensa: xornalistas, empresarios e toureiros animan a "pelexar" para "salvar a festa nacional" e hai quen se ofrece a torear de balde

Celébrese a feira ou non, Galicia Mellor sen Touradas (GMST) convocará unha manifestación antitaurina nas datas previstas para a organización do espectáculo. O acto servirá, ben para celebrar a desparición das touradas da cidade, ou ben para criticar a crueldade deste evento, os prexuízos que provocan para a imaxe da cidade e "insistencia" do Goberno municipal en manter viva esta práctica. Así mesmo, Mocidade pola Abolición, colectivo integrado polos mozos e mozas abolicionistas e adscrito a GMST, vén de apelar á "desobediencia cívica contra a pervivencia das touradas co modelo de subvencións que promove o Concello da Coruña", e que nun novo contrato outorgará case 100.000 euros anuais.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.