Cualifican de "despilfarro" o desdobramento en autovía do corredor do Morrazo

Corredor do Morrazo © Gocsa

Hai dez días a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, Ethel Vázquez, asegurou en Moaña que a Xunta prevé licitar o ano que vén o proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo. O anuncio, a oito meses das eleccións municipais de maio, xa foi cualificado de "electoralista" dende distintas organizacións, unha acusación na que vén de incidir de novo a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo que, ademais, engade un amplo abano de críticas a un proxecto que, asegura, supón un desbaldimento de cartos públicos que, ademais, non solucionará os problemas de mobilidade dos concellos da comarca.

A Plataforma denuncia "como auténtico despilfarro" que a obra sexa financiada con fondos públicos, xa que "o desdobramento do corredor non solucionaría os problemas de seguridade viaria"

A Plataforma sinala que "despois de ir incumprindo os prazos de proxección desa obra dende o 2010", esta nova proxección "non deixa de ser outra especulación por parte do goberno do PP na Xunta e con claros fins electoralistas diante das eleccións municipais". A Plataforma denuncia "como auténtico despilfarro" que a obra sexa financiada con fondos públicos, xa que "o desdobramento do corredor non solucionaría os problemas de seguridade viaria" e menos aínda "de fluidez na circulación senón", e "como está dabondo demostrado, agravaríaos cun suposto efecto chamada que incrementaría unha vez máis o parque automobilístico nas estradas morracenses e derivaría en meirandes colapsos nas estradas menores da rede primaria e secundaria dentro dunha península sin máis saída que o océano".

No que respecta ás solucións de mobilidade, lembran ademais que "os prazos de entrada en funcionamento do plan de implantación do transporte metropolitano, que se especulaba íaa ser para xuño deste ano, ao final tampouco se están a cumprir, e aos poucos vai entrando a formar parte tamén da campaña electoral das vindeiras municipais".

"Mentres se siga incentivando o uso do automóbil privado nunca se vai recuperar e potenciar nas debidas condicións o alternativo e máis ecolóxico transporte colectivo"

A Plataforma denuncia que "mentres non se escatiman grandes gastos con fondos públicos para o proxecto de desdobramento do corredor do Morrazo ou da ampliación da AP-9 na ponte de Rande, os orzamentos para a implantación do transporte metropolitano sempre van ser escasos". "Un modelo de transporte é incompatible co outro, xa que mentres se siga incentivando o uso do automóbil privado nunca se vai recuperar e potenciar nas debidas condicións o alternativo e máis ecolóxico transporte colectivo", engaden.

Finalmente, a Plataforma denuncia que o desdobramento está ser tramitado "cun trazado modificado nun 30% con respecto ao inicial e sen realizar a correspondente avaliación de impacto ambiental", baixo a xustificación da existencia dunha declaración de impacto ambiental do ano 2001.

Corredor do Morrazo © Gocsa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.