0 Gardados para despois

Galicia únese á coalición europea contra a minería tóxica

Redacción | @prazapublica

Galicia únese á coalición europea contra a minería tóxica e a base de cianuro no continente. A rede Contraminacción, Salvemos Cabana e a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños forman parte desta unión de vinte organizacións non gobernamentais, grupos de acción e comunidades de máis de dez Estados de Europa que se unen contra a megaminería moderna e contaminante que "mutila o ambiente, produce contaminación por un longo período de tempo, utiliza grandes cantidades de produtos químicos altamente tóxicos como o cianuro e tamén, con frecuencia, despraza comunidades enteiras".

A coalición busca prohibir o cianuro e preséntase hoxe aproveitando a audiencia ao proposto comisario de Medio Ambiente

A coalición Bang! Ban Cyanide preséntase simultaneamente este luns en todos os países con representación nela aproveitando a audiencia ao proposto comisario de Medio Ambiente da Comisión Europea, Karmenu Vella. Porque é hoxe cando a Eurocámara comeza coas audiencias aos comisarios designados polo futuro presidente do Executivo comunitario, Jean-Claude Juncker, co obxectivo de examinar o seu historial, independencia e competencias para as súas carteiras.

O obxectivo desta coalición é "unirse para loitar contra as minas tóxicas e a minería a base de cianuro en Europa", baseándose nas experiencias dos grupos e persoas que forman parte de Bang! Ban Cyanide, "involucradas nesta loita" e que viven "en zonas ameazadas por estas minería contaminante", como no caso de Galicia e, nomeadamente, de Corcesto. O grupo europeo advirte "sobre a ameaza común" pero "propón tamén unha solución común".

"Unímonos para loitar contra as minas tóxicas e a minería a base de cianuro en Europa", advirten

"Unímonos para loitar contra as minas tóxicas e a minería a base de cianuro en Europa. Moitas das persoas involucradas nesta loita vivimos en zonas ameazadas por estas minas tóxicas. Nós, ademais de falar sobre a nosa ameaza común, estamos a propoñer unha solución común", asegura a coalición, que aposta por que se prohíba a minería a base de cianuro a través dunha campaña que comezou xa en agosto en Rosia Montana, zona romanesa ameazada pola megaminería contaminante. O grupo europeo lembra que o Parlamento Europeo xa votara en 2010 a favor de prohibir a minería a base de cianuro "ante os inmensos riscos que supón esta tecnoloxías para a saúde humana e para o ambiente".

A coalición pedirá á Comisión Europea que cumpra a resolución da Eurocámara, que votou a favor de prohibir o uso do cianuro

"Queremos converter ese voto nunha realidade, pedindo ao Karmenu Vella, candidato a comisario de Medio Ambiente, que faga cumprir a resolución e actúe en consecuencia", di a coalición, que cre que "cando as persoas se unen, gañan". "Isto é o que sucedeu recentemente en Eslovaquia, onde se prohibiu a minería a base de cianuro", lembran.

"Sabemos que a minería industrial moderna é un proceso químico con risco, que non xera riqueza senón que contamina o medio, produce pobreza e dependencia. Tamén sabemos que desarraiga ás persoas e ás comunidades. Cremos que Europa debe estar formada por comunidades fortes e saudables, cunha cidadanía que teña confianza no presente e no futuro", insiste unha coalición que denuncia que as actividades extractivas e o cianuro "están vinculados á corrupción e as decisións políticas impostas desde arriba". "Cremos que a verdadeira democracia prospera cando quen toman as decisións traballa para a xente e non polo poder e os beneficios", engade.

"Negámonos a aceptar que unha sustancia química tan velenosa como o cianuro se poida seguir utilizando en grandes cantidades na minería en toda Europa, nunha zona densamente poboada", asegura Bang! Ban Cyanide, que insiste en que o cianuro "á altamente tóxico e pode levar rapidamente á morte". "Unha cullerada dunha solución de cianuro ao 2% mata a un ser humano, e os sempre recorrentes accidentes mineiros mostran o seu impacto devastador. Cremos que chegou o momento de esixir que os responsables europeos por fin tomen medidas e fagan que a minería a base de cianuro sexa algo do pasado", aclaran.

Bang! Bang Cyanide manterá "contacto directo" cos eurodeputados para presionar a prol do veto á minería contaminante

"Unimos forzas para facer que se aborde a dura realidade que supón a minería a base de cianuro", advirte a coalición, que levará a cabo "un contacto directo" cos eurodeputados para que "incorporar a prohibición da minería a base de cianuro estea na axenda do futuro comisario". Por iso, as deputadas e deputados da Eurocámara que se fixeron eco das preocupacións do colectivo interpelarán a Karmenu Vella durante as audiencias que terán lugar este luns 29 de setembro.

A coalición contra a megaminería contaminante conta con organizacións de Bélxica, Bulgaria, Finlandia, Francia, Grecia, Alemaña, Romanía, Eslovaquia, España (nomeadamente Galicia e Asturias), Reino Unido, República Checa e Turquía. Ademais, dispón dunha completa páxina web con toda a información. "As grandes minas de ouro ao descuberto están en alza en toda Europa. Isto é algo que a cidadanía da UE, en xeral, ignora", rematan.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.