O desafiuzamento dunha familia na parroquia compostelá de Aríns devolveu hai apenas dúas semanas a problemática dos desaloxos ás primeiras páxinas da actualidade, tanto polo feito en si como pola carga policial e as detencións sufridas polas persoas que tentaban impedilo. Unha vez consumado o lanzamento a polémica na cidade continuou vinculada ao xeito en que o Concello actuara para procurar unha solución para a familia. O alcalde, Agustín Hernández, defende a actuación dos servizos sociais municipais fronte ás críticas da oposición local, que ademais se pregunta por que as persoas desafiuzadas non puideron acceder a un dos pisos de emerxencia social dos que dispón o Concello. Un deles está actualmente ocupado pola Red Madre, a organización antiabortista promovida polo Foro Español de la Familia.
Despois de que Hernández, ademais de asegurar que o consistorio fixera todo o que estaba na súa man, indicase que o caso foi "reconducido" ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e que o "cabeza de familia" non "prestara" a súa "conformidade á axuda que se lle ofrece", a concelleira socialista Mar Martín preguntoulle por escrito ao equipo de goberno polo uso destes pisos. Co anterior goberno local tres destes pisos -son cinco en total- permanecían baleiros para poder "atender necesidades ou emerxencias" cando fose necesario. Tratábase, di, en declaracións a Praza, de que estivesen dispoñibles para que persoas con problemas sociais puidesen "vivir alí transitoriamente" antes de iniciar "unha vida independente".
O grupo antiabortista anuncia o piso como 'Centro Red Madre Santiago'
O feito de que algunhas destas vivendas non tivesen ocupantes fixos foi obxecto de "cantidade de polémicas" entre o concello e a oposición municipal na etapa de Paula Prado como responsable municipal de Servizos Sociais. Foi durante o seu mandato, concretamente na Xunta de Goberno Local do 31 de outubro de 2012 -xa con Ángel Currás como alcalde-, cando se aprobou o "uso gratuíto" dun dos pisos para a Red Madre e o outro para a asociación Sarela, que atende persoas con dano cerebral e que xa dispuxera das vivendas co anterior goberno "non para que tivese alí actividades", especifica Martín, senón para "que vivisen alí persoas" que, por exemplo, estiveran ingresadas e que aínda non podían vivir soas. "Tiñan unha finalidade moi concreta e estrita", subliña.
O PSdeG compostelán pide explicacións sobre a cesión do piso, aprobada na etapa de Paula Prado como edil de Servizos Sociais
Mentres o PSdeG compostelán agarda pola explicación do Concello -este diario tamén o consultou ao respecto e, polo momento, non obtivo resposta- o colectivo antiabortista presenta este piso como Centro Red Madre Santiago na súa web, na mesma na que explica que na provincia da coruña ten a denominada Asociación Provida como "entidade colaboradora". Se este colectivo utiliza o piso "como sede" na capital galega a edil socialista advirte de que "imos presentar unha queixa ou algo a maiores, porque se estaría producindo unha distorsión do uso dun espazo público" e "unha asociación destas características non cumpre ningunha das condicións necesarias".
Outras vías de financiamento público
A cesión dun piso do Concello de Santiago non é, nin de lonxe, o único soporte público deste colectivo antiabortista. Xusto despois de recuperar a maioría absoluta en Galicia, en 2009, o PP promoveu no Parlamento a tramitación da iniciativa lexislativa impulsada polo Foro de la Familia para, formalmente, constituír unha "rede de apoio á muller embarazada". A norma, a efectos prácticos, supuxo garantir por lei o financiamento das actividades da Red Madre, que só entre 2012 e 2013 recibiu case 120.000 euros en subvencións da Secretaría Xeral de Igualdade, a maior parte para sufragar gastos de persoal. Outra das consecuencias máis rechamantes desta lei foi o "protocolo de renuncia de bebés no hospital", aprobado polo Consello da Xunta en maio de 2012 para "favorecer que a nai xestante" decida "continuar co embarazo" e "garantir a confidencialidade no caso de decisión de renunciar ao seu fillo/a".
A Xunta subvencionou con 120.000 euros o persoal da Red Madre entre 2012 e 2013
As achegas de fondos públicos á Red Madre veñen sendo criticadas reiteradamente pola oposición parlamentaria galega e tamén por outras organizacións entre as que tamén está, precisamente, Stop Desafiuzamentos Compostela. Despois de que, en novembro de 2013, a prensa local presentase o grupo antiabortista como mediador para solucionar o caso dunha familia con menores ao cargo que fora desafiuzada, a plataforma cidadá advertiu de que esta "sinistra entidade" se estaba a "aproveitar da xente en situacións de extrema vulnerabilidade para facer negocio da miseria e funcionar como altofalante das ideas máis rancias da dereita cavernaria". A Red Madre, lembraban daquela, recibía fondos de entidades bancarias como La Caixa e a antiga Novagalicia Banco.