PP e PSOE volvéronse unir en Vigo para rexeitar a demolición da cruz franquista do Castro. No pleno da corporación local celebrado este luns, os votos de populares e socialistas rexeitaron unha moción do BNG na que se solicitaba que non se recorrese a sentenza xudicial que obriga a derrubala por considerala un símbolo franquista que atenta contra a dignidade das vítimas.
O Bloque censura que un alcalde socialista se negue a acatar a Lei de Memoria Histórica promovida por Zapatero
O Bloque, a través da súa voceira Iolanda Veloso, expresou o seu desconcerto ao ver como o alcalde socialista, Abel Caballero, insistía en non acatar e recorrer un ditame baseado no cumprimento da Lei de Memoria Histórica, promovida e aprobada polo Executivo do PSOE que lideraba Rodríguez Zapatero. "É moi sorprendente que un alcalde socialista insista en dicir que é simplemente unha cruz. Xa sabemos que sabe o que é unha cruz, pero parece que non entende que é un símbolo", dixo.
Pero Caballero respondeu ata encararse coa voceira nacionalista, logo de que esta mostrase varias imaxes simbólicas de diferentes cruces ou unha parte do NO-DO na que se daba conta da inauguración da Cruz do Castro por parte do ditador Franco. "Para que esa música nunca soase aquí, eu estiven no cárcere, estiven dous anos no exilio e tiven que cruzar a fronteira con Portugal para evitar un Tribunal de Orde Pública; algúns pelexamos pola democracia, outros falan moito e pelexaron pouco", presumiu o alcalde.
Caballero encárase coa voceira nacionalista logo de que mostrase o NO-DO onde se relataba a inauguración do monumento
No mesmo sentido se manifestou o portavoz do PP, José Manuel Figueroa, que argumentou que existe un acordo plenario de 1981, aprobado por unanimidade, no que se especificaba que ese monumento pasaba a ser unha homenaxe a todos os caídos na Guerra Civil. "Non podemos dividir o que uniron outros compañeiros", dixo, ao tempo que o voceiro socialista, Carlos López Font, defendeu que o símbolo "é só unha cruz e nada máis" e que o goberno local ten "lexítimo dereito" a recorrer a sentenza.
López Font lembrou tamén ao BNG que o ex alcalde nacionalista de Vigo, Lois Pérez Castrillo, "puido tirar a cruz e non o fixo; e non necesitaba unha lei". "O que piden como oposición non o fan en Pontevedra, onde gobernan", asegurou mentres de fondo se escoitaban os berros dun grupo de membros da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, que increparon a Font pola posición do seu grupo. "Se tanto che gusta a cruz, lévaa á túa casa! Sodes fascistas camuflados de socialistas!" ou "fachas!" foron algúns lemas dos que se oíron.
"Sodes fascistas camuflados de socialistas!", berráronlle membros da asociación pola memoria histórica aos concelleiros do PSOE
En setembro de 2013, o pleno rexeitou unha moción do BNG que pedía a retirada da Cruz do Castro. Naquela ocasión, a iniciativa tivo o apoio só do BNG, o PP votou en contra e o PSOE abstívose; agora, os socialistas votaron en contra, despois de que o alcalde anunciase que se recorrería a sentenza que ordena a retirada dese símbolo.