"Non pode ser! Escaleiras mecánicas e xente sen comer!"

Unha imaxe da acampada Dominio Público Praza Pública

O pasado sábado 27 a Asemblea de Movementos sociais de Vigo convocou unha concentración contra o "colapso" das axudas sociais de emerxencia, denunciando a limitación dos seus recursos e a demora no pagamento da Risga. Ao remate da marcha, na que participaron un cento de persoas, varias delas decidiron iniciar unha acampada indefinida nos xardíns de Montero Ríos, ante a sede da Xunta na cidade, en demanda de "Pan Traballo e Teito", como destacaba un comunicado.

Os acampados, unha ducia a primeira noite, continúan no lugar este martes e esperan que nos vindeiros días se lles unan máis persoas e colectivos. O obxectivo principal é darlles visibilidade aos problemas que sofren os sectores máis pobres e excluídos da cidade. A RISGA centra moitas das súas críticas, e denuncian a tardanza do Goberno galego en conceder estas axudas, que chega aos oito meses. Esta mesma semana a Oficina Dereitos Sociais - Coia sinalaba que a pesar de que o 1 de xaneiro de 2014 entrou en vigor unha nova lei de RISGA, a Xunta aínda non desenvolveu o decreto que desenvolva a lei "e mentres as de sempre sufrimos as consecuencias dunha lei moi condicionada pola escaseza de orzamento". 

O grupo de acampados e acampadas en Vigo destaca que "diñeiro non falta" e nun dos seus carteis ("Non pode ser! Escaleiras mecánicas e xente sen comer!) critican o gasto, na súa opinión innecesario, de case medio millón de euros realizado polo Concello de Vigo nas escaleiras mecánicas, aínda sen funcionar, colocadas na Porta do Sol. 

De igual xeito, tanto a manifestación como o establecemento da acampada tiveron lugar o mesmo día no que chegaban a Vigo os cruceiros de luxo Oasis of the Seas e Celebrity Infinity, con máis de 10.000 turistas a bordo. Un turismo de alto nivel, recibido polas máximas autoridades (entre eles Alberto Núñez Feijóo, Abel Caballero, Rafael Louzán e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello), que os e as impulsoras desta acampada contrapoñen coa realidade e as dificultades que viven milleiros de vigueses e viguesas. 

Membros da policía achegáronse xa en varias ocasións até o lugar da acampada, de momento sen buscar o desaloxo da protesta. Porén, segundo algúns dos participantes na concentración, si lles indicaron que debería marchar de alí antes do 18 de outubro, cando de novo chegará a Vigo o Oasis of the Seas.

Unha imaxe da acampada Dominio Público Praza Pública
Unha imaxe da acampada Dominio Público Praza Pública
Unha imaxe da acampada Dominio Público Praza Pública
Ao remate da manifestación convocada o sábado tomouse a decisión de acampar © Roberto Solano

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.