0 Gardados para despois

SOS Sanidade Pública denuncia que a Xunta "desmantela o sistema sanitario galego"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"A Xunta de Galicia está desmantelando o sistema sanitario público galego". Así o denuncia SOS Sanidade Pública nun manifesto no que a plataforma critica a adopción de medidas "que deterioran a Sanidade Pública e favorecen os intereses das empresas privadas que se lucran a costa dos orzamentos públicos". No texto enumera moitas das medidas adoptadas polo Goberno galego en materia sanitaria nos últimos cinco anos, decisións que para a entidade supuxeron un debilitamento do sistema sanitario público, a súa "asfixia económica" e a súa "privatización", a través da externalización de servizos.

O manifesto chama a "reforzar a Alianza Social e Profesional que representa SOS Sanidade Pública" e a desenvolver mobilizacións a nivel local e galego "para frear esta estratexia de desmantelamento da sanidade pública". Neste senso anuncia tamén a elaboración dun plan de traballo de SOS Sanidade para identificar os problemas e necesidades máis importantes que afectan á Sanidade Pública Galega, establecer prioridades e propor un calendario de mobilizacións que leve á convocatoria dunha gran mobilización para poñerlle freo á privatización e recuperar os servizos sanitarios desmantelados e privatizados.

O texto chama a desenvolver mobilizacións a nivel local e galego "para frear esta estratexia de desmantelamento da sanidade pública"

O manifesto acompáñase dun completo informe no que a plataforma analiza a situación da sanidade pública galega, a través de distintos indicadores, dende o orzamento sanitario, o gasto en persoal do SERGAS, a evolución do número de traballadores e traballadoras do sistema sanitario ou o número de camas operativas. SOS Sanidade Pública sinala que o recorte do orzamento sanitario en Galicia entre 2009 e 2014 foi do 12,3%, unha perda total de 460 millóns de euros. Neste tempo, ademais, lembra que se eliminaron 2.094 postos de traballadores sanitarios e pecharon 275 camas hospitalarias. Así mesmo, subliñan que o 48,8% do orzamento sanitario foi parar ao sector privado.

  2009 2010 2011 2012 2013 2014
Orzamento sanitario 3.767.119 3.728.814 3.547.323 3.530.927 3.419.362 3.302.150
Gasto do SERGAS en persoal 1.606.405 1.664.567 1.606.385 1.604.725 1.514.726 1.509.369

Neste proceso, salienta a plataforma, foron cedidos a multinacionais e fondos de investimento importantes servizos de planificación e xestión estratéxica da Consellería de Sanidade e do Sergas, dende a historia clínica e a receita electrónica, até o sistema de citas, a loxística do sistema, o servizo de catering dos hospitais ou o mantemento dos equipos. De igual xeito, sinala SOS Sanidade Pública, a Xunta permite que sexan multinacionais privadas as que decidan os aparellos a adquirir polo sistema público. "Por un montante inicial de 88 millóns de euros mediante unha nova figura legal chamada “socio tecnolóxico” no que as mesmas empresas que fabrican os equipos (General Electric, Siemens e Philips) serán as que decidan que equipos comprar e en que hospitais, públicos ou privados, van instalarse", apunta.

Alerta igualmente da redución dos recursos de Atención Primaria, mentres medran os dos hospitais

Alerta igualmente da redución dos recursos de Atención Primaria, mentres medran os dos hospitais: "o orzamento en Atención Hospitalaria aumentou 5,3 millóns de euros e a súa participación no orzamento sanitario paso do 58,1% ao 61,4%; o de Atención Primaria reduciuse en 190,9 millóns de euros (se incluímos o gasto farmacéutico extrahospitalario), e en 33 millóns (sen a farmacia)". Neste retroceso do nivel primario, engade, "tamén inflúe a paralización do Plan de Mellora de Atención Primaria".

O texto critica o "desmantelamento das Áreas Sanitarias", un proceso "orientado a crear unha Área Única como un gran espazo físico e poboacional que abarque todo o territorio da CCAA coa finalidade de crear un mercado sanitario no que participará o sector privado", afirma SOS Sanidade Pública. O desmantelamento das Áreas están sendo utilizado, engade, "para recortar os Hospitais Comarcais de Barbanza, Monforte, Barco de Valdeorras, A Costa e Salnés".

As críticas fan fincapé finalmente na aprobación da Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias

SOS Sanidade Pública denuncia tamén que neste tempo o goberno central "cambiou o modelo sanitario e recuperou a figura do asegurado", que "vincula o dereito á atención á cotización e non ao feito de ser cidadán, poñendo fin á universalidade do sistema", e introduciu "numerosos copagamentos que sobrecargan as deterioradas economías familiares". As críticas fan fincapé finalmente na aprobación da Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias, que permite que os pacientes que superen certos límites de tempo (de 60 días de espera para intervencións cirúrxicas e 45 para consultas e probas diagnósticas) poidan acudir a un centro privado cos custes pagados con diñeiro público.

Redución do orzamento do Sergas (2009-14)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.