Profesionais, pacientes e familiares reclaman "atención integral" para a saúde mental

Cartaz de FEAFES para o 10 de outubro © Feafes Galicia

Ao redor de 75.000 galegos e galegas sofren un Trastorno Mental Grave, que lles produce unha grave situación asistencial, social e laboral. Deles e delas, algo máis de 41 mil teñen recoñecida esta condición. Coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) reivindica unha atención integral e individualizada para as persoas con enfermidade mental, así coma a dotación de recursos e soportes para evitar a exclusión social deste colectivo, e o apoio aos e ás familiares que asumen a tarefa de coidadores. Unha reivindicación na que coincide co Movemento Galego da Saúde Mental, que pide "plena atención sanitaria e social ás persoas afectadas".

Xosé Ramón Girón, presidente de Feafes-Galicia, subliña que pouco a pouco se vai corrixindo a visión de que "a saúde mental é unicamente un tema sanitario". "Os médicos e os medicamentos non son suficientes", destaca, incidindo noutras cuestións, coma o apoio ás familias ou a integración laboral destas persoas. "Tendo en conta que a falta dunha atención axeitada á saúde mental leva inequivocamente á exclusión social de quen padece a enfermidade", FEAFES-Galicia reclama "a dotación de apoios e soportes que permitan facer fronte á plena realidade destas persoas".

Inciden na necesidade de axustar a medicación á dose mínima que lles permita desenvolver unha vida o máis normalizada posible cos menores efectos secundarios

A integración laboral é fundamental. Feafes-Galicia calcula que máis do 90% das persoas con transtornos mentais está sen emprego. Xosé Ramón Girón destaca que o pasado ano pasaron polos servizos de inserción laboral da entidade ao redor de dúas mil persoas, e delas máis de 200 atoparon un traballo. "Pode non parecer moito, pero hai moito esforzo detrás: temos que garantirlle ás empresas que estas persoas sempre van ter colaboración detrás, que van recibir apoio, asesoramento...", sinala. "No tema de emprego queremos botar o resto: o que mellor pode garantir unha boa evolución a longo prazo dunha persoa con transtorno mental é ter un traballo. Como para calquera outra persoa, dende logo, pero moito máis nestes casos", engade.

"O que mellor pode garantir unha boa evolución a longo prazo dunha persoa con transtorno mental é ter un traballo"

A federación, que conta con case cinco mil socios e socias en toda Galicia, lembra tamén que as enfermidades mentais "xeran unha importante carga familiar", xa que a atención dun paciente psiquiátrico "trae asociada toda unha serie de alteracións na vida do coidador". FEAFES manexa estudos que indican que o 88% dos coidados son realizados por coidadores informais, un traballo "na maioría dos casos soportado pola nai do paciente". É neste senso que FEAFES reclama unha "abordaxe integral da enfermidade mental", que atinxa o entorno máis próximo que decote "precisa de apoios específicos como programas de axuda mutua e intervención familiar". "Non esquezamos que os amigos e familiares son un elemento esencial na recuperación das persoas con enfermidade mental, sendo ademais os segundos, hoxe en día, o único axente transformador da realidade deste colectivo", sinalan

FEAFES manexa estudos que indican que o 88% dos coidados son realizados por coidadores informais, un traballo "na maioría dos casos soportado pola nai do paciente"

FEAFES tamén incide na necesidade de axustar a medicación á dose mínima que lles permita desenvolver unha vida o máis normalizada posible cos menores efectos secundarios. Explican que hoxe en día a medicación é a única vía que teñen estas persoas para estabilizar a súa enfermidade, mais en moitos casos produce "unas secuelas devastadoras sobre os pacientes e non sempre se realiza un traballo o suficientemente preciso para acadar a dose ideal, que é distinta en cada individuo".

Esta reivindicación parte dos propios usuario dos servizos de saúde mental e constitúe o primeiro acto que este colectivo realiza dentro de Feafes-Galicia. Xosé Ramón Girón destaca que dende a Federación levaban tempo tentando implicar os pacientes “de xeito que a entidade fose o que di ser no seu nome de familiares e persoas con enfermidade mental”. Feafes-Galicia converteuse así, destaca, na primeira asociación deste tipo na que un comité de usuarios se integra como tal na dirección da federación.

Xosé Ramón Girón conclúe destacando que "é posible acabar co estigma asociado ás doenzas mentais"

Xosé Ramón Girón conclúe destacando que "é posible acabar co estigma asociado ás doenzas mentais". Asume que é "difícil" pero que con "esforzo, apoio institucional, un compromiso político e un financiamento potente" si se pode facer, "e tamén unha maior visibilización".  Pon como exemplo o caso da SIDA, que nos anos 80 tamén arrastraba este "estigma", que pesaba sobre os afectados e afectadas, e que unha década despois se puido deixar atrás.

 

"Plena atención sanitaria e social ás persoas afectadas"

O MGSM fai un chamamento a toda a sociedade para reivindicar "a plena atención sanitaria e social ás persoas afectadas"

De igual xeito, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) fai un chamamento a toda a sociedade para reivindicar "a plena atención sanitaria e social ás persoas afectadas" con motivo do Día Mundial da Saúde Mental este 10 de outubro. O Movemento quere lembrarlle á Administración e á sociedade no seu conxunto as súas "obrigas" de proporcionarlles ás persoas con Transtorno Mental Grave "os medios asistenciais, sociais e laborais precisos para poder vivir con normalidade e dignidade".

O MGSM é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental en Galicia e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioramento que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de trescentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns, organizacións sindicais e organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental.

Ao longo de toda a semana o Movemento está a realizar distintos actos, que incluirán a publicación dunha declaración con motivo do Día Mundial da Saúde Mental. Antes, xa este mércores o MGSM organiza dúas mesas redondas. En Santiago de Compostela (na Galería Sargadelos, ás 17 horas) baixo o título de Vivir con Trastorno Mental Grave e moderada por Iria Veiga, participarán Irene Martínez (psicóloga da Unidade de Saúde Mental de Noia - CHUS), Mª Mar Piñeiro Sobrido (presidenta da Asociación "Fonte da Virxe"), Begoña Portela (psiquiatra do Servizo de Psiquiatría do CHUS) e Cristina Riobó (Comité de Persoas con Enfermidade Mental).

Ao longo de toda a semana o Movemento está a realizar distintos actos

Na Coruña (ás 17 horas na Aula Magna da Facultade de CC. da Saúde) baixo o título de Día Mundial da Saúde Mental: contra o estigma e moderada por Marisol Filgueira, participarán César Salgado (voluntario no programa de TMG de Oza), Paula Tomé (Radio Prometea), Mª Carmen García Pinto (terapeuta ocupacional), Paula Suárez (enfermeira), Mª Luisa Ortega (traballadora social), Carmen Mª Guitian (auxiliar de enfermería) e Cristina Rivas (orientadora laboral), ademais das usuarias e familiares Fátima Barbeito, Noelia Menéndez, Manuel Fernández e Mª Ángeles Rodríguez.

Finalmente, o xoves en Pontevedra (ás 19.30 horas na Galería Sargadelos), baixo o título 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental. Convivindo coa esquizofrenia, intervirán María del Carmen Martínez (ex-presidenta da asociación "Alba"), Asunción Flórez de Losada (Tesoureira da Asociación "Alba"), Montserrat García (psicóloga do CRPL "Alba") e Víctor Pedreira (psiquiatra, MGSM). Ademais, haberá outros actos o dia 10 en Lugo e Monforte.

Cartaz de FEAFES para o 10 de outubro © Feafes Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.