O PP rexeitou este pasado martes no pleno do Congreso a toma en consideración dunha proposición de lei do BNG que reclamaba o recoñecemento da incapacidade permanente, unha vez esgotado o prazo máximo de duración da incapacidade temporal, a toda persoa que fose diagnosticada dun carcinoma.
A viguesa Beatriz Figueroa entregou máis de medio millón de sinaturas a prol da súa petición
A iniciativa xurdiu da petición da xornalista, avogada e paciente de cancro viguesa, Beatriz Figueora, que apañou máis de 500.000 sinaturas de apoio na plataforma Change.org, que estivo presente no pleno e que entregou o máis de medio millón de firmas a representantes de todos os grupos políticos, agás o PP que non quixo estar presente.
PSOE, CiU, Izquierda Plural, UPyD e PNV apoiaron a proposta do BNG, pero esta non saíu adiante ao non contar co apoio da maioría absoluta do PP, ao que Figueroa acusou de "falta de sensibilidade" e cuxa actitude impediu que se tomase en consideración a súa petición, pero tamén que se abrise a protección non só para enfermos de cancro, senón tamén para aqueles que sofren outras doenzas.
O BNG tramitou a proposición de lei que Figueroa elaborou coa axuda do catedrático Jaime Cabeza
Figueroa renovará agora o tratamento contra o cancro, que deixara temporalmente porque non toleraba os efectos secundarios, e agarda que sexan outros os que continúen coa súa batalla. Ademais, confía en que o Valedor do Pobo adopte algunha medida, ademais de estar á espera dun xuízo que se celebrará o vinceiro día 23 tras un recurso presentado para lograr que se lle recoñecese a súa incapacidade.
Esta muller galega leva tempo denunciando que caer enferma estando na situación de desemprego "é duramente castigado". "Despáchante cunha tarifa plana de 426 euros, o 80% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples vixente)”, explicaba o pasado febreiro nunha entrevista en Praza Beatriz Figueroa, que sen pais, sen parella, sen ningún outro ingreso e baixo o teito dunha vivenda hipotecada, sobrevive mentres loita contra o cancro.
A muller galega enferma sobrevive con 426 euros e sofre tamén os rigores do 'medicamentazo' aplicado polo PP
A historia é dura. No mes de marzo de 2011, a Beatriz diagnosticábanlle cancro de mama. Despois de perder o seu traballo e dunha depresión, pasa dúas veces polo quirófano, maio de 2011 e maio de 2012, por un proceso de quimioterapia. Ao esgotar a prestación por desemprego, solicitou o pago directo ao INSS por incapacidade temporal, pero malia ter cotizado máis de 20 anos, e unha vez rematada a prestación, recibe unicamente eses 426 euros que, segundo a propia Administración di, son dabondo para as “necesidades de vivenda, alimentación e vestido", polo que son incompatíbeis outras axudas económicas complementarias. Esta é a única axuda que recibe, pero o medicamentazo aplicado polo Goberno auméntalle as dificultades ao non estar exenta do pago do 40% das menciñas.
Beatriz Figueroa incluso apostou por levar adiante unha folga de fame do 21 de maio ao 21 de xuño do 2013, que os médicos lle aconsellaron deixar polo seu feble estado de saúde. Logo decidiu cambiar de táctica e lanzou, en xaneiro deste ano, a iniciativa en Change.org para recoller sinaturas a prol dunha proposta lexislativa, elaborada polo catedrático de Dereito do Traballo da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza. Nela aclárase que a Lei Xeral da Seguridade Social ten que ser modificada para outorgar unha protección especial ás persoas doentes de carcinoma que lles dea "unha seguridade xurídica e económica”.
A proposición pide a reforma da Lei Xeral de Seguridade Social para outorgar protección especial aos doentes de cancro
A proposta foi tramitada como proposición non de lei e proposición de lei pola deputada do BNG Olaia Fernández Dávila. E foi rexeitada. Desde o PP, a deputada Carmen Álvarez Arenas, dixo que a lexislación de seguridade social española regula xuridicamente os supostos de incapacidade permanente, a súa posible revisión, prórroga ou revogación, ademais de que a lexislación laboral contempla a reserva do posto de traballo. Recoñecendo a sensibilidade social desta iniciativa, apelou a unha análise "sosegada" de posibles cambios pero a través do diálogo social e do Pacto de Toledo porque "afecta a todos".
"As persoas con estas enfermidades teñen graves dificultades para manter os vínculos co mercado laboral"
A deputada do BNG Olaia Fernández Davila advertiu que "as persoas con este tipo de enfermidades teñen graves dificultades para manter os vínculos co mercado laboral. Cando esgotan a prestación de incapacidade temporal manteñen un vínculo profesional moi debilitado que termina ás veces con extincións e é peor para os que están en paro, moitas veces abocados ao desemprego asistencial". ademais, destacou a loita desta viguesa por abrir un debate social e agradeceu a colaboración do catedrático vigués Jaime Cabeza por redactar a proposición de lei.
A deputada do PSOE, Patricia Blanquer, defendeu que era necesario facilitar a reincorporación ou os mecanismos de reinserción a estas persoas cando a enfermidade lles impedise traballar e que se debía garantir a súa cotización durante a súa incapacidade. Tamén houbo intervencións de apoio por parte de Carles Campuzano (CiU), Emilio Olabarria, (PNV), Toni Cantó (UPyD) e de Gaspar Llamazares (Izquierda Plural). Todos eles pediron o desenvolvemento da Lei Xeral da Seguridade Social que evite casos como os de Beatriz Figueroa, que seguirá loitando e reclamando xustiza.