A Fundación Cidadá Civio é unha organización que dende hai dous anos traballa, a través de distintas iniciativas, a prol da transparencia, do libre acceso aos datos públicos por parte de calquera persoa ou organización, de cara a fortalecer a democracia. "Cremos nunha sociedade construída por unha cidadanía activa e participativa cunha forte responsabilidade democrática", destacan na súa web, na que dan conta dos varios proxectos realizados ata o momento: tuderechoasaber.es (unha plataforma para realizar preguntas a institucións públicas), España en llamas (unha web con información sobre os incendios forestais da última década), Qué hacen los diputados (un espazo de seguimento da actividade dos representantes políticos), El Indultómetro (que ofrece información sobre os 11 mil indultos concedidos dende 1997), Dónde van mis impuestos (que monitoriza a distribución dos orzamentos públicos), Quién manda? (con información entre a relación entre os poderes públicos e privados) ou El BOE nuestro de cada día (que afonda no publicado no Boletín Oficial do Estado).
"Os casos máis coñecidos de corrupción teñen que ver, ou ben con contratación pública, ou ben con conflitos de intereses, coas chamadas portas xiratorias da política, dúas áreas especialmente opacas"
Cristina Moreno, unha das integrantes do equipo de Civio, participou este xoves no IV Foro sobre Pobreza e Exclusión Social, organizado por EAPN-Galicia, onde falou da importancia da transparencia e da participación das persoas mais vulnerables nas políticas que lles afectan, e de como esta transparencia e participación cidadá enriquecen a democracia e se converten na principal arma contra a corrupción. "A transparencia e a rendición de contas son ferramentas moi valiosas para que os cidadáns e as organizacións da sociedade civil controlen o traballo das institucións públicas" -explica- "Os casos máis coñecidos de corrupción teñen que ver, ou ben con contratación pública, ou ben con conflitos de intereses, coas chamadas portas xiratorias da política, e como se toman as decisións públicas. E estas dúas áreas son especialmente opacas".
En concreto, sobre a contratación pública, destaca que "constitúe un gran buraco negro" pois "non hai información sistematizada sobre que empresas levan máis contratos por administración. Esa información está dispersa nos portais de contratación, no BOE, no rexistro mercantil e as administracións non renden contas sobre este tema". "Os procesos de contratación son xa opacos de por si, na forma en que están deseñados", comenta. "Por iso debe haber mecanismos para abrir estes procesos á cidadanía e que sexan obxecto de escrutinio público. Noutros países, en procesos de contratación importantes ou especialmente sensibles, métese a un vixilante da sociedade civil que audita todo o proceso".
O obxectivo de ¿Quién cobra la obra? é abrir datos do BOE, dos portais autonómicos de contratación e do rexistro mercantil, de cara a mapear que empresas contratan ou contrataron no pasado con cada administración
De feito, Civio vén de lanzar unha campaña de crowdfunding, a través de goteo.org para impulsar un novo proxecto de investigación: ¿Quién cobra la obra?. "Queremos que a contratación pública sexa moito máis transparente. Imos reclamar que se publique o custo final dos contratos de obras (cuxo orzamento inicial se infla con frecuencia a metade de proxecto) e tamén todas as facturas relacionadas con estes contratos, como se fai por exemplo no Reino Unido", afirman. O obxectivo é que o proxecto sexa quen de abrir datos do BOE, dos portais autonómicos de contratación e do rexistro mercantil, de cara a mapear que empresas contratan ou contrataron no pasado con cada administración.
"O noso obxectivo é poñer información sobre a mesa para que despois xornalistas ou entidades sociais a poidan utilizar", destaca Cristina Moreno. "Civio é consecuencia dun novo contexto de demanda social de máis transparencia e rendición de contas e dun novo contexto de empoderamento cidadán. A xente demanda información, compártea nas redes sociais e utilízaa nos seus proxectos sociais e no activismo cidadán", di. "Nós somos unha parte máis dese novo ecosistema, cada un no seu campo e coas súas competencias".
Os grupos de presión
"Civio é consecuencia dun novo contexto de demanda social de máis transparencia e rendición de contas e dun novo contexto de empoderamento cidadán"
Outro dos asuntos nos que Civio fixo máis fincapé é o das relacións entre os poderes públicos e privados e a actividade de lobbying realizada por grupos de presión sobre os gobernos e representantes políticos, que polo de agora mantén en España unha grande opacidade que a recente Lei de Transparencia non vai solucionar, pois foi rexeitada a posibilidade de que a norma regulase estes lobbys, como sucede noutros países. "Agora quérese incluír na reforma do regulamento do Congreso un rexistro de lobbistas. Porén, isto é só unha regulación parcial que non solucionaría o problema, porque no actual funcionamento do sistema lexislativo, a maior parte das normas veñen xa moi cociñadas dende o poder executivo, as leis chegan xa moi preparadas ao Congreso. E por iso os grupos de interese traballan máis influíndo sobre o Goberno e os distintos ministerios", destaca Cristina Moreno.
"No actual funcionamento do sistema lexislativo, a maior parte das normas veñen xa moi cociñadas dende o poder executivo"
"Queremos que se publique máis información sobre os procesos de decisión. Noutros países é obrigatorio que nos ministerios, a todos os niveis, os cargos públicos informen de con que organizacións se reuniron para tratar determinados temas. De igual xeito, podes solicitar todos os informes que utilizou un departamento para adoptar unha decisión, o rexistro de entradas e saídas do edificio... Tes acceso a tal cantidade de información que che permite facerte unha idea máis real de quen puido influír nunha determinada decisión", explica.
Nos últimos meses Civio traballa neste campo solicitándolles aos grupos parlamentarios que abran as súas axendas. "Comezamos solicitándolles aos deputados e deputadas que de forma voluntaria informasen das súas axendas de traballo", comenta. "Reunímonos con case todos os partidos e vimos que os pequenos están moito máis dispostos a facer cambios: a Chunta Aragonesista, ICV e UPyD fixérono bastante caso".
A Lei de Transparencia
"A Lei de Transparencia foi unha oportunidade perdida"
Foi o debate e a aprobación da Lei de Transparencia, criticada polo seu carácter limitado, unha oportunidade perdida? "Nós cremos que si foi unha oportunidade perdida, no senso de que se podería ter aprobado unha lei moito máis completa, se se cumpriran os estándares europeos e internacionais", contesta Cristina Moreno. "O feito de que o dereito á información non se recoñeza como un dereito fundamental e non teña rango de lei orgánica é unha eiva fundamental. E, despois, a lei é moi xeral nalgúns apartados, polo tanto ata que non saia o regulamento non imos poder ver os detalles". Nun ranking que elaborou Access Info Europe a lei española sitúanse no posto 64 das 92 leis de acceso á información existentes no mundo.
"Reclamabamos que o Consello da Transparencia tivese potestade sancionadora, e que fose o máis independente posible. Porén, decidiuse que vai ser nomeado polo Parlamento, polo tanto non terá independencia política", sinala." Tamén pedíamos que se ampliase a información de obrigada publicación, por exemplo os informes internos que encarga unha determinada administración, como si se fai noutros países".
O pasado ano o silencio administrativo foi o resultado do 57% das preguntas recibidas polas administracións, o 80% na administración local
Outro tema fundamental é o do silencio administrativo negativo. Outro dos proxectos de Civio, Tu derecho a saber, publicou informes anuais monitoreando a actuación das administracións; o pasado ano o silencio administrativo foi o resultado do 57% das preguntas recibidas polas administracións. "A lei trata este tema de forma ambigua, e até que non se publique o regulamento non saberemos como queda", comenta Cristina Moreno. "Sería un avance moi importante que as administracións estivesen obrigadas a responder, sobre todo a nivel local. Pois o silencio administrativo chega ao 80% das consultas nos concellos".
A transparencia: unha decisión política
As ferramentas tecnolóxicas fixeron que hoxe en día a transparencia nas administracións públicas dependa só da vontade política dos seus responsables. "Hoxe en día, simplemente subindo a unha web estas informacións, unha administración podería cumprir cuns mínimos de transparencia", destaca. Cristina Moreno refírese tamén aos portais de opendata, que nos últimos tempos numerosas administracións veñen poñendo en marcha: "Dende logo parécennos unha boa práctica, pero ás veces dá a impresión de que son un pouco burbulla. Parece que cada administración quere ter o seu portal, e en realidade son infraestruturas caras que non serían necesarios se se aproveitasen os recursos xa existentes".
"O importante é a calidade dos datos que publicas e como os publicas, e en moitos casos casos o que se publica non é particulamente interesante"
"O importante é a calidade dos datos que publicas e como os publicas, e en moitos casos casos o que se publica (enderezos de farmacia, de escolas...) non é particulamente interesante, e seguramente os cidadáns o que necesitamos saber é o estado da asignación orzamentaria", di. "Simplemente con abrir o rexistro mercantil en forma de opendata xa avanzaríamos moito, e non só nos obxectivos de democratización ou transparencia que perseguimos nós, senón tamén dende o sector privados no relativo a cuestións de eficiencia", salienta.