Esta non é a historia dun dos múltiples manifestos a prol da lingua galega. Tampouco o paso previo a unha mobilización na defensa do idioma. Ten a mesma intención ou, cando menos, moi semellante, pero a xénese da carta que están a piques de recibir o presidente da Xunta, a presidenta do Parlamento, o conselleiro de Educación, os presidentes do Consello da Cultura e da RAG, o reitor da Universidade de Santiago e os voceiros parlamentarios é ben diferente. Xurdiu por decantación das percepcións individuais do alumnado da materia de Educación e Sociedade en Galicia, do primeiro curso de Educación Social da USC, que sen falalo previamente deron en coincidir na necesidade de chamar a atención das autoridades sobre a saúde da lingua propia de Galicia.
"Somos estudantes que acabamos de acceder ás aulas da USC", "procedemos de diversos lugares urbanos, vilegos e rurais" e nesta materia da súa titulación "o noso profesor convidounos a responder un cuestionario sobre a sociedade galega, tanto de descrición dos seus trazos básicos socioeconómicos e culturais como de observación dalgunhas das súas dinámicas sociais". Entre as preguntas formuladas aos case 70 alumnos e alumnas figuraban dúas sobre a lingua: "Hai problemas arredor da lingua galega?". "Se os houber, como os aprecias dende a túa vida?". "O profesor -explican- obsrevou que nas nosas respostas, e así o puidemos ver tamén nós, abondaban as converxencias nos puntos de vista" e, "sen faltar a diversidade de opinións", onde "as converxencias foron maiores foi en canto á valoración do estado da lingua galega".
O escrito xorde das respostas comúns do alumnado de primeiro curso de Educación Social na USC
E, cal esa diagnose? Os e as estudantes, falantes de galego aínda que "na comunicación formal entre nós, se cadra falamos máis en castelán, consideran que o galego "non goza de boa saúde, en particular entre a xente moza, que somos parte ben notable do futuro de Galicia". Así, ollan con "gran preocupación o presente e, así pois, o futuro do galego". "Aínda nestes días pasados -explican- oímos algúns pronunciar frases de celebración" co gallo do décimo aniversario do Plan Xeral de Normalización, un plan que "case ninguén de nós coñece". "Se cadra pola nosa xuventude, non entendemos de retóricas de celebración, pero si queremso reflectir o que observamos nas nosas vidas".
Os estudantes reclámanlles ás institucións e aos partidos políticos medidas para "darlle a volta" á mala situación do galego
A carta, que antes de ser enviada foi lida polos propios estudantes na casa museo de Rosalía de Castro, en Padrón, os mozos e mozas salientan que ven "unha parte da sociedade galega, a que ten máis mediso económicos e poder de influencia social", que "non fai aprecio nin usa como sería de desexar a lingua galega". Ben ao contrario, láianse, exercen "actitudes de atranco e rexeitamento". "Nós mesmos cedemos con frecuencia e pasamos a falar en castelán, en ocasións por medo ao 'que dirán". Porén, agregan, "porque a lingua galega é un patrimonio cultural que nos identifica, porque é a lingua maioritaria das nosas avoas e avós e porque tamén é aínda é a lingua de uso máis frecuente dos nosos pais", pero tamén "porque ten sido un reto social para quen loitarn pola democracia e a autonomía" é "polo que non queremos que o galego se perda", "todo o contrario do que nos semella que está a acontecer".
As futuras educadoras e educadores "non queren dicir" que "non se estea a facer nada". Mesmo admiten que "se cadra, pola nosa xuventude, aínda non reflexionamos sobre a complexidade que pode ter recuperar unha lingau tanto tempo burlada" e "prohibida na escola por un Estado centralista e por uns sectores sociais, mesmo galegos, antidemocráticos". "Darlle a volta a todo iso probablemente sexa complexo" pero, sexa como for, nas nosas vidas non pareciamos que se estean a emprender medidas adecuadas e favorables á causa do galego". Por iso queren que "esta mensaxe preocupada" chegue ás autoridades. "Agradeceríamos ter de vostedes algunha resposta que fose máis que un escrito de volta e acuse de recibo, que tamén aceptamos", conclúen.