Cando, ao chegar o Goberno, o gabinete do PP decidiu eliminar o sistema de préstamo de libros de texto e instaurar no seu lugar o modelo alcumado como gratuidade solidaria, empregou múltiples argumentos para xustificar o recorte. Un deles resultou especialmente rechamante entre a comunidade educativa do país; tanto o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalaban que a compra de manuais permitía que o estudantado, mediante a acumulación de libros de cada curso, dese en formar unha caste de "biblioteca" en cada fogar. Cinco anos despois da tesoirada a Xunta apela dende hai meses á "solidariedade" para crear bancos de libros que palíen o seu propio recorte. Agora, ademais, culpa os centros educativos do gasto que as familias teñan que afrontar para pagar estes libros.
Esta nova culpabilización para colexios e institutos chega a través dunha resposta parlamentaria ao deputado socialista Vicente Docasar, que se dirixiu por escrito a Educación para reclamar "os datos referidos ás persoas beneficiarias e as axudas concedidas en cada unha das provincias galegas dende a posta en marcha do programa de gratuidade solidaria" e as "previsións" da Consellería "a respecto da súa implantación en soporte dixital". Como adoito, o departamento de Vázquez evita ofrecer tamén nesta ocasión todos os datos solicitados, pero si achega o devandito novo reparto de responsabilidades.
O departamento de Jesús Vázquez evita achegar as cifras de persoas beneficiadas pola "gratuidade solidaria"
"Respecto dos comentarios e críticas referidos ao modelo de axudas de gratuidade solidaria -comeza a resposta- lembramos que a Consellería ten manifestado en reiteradas ocasións que o prograam facilitou a adquisición deste material ás familias que máis o precisaban por contar con menos recursos". "En relación co interese amosado" polo PSdeG sobre as cifras concretas Educación "remítese" a varios debates sobre o tema no Parlamento e, acto seguido, considera que "hai que sinalar que a Administración educativa non fixa nin elixe os libros de texto a empregar, nin no formato impreso nin no dixital".
"O uso deste material non é obrigatorio" e "quen decide se hai libros é cada centro", di a Consellería
Nesta liña, Educación vai un chisco máis alá para proclamar que "o uso deste material non é obrigatorio" e, "ademais, quen decide se hai libros de texto ou non é cada centro educativo". Así, ademais de suxerir que o alumnado ou as súas familias poderían decidir non adquirir os libros, a Consellería despraza a responsabilidade a "cada equipo docente", no caso de Educación Primaria, e a "cada departamento", para os niveis de Educación Secundaria Obrigatoria.
Fronte á ausencia de datos ou cifras no primeiro treito da resposta, Educación si se detén nos números no que atinxe á "plataforma de contidos curriculares educativos dixitais", que se "implantará no curso 2014/2015 en 84 centros educativos". Esta plataforma, segundo a Consellería, "permitirá avanzar cara a unha educación totalmente dixital" e "estímase que a iniciativa chegará a 3.500 alumnos e alumnas" e "o obxectivo é que chegue a 22.500" no ano 2017.
Recorte na cobertura das axudas
Educación asegura que obtén "o máximo rendemento ao custo máis óptimo", pero o actual modelo sae máis caro que o de préstamo
A resposta da Consellería ao PSdeG remata indicando que "o nivel de cobertura que acada o actual sistema de axudas para a adquisición de libros de texto é significativo e está entre os máis altos do Estado, garantindo en todo caso a protección das familias con niveis de renda máis baixos", logrando "obter o máximo rendemento educativo ao custo máis óptimo posible". Fronte a esta afirmación os datos orzamentarios da propia Xunta evidencian que as axudas parciais saen xa máis caras para o erario que o anterior modelo de préstamo e, ademais beneficia menos alumnado.
Ademais, como xa relatou Praza Pública, o documento orzamentario do Goberno galego para 2014 incluía unha previsión segundo a cal os estudantes que ían recibir axudas serían case 30.000 menos que no curso anterior. Así as cousas, o os alumnos e alumnas excluídas da denominada gratuidade solidaria achegábanse xa ás 90.000.