"Que foi das 500 vivendas da Xunta para os desafiuzados?"

Concentración de Stop Desafiuzamentos en Compostela CC-BY StopDesafiuzamentosCompostela

Stop Desafiuzamentos manifestouse na mañá deste venres simultaneamente nas delegacións do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en Compostela, A Coruña, Ourense e Lugo, así como ante o edificio administrativo da Xunta en Ferrol. Nunha acción coordinada, activistas do colectivo e cidadáns quixeron "denunciar publicamente" o "abandono" por parte do IGVS "das súas responsabilidades con respecto ás familias e persoas desafiuzadas" e demandaron que se "cumpra o dereito a unha vivenda digna e adecudada", en especial para as persoas máis vulnerábeis e sen recursos.

Stop Desafiuzamentos de Lugo, A Coruña, Ourense, Compostela e Ferrol levaron a cabo a primeira acción conxunta dos colectivos en Galicia

Nesta primeira acción simultánea e coordinada entre os diversos colectivos, Stop Desafiuzamentos pregunta sobre todo ao Goberno que foi das 500 vivendas que, segundo as medidas aprobadas e anunciadas pola propia Xunta, a Administración autonómica dispón por todo o país para as persoas afectadas por desaloxos ou execucións hipotecarias e reclama que se faga pública a listaxe do parque de vivenda social baleira que hai nas diferentes cidades e vilas para a xente necesitada. Segundo os colectivos, tan só se entregaron 33 desas 500 malia haber unhas 5.000 solicitudes.

Entre berros de "aquí está a cova de Alí Babá", "desafiuzar o Partido Popular", "desafiuzamento no Parlamento" ou "Xunta de Galicia, ladrón de vivendas", foron varias ducias de membros de Stop Desafiuzamentos os que se manifestaron nas diferentes cidades para pedir "solucións prácticas" a un "problema de emerxencia habitacional" como o que ten Galicia nunhas concentracións apoiadas por BNG, EU, Anova ou Podemos.

Os colectivos antidesafiuzamento de Galicia xustifican que sexa o IGVS o destinatario das súas protestas, xa que "é precisamente a Xunta a institución pública máis cinicamente inoperativa de todas cantas teñen competencias en materia de vivenda no país e o IGVS a súa ferramenta fundamental para vulnerar os máis elementais dereitos humanos".

Stop Desafiuzamentos denuncia que Feijóo anunciou un programa de realoxo con 500 vivendas hai case dous anos do que nada se sabe

Tal e como lembra Stop Desafiuzamentos, en maio de 2012 a Xunta publicitou un decreto "para paliar os efectos da crise" sobre as familias desafiuzadas. Non obstante, e segundo denuncian os distintos colectivos, "nada se sabe dalgún caso no que se teña conseguido aplicar este decreto". Pouco máis tarde, en decembro dese mesmo ano, o propio Núñez Feijóo anuncia un Programa de Realoxo dotado inicialmente con 500 vivendas e que foi aprobado no Consello da Xunta, pero exemplos, como o acontecido na Coruña, mostran que a eficacia é nula ou incomprobable.

As vivendas deste tipo que se solicitaron na Coruña co apoio de asociacións antidesafiuzamentos foron todas denegadas, malia que varias novas aseguraran que se concederan 33 adxudicacións das que ningún dato se sabe.

Xa en xaneiro de 2013, segundo os diferentes colectivos, o director do IGVS comprometeuse con Stop Desafiuzamentos do Barbanza a que ningunha familia quedase sen dereito a unha vivenda digna, ao igual que fixo algo máis tarde co colectivo en Compostela. Non obstante, e segundo denuncian, "o único exemplo que se coñece no que o IGVS concedeu unha vivenda foi o de Aurelia Rey".

"Porén, a partir dese momento, non concedeu vivenda a ningunha das persoas que a solicitaron apoiadas polos distintos colectivos antidesafiuzamentos galegos", lembraron os diferentes movementos, que aseguran que datos do propio IGVS aseguran que tan só na provincia da Coruña hai 5.000 persoas baixo o limiar da pobreza e en grave risco de exclusión social.

Xa en abril de 2013, Feijó anuncia a sinatura dun convenio entre Xunta, concellos e Poder Xudicial para “adoptar medidas de carácter social” e “mobilizar as 500 vivendas que a Xunta ten a disposición das familias desafiuzadas”. "Non se soubo máis do tema e non temos coñecemento de ningún caso no que se teña activado este protocolo, e iso que o solicitamos varias veces", denuncian os diferentes colectivos, que lembran que a Xunta tamén emitiu unha orde en maio de 2013 pola que se determina como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais ás persoas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga. "Tampouco coñecemos caso ningún na que unha persoa desaloxada fose acollida por este programa", insisten. Nese abril de 2013, o propio Goberno asumiu que só nove vivendas estaban ocupadas por persoas desafiuzadas.

"Mentiras e máis mentiras e rir na cara das persoas desesperadas", denuncian desde Stop Desafiuzamentos

"Mentiras e máis mentiras e rir na cara de persoas desesperadas ás que lles acaban de quitar o máis elemental para ter unha vida minimamente estable, unha vivenda", insisten os colectivos, que denuncian que as institucións "estean a incorrer nun obsceno desleixo de responsabilidades cunhas consecuencias dunha gravidade intolerábel".

Os diferentes colectivos de Stop Desafiuzamentos poñen ademais varios exemplos sobre este desleixo, como o feito de que na Coruña o IGVS lle denegue unha vivenda pola vía de emerxencia a unha meuller enferma de fibromialxia e ao coidado da súa nai ou o caso de Elisabeth Salnés, en circunstancias semellantes. En Ourense, tamén se lle negou un inmoble a outra muller vítima de violencia machista, diagnosticada de trastorno depresivo e ao cargo dun fillo e dúas fillas, unha delas cunha minusvalía do 38%.

Ademais, en Compostela unha familia de Aríns de seis membros foi estafada pñor un prestamista, mentres segue a esperar unha solución que tampouco chega de ningures.

"A vivenda non é unha propiedade, senón un dereito básico recollido no artigo 47 da Constitución. Pero o IGVS e a Xunta so saben dun dereito, o dereito á mendicidade, así que rexeitan cumprir cas súas responsabilidades e manteñen 300.000 vivendas baleiras en Galicia", aseguran os colectivos contra os desafiuzamentos, que lembran que "foi Feijóo o que ofreceu ás familias afectadas 500 vivendas para resolver os seus problemas. Nada sabemos delas".

HABERÁ AMPLIACIÓN

Concentración de Stop Desafiuzamentos en Compostela CC-BY StopDesafiuzamentosCompostela
Concentración de Stop Desafiuzamentos na Coruña CC-BY StopDesafiuzamentosACoruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.