0 Gardados para despois

Doentes de cancro alzan a voz contra o "castigo" dos recortes

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Este domingo, como cada ano, celébrase o Día contra o Cancro de Mama, unha xornada de visibilización e loita que, adoito, se converte tamén nun día de reivindicación da investigación e traballo contra todas as modalidades de cancro. Esta é tamén unha xornada na que múltiples institucións e cargos públicos portan o lazo rosa que simboliza a aposta das doentes e as súas familias por dar a batalla contra a enfermidade. Nos últimos anos diversas organizacións de pacientes e de defensa da sanidade pública veñen criticando a "hipocrisía" que supón amosar o lazo rosa mentres se impulsan restricións nas prestacións sanitarias. Desta volta son tres asociacións galegas de pacientes oncolóxicos as que alzan a voz contra este "castigo".

Co obxectivo fundamental de que "as autoridades sanitarias poñan solución aos problemas e deficiencias que inciden negativamente na atención ás persoas afectadas por cancro" no canto de "castigarnos facéndonos padecer as restricións provocadas polos recortes" a Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía do CHUS, a Asociación Oncohematolóxicas Por+Vida e a Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama presentan un "prego de demandas" que comeza polas listas de espera e chega á esixencia de eliminación dos últimos recortes impostos polo Goberno central.

As organizacións de doentes reclaman máis axilidade na atención e a adecuación dos hospitais de día, centro do tratamento oncolóxico

As agardas, explican estes colectivos, non só se producen á hora de acceder a unha intervención cirúrxica, senón tamén en "probas diagnósticas" e tratamentos. Esta redución, din, ten que vir combinada cun "enfoque integran na atención", que "englobe aspectos físicos, psicolóxicos e nutricionais". Asemade, subliñan, cómpre "unha maior coordinación entre os servizos de oncoloxía e outros servizos hospitalarios, como as unidades de linfedema, así como entre os servizos de oncolcolxía e atención primaria", tamén para "facer efectivo o seguimento das secuelas e os efectos secundarios dos superviventes". No ámbito das urxencias, explican, a reclamación máis necearia é a "aplicación de protocolos específicos" que eviten "agardas innecesarias, especialmente no caso de enfermos en fase terminal".

Outro paquete de peticións enfócase a un dos puntos clave da atención oncolóxica: os hospitais de día. Nestes equipamentos, din, faise necesaria unha ampla "adecuación", que vaia dende a súa ubicación física ata o seu mobiliario ou as condicións de accesibilidade. "É necesario, ademais, que se habiliten mecanismos que melloren a xestión dos tempos de espera e que se creen sistemas de chamada que garantan a privacidade e o anonimato, tal e como contempla a Lei de Dereitos e Autonomía do Paciente do ano 2002. No hospital de día do Clínico de Compostela, por exemplo, os chamamentos do hospital de día realízanse con nome e apelidos a través da megafonía.

A prestación farmacéutica

Ao carón dos lazos rosas estes tres colectivos miran directamente ás autoridades para pedir a "supresión do copago de medicamentos orais anticanceríxenos subministrados en farmacia hospitalaria", fixado polo Ministerio de Sanidade a finais de 2013. "Se engadimos esta nova achega á que xa debemos pagar os pacientes no caso de medicamentos para os efectos secundarios, algúns deles excluídos do financiamento público -lamentan- os enfermos oncolóxicos somos un dos colectivos máis prexudicados por estas medidas".

Os colectivos de doentes esixen a fin das restricións de medicamentos por motivos económicos

Por último, as organizacións de doentes poñen o acento nunha reclamación xa expresada por AUSO-CHUS nos últimos meses: a necesidade de poder acceder con igualdade aos novos tratamentos e que ningún paciente fique sen eles por motivos económicos. É necesario, din, "axilizar o proceso de fixación de prezos dos novos medicamentos por parte da Comisión Interministerial" unha vez son autorizados pola Axencia Europea do Medicamento. Acto seguido, sinalan, os gobernos deben "garantir a equidade por parte das comunidades autónomas no acceso a estes tratamentos do xeito máis favorable para o enfermo. "Agardamos que os responsables da xestión da sanidade pública demostren o seu compromiso no tratamento e loita contra o cancro", conclúen.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Beatriz Figueroa: "Négannos o dereito á incapacidade mentres nos curamos"

A galega Beatriz Figueroa leva un bo tempo loitando contra o cancro e tamén contra as dificultades económicas e laborais ás que se enfrontan as persoas que sofren a enfermidade. A comezos de outubro a proposta de Figueroa para mellorar a protección laboral das persoas con doenzas oncolóxicas chegou ao Congreso dos Deputados co aval de medio millón de sinaturas e tivo tamén o apoio de todos os grupos políticos pero non do PP, que a bloqueou coa súa maioría absoluta. Neste 19 de outubro a xornalista e avogada viguesa lembra que a súa "batalla" segue acesa.

A súa loita "contra a Administración e, por ende, contra quen nos gobernan", ten xa un percorrido de ano e medio e Beatriz Figueroa, xunto ao fotógrafo vigués Ramón Vaquero, sintetízaa na imaxe que acompaña estas liñas. "Esixo xustiza social para termos garantidas as necesidades básicas, cunha prestación suficiente como garante a Constitución, para un dos momentos máis difíciles nos que pode verse un ser humano: a cara a cara coa morte", di.

"Negáronnos o noso dereito ao recoñecemento da incapacidade e a pensión correspondente mentres nos curamos"

"O obxectivo que me propuxen o día que me alcumaron a tola da pancarta" foi "dar a coñecer a situación de indefensión socioeconómica doutros moitos doentes de cancro". Así, no "día que mundialmente se celebra de cor rosa, eu non podo esquecer que nada cambiou" xa que "a prepotencia do partido que desgoberna este país negouse a tomar en consideración a proposición para mellorar a protección laboral e a seguridade social dos enfermos de carcinoma". "Negáronnos o noso dereito ao recoñecemento da incapacidade e a pensión correspondente mentres nos curamos", resume.

"A nosa situación segue sendo a mesma e quero denuncialo, esta vez cunha imaxe", di Beatriz. "As guerras nin se gañan nin se perden nunha única batalla", conclúe.