Galicia perderá case 210.000 habitantes en quince anos e superará por pouco os 2,5 millóns

Xente paseando pola cidade de Vigo CC-BY Iván PC

Galicia terá dentro de quince anos pouco máis de 2,5 millóns de habitantes, uns 210.000 menos que agora. Eses son os cálculos que se tiran da proxección que ata o ano 2029 elabora o Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o país perderá un total de 207.472 habitantes, un descenso do 7,6% da súa poboación, nos tres vindeiros lustros.

Galicia perdería uns 210.000 habitantes nos vindeiros quince anos

Xa que logo, e segundo este mesmo informe, Galicia tería en 2029 2.539.735 residentes, fronte aos 2.747.207 habitantes a 1 de xaneiro de 2014. Supón un chanzo máis da crise demográfica galega e rachar coa tendencia contraria que existe desde 2002, ano no que había case 2,7 millóns de persoas na comunidade autónoma, unha cifra que se incremento en máis de 50.000 ata a actualidade.

Galicia volvería ser unha das peores situadas, unha vez máis, segundo estas estimacións, sendo a terceira comunidade cun maior descenso poboacional, tan sóp superada por Castela e León (-9%) e Asturias (-8,3%). Pola contra, hai cinco autonomías que son as únicas onde se incrementarían os habitantes: Madrid, Canarias, Illes Balears, Murdia e Andalucía.   

O país sería unha das tres autonomías que máis poboación perdería, só por detrás de Asturias e Castela e León

O saldo vexetativo de Galicia tamén seguiría sendo negativo, tal e como relata o INE. E sería aínda peor, ao haber en 2028 máis de 18.000 falecementos máis que nacementos, fronte aos 11.741 da actualidade. Outra tendencia que empeora ata chegar, en quince anos, a un saldo de -88,5 persoas por cada 1.000 habitantes. De feito, os nacementos caerían dentro de 15 anos aos 12.372, 6.625 menos que hoxe en día, mentres que os falecementos manteríanse practicamente igual, con algo máis de 30.000.

O único dato positivo, sendo tan só unha expectativa, é o da emigración. Pero está por ver de aquí a aló. Segundo o INE, o saldo migratorio sería positivo en Galicia dentro de quince anos (+2%), xa que habería unhas 1.500 migracións máis que emigracións ao estranxeiro, fronte ás 1.254 emigracións máis que inmigracións que hai agora. Agárdase que en 2029 emigren de Galicia unhas 10.300 persoas, fronte ás pouco máis de 13.000 da actualidade.

O mesmo ocorrería co saldo migratorio interautonómico, que seguiría sendo positivo, pero pasando dos +634 de agora aos +2.100 de dentro de quince anos.

Aumentaría o número de fogares, pero a poboación residentes pasaría das 2,54 da actualidade ás 2,28

Por outra banda, e en canto ao número de fogares, situaríase en 1.101.082 en 2029, 26.440 máis que na actualidade, o que supón un incremento de case o 2,5% nos vindeiros quince anos, de manterse as tendencias actuais. Non obstante, ao reducir a poboación residente en vivendas familiares, o tamaño media destas vivendas pasaría das 2,54 persoas actuais ás 2,28. Ademais, a porcentaxe de inmobles uniersoais en Galicia aumentaría do 23,8% ao 30,2%.

Por provincias, A Coruña tería en quince anos algo máis de 457.000 fogares, polos 383.000 de Pontevedra, as case 135.000 de Lugo e as pouco máis de 126.000 de Ourense. 

Xente paseando pola rúa en Vigo CC-BY Iván PC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.