0 Gardados para despois

As nosas rúas teñen nome de varón

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


As rúas galegas non teñen nome de muller. Abonda con saír de casa e ollar para as placas das vías polas que camiñamos; aquelas que están dedicadas a algunha persoa concreta refírense, nunha ampla maioría, a varóns. É, dende logo, unha mostra da preeminencia masculina na vida pública galega durante os últimos anos, décadas e séculos. Porén, habería que preguntarse tamén se nos últimos anos esta situación comezou a mudar ou se na escolla de nomes para novas vías construídas (ou no cambio de denominación dalgunhas delas) se segue apostando maioritariamente polos varóns.

As profesoras da Universidade de Vigo Susana Reboreda (de Historia Antiga) e Maribel Doval (Didáctica) veñen de presentar un estudo do rueiro da cidade de Ourense, un traballo que partiu das Xornadas de Muller e Urbanismo. Unha nova mirada sobre a planificación urbanística inclusiva, organizadas por Reboreda e Doval. Na súa investigación determinaron que en Ourense, das 348 rúas con nome de persoa só 56 son femininos, o 16% do total. Destas 56 vías con nome de muller recollidas no rueiro ourensán, o 48% refírense a relixiosas baixo a denominación de Virxe, Nosa Señora de ou Santa e outro 21,5% está referido "a seres mitolóxicos". Só un 10% “alude a escritoras ou humanistas" e só se atopou unha rúa con nome de científica, outra con nome de personaxe histórico feminino vinculado á cidade;  algunha ten nomes tan xenéricos como A Marquesa ou Damas. Reboreda e Doval destacan, ademais, que case ningunha das vías con nome de muller corresponde aos centros de actividade, de comercio ou históricos da cidade, senón que quedan relegadas “a espazos menos visibles”.

En Ourense, das 348 rúas con nome de persoa só 56 son femininos, o 16% do total. Destas 56 vías, o 48% refírense a relixiosas

Nas devanditas Xornadas, as profesoras elaboraron un manifesto, xunto co medio cento de participantes, que intentarán publicar en papel ou de xeito dixital en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. No texto propóñenlle aos gobernos municipais unha revisión do nomenclátor que se contemple "a incorporación de nomes de oficios tradicionalmente desenvoltos por mulleres (leiteiras, castañeiras, tecelás, parteiras, polbeiras...)", así coma nomes de deportistas, de profesoras universitarias e de científicas, “colocando a muller no papel que lle corresponde e ofrecendo unha representación simbólica dos xéneros máis igualitaria na procura dunha cidade inclusiva afastada da realidade ao nesgo que ofrece na actualidade”.

Reboreda e Doval tamén salientan que entre as poucas mulleres recoñecidas cunha rúa en Galicia destacan Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán, si presentes en case todas as urbes. Pero destacan, en oposición, o esquecemento xeneralizado de todas as demais. Para a selección destes novos nomes suxiren que se consulten traballos (moitos deles accesibles online) que recollen as vidas e actividade de centos de mulleres galegas cunha indiscutible importancia histórica, nas súas localidades ou nos seus ámbitos profesionais ou sociais. É o caso de Mulleres ourensás, que recolle un importante número de referencias de mulleres vinculadas á cidade. Ou, por exemplo, o Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega.

 

Outros estudos

En Vigo, dos máis de 1.400 topónimos existentes na cidade, entre rúas, camiños, prazas e parques, só 44 levan nomes "de muller"

Por desgraza, o caso de Ourense non é unha excepción en Galicia, como nos últimos anos demostraron outros estudos. A Concellaría de Muller de Vigo calculou que dos máis de 1.400 topónimos existentes na cidade, entre rúas, camiños, prazas e parques, só 44 levaban nomes "de muller", referidos a persoas ou a actividades. Pola contra, os nomes "de home" superaban os 300. Ademais, ao igual que no caso de Ourense, deses 44 nomes, 14 correspondían a Santas e Virxes, 3 á realeza (Praza da Princesa, Praza de Isabel A Católica...), e outros 14 nomes tiñan carácter descritivo ou aludían a actividades (Fonte das Monzas, Finca de Dona Concha...). Tan só 13 dos nomes (alén das raíñas e santas) referíanse a mulleres concretas. Era o caso de Concepción Arenal, Julia Minguillón, Maruja Mallo, Marie Curie, María Xosé Queizán, María do Carme Kruckenberg ou Rosalía de Castro.

Dende a Concellaría destacábase que "cando falamos de discriminación de xénero, cando falamos de igualdade de oportunidades, tamén temos que dirixir a mirada a ese espazo/escenario das nosas vivencias cotiás, a cidade onde habitamos, para construír un espazo onde habitar en igualdade". Engadíase que "cómpre que nos recoñezamos, homes e mulleres, como construtores e construtoras da cidade" e denunciaba que "a presenza das mulleres a nivel simbólico segue a estar tremendamente desproporcionada".

Patricia Arias escribiu en Andaina que "nos rueiros de vilas e cidades somos poucas, moitas veces anónimas e en demasiadas ocasións relacionadas con roles femininos de carácter marcadamente tradicional"

Andaina publicou en 2007 unha completa reportaxe sobre a presenza feminina na toponimia urbana. Patricia Arias Chachero destacaba que "os nomes dos espazos urbanos lémbrannos implícita e continuamente o que somos pero tamén cales son as nosas carencias" e sinalaba que no proceso que, con distintas velocidades, se foi seguindo nos últimos anos de "introducir nomes de persoeiros destacados da cultura galega" ou de "recuperar as designacións tradicionais", as mulleres "non saímos nada ben paradas". Concluía que "nos rueiros de vilas e cidades somos poucas, moitas veces anónimas e en demasiadas ocasións relacionadas con roles femininos de carácter marcadamente tradicional".

A autora analizou o nomenclátor de varias das cidades do país e subliñaba, por exemplo, que naquel momento das máis de 400 rúas de Pontevedra, apenas 17 tiñan nomes de muller, o 4%, mentres que o 43% estaban atribuídas a varóns. En Lugo, 31 rúas rendían tributo a unha muller, mentres que máis de 170 se dedicaban a homes. Na Coruña, entre as máis de mil rúas, só o 6% tiña denominación feminina. Neste caso destacaba que na cidade si había unha maior diversidade que noutras urbes, con rúas dedicadas a Sofia Casanova, á musicóloga M.ª Luisa Durán Marquina, á actriz María Casares, a Inés de Castro, a innovadora pedagoga María Barbeito, a Marie Curie, María Zambrano, Indira Gandhi ou Mariana Pineda. Pero, ao igual que noutro lugares, tamén aparecían as virxes e santas e os seres fantásticos (rúa da Sirena, o lugar da Moura), e todo nun océano de nomes masculinos, entre eles 19 alcaldes (varóns, por suposto).

 

Está a mudar a situación?

E que sucede na actualidade? Estase a reverter esta situación, escollendo mulleres para ser lembradas cando se inaugura unha nova vía ou cando se lle muda o nome a un xa existente? Hai unhas semanas inaugurábase na Coruña a rúa María Wonemburger, dedicada a esta matemática, finada o pasado mes de xuño. O pleno municipal aprobara xa en 2010 o outorgamento dunha rúa a esta importante alxebrista. Porén, houbo que agardar ao seu falecemento para que a decisión se fixese efectiva. Moitos gobernos municipais téñense comprometido a recoñecer máis mulleres bautizando algún elemento do rueiro cos seus nomes, pero este compromiso non sempre se fai efectivo. 

O pleno municipal daCoruña aprobara xa en 2010 o outorgamento dunha rúa a María Wonemburger. Porén, houbo que agardar ao seu falecemento para que a decisión se fixese efectiva

En 2012 o Concello de Santiago aprobou unha proposta de nomes para designar un amplo conxunto de vías que aínda non tiñan unha denominación oficial. A proposta, composta por 29 nomes propios, só incluía en dous casos os de mulleres: era o caso das Irmás Fandiño Ricart, "as Marías", e da escritora Elena Quiroga de Abarca. Máis recentemente Sanxenxo aprobou novas denominacións para 30 espazos da vila, cunha presenza feminina case inexistente.

En Lugo o Concello iniciou en 2012 o procedemento para rebautizar oito rúas que até o de agora estaban dedicadas a distintos persoeiros relacionados coa ditadura franquista. Entre os nomes propostos para as novas denominacións (entre eles o moi polémico de Manuel Fraga) no figuraba o de ningunha muller. A Asociación Enriqueta Otero lembrou en 2011 que na cidade lucense tan só 25 das 210 rúas con denominación onomástica teñen nome de muller. A entidade realizou unha acción reivindicativa e fixo unha proposta concreta cunha listaxe de mulleres que lle poderían dar o seu nome a vías na cidade: Dionisia López Amado, Emilia Naveiras Fernández, Sofía Casanova, Clara Campoamor, Dolores Ibárruri, Rosalind Franklin ou Clara Zetkin, entre outras.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.