A xustiza conclúe que a policía mudou a súa versión para acusar a Jorquera no desaloxo de Aurelia Rey

Jorquera, xunto a outros concentrados na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

O xulgado contencioso-administrativo da Coruña vén de condenar a Subdelegación do Goberno por "vulnerar os dereitos fundamentais" do portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera. O Bloque asegura que o ditame constata a vulneración do "dereito de defensa e de liberdade de expresión e dereito de reunión" do parlamentario e que non se respectaron "os dereitos fundamentais básicos nunha democracia". E a sentenza conclúe que a versión dos expedientes sancionadores foi modificada para acusar o parlamentario nacionalista.

O xuíz condena a Subdelegación do Goberno por "vulnerar os dereitos fundamentais" de Jorquera

Jorquera, xunto aos portavoces municipais do Bloque e de Esquerda Unida, o secretario comarcal da CIG, o bombeiro que se negou a executar o desafiuzamento e outros activistas foran expedientados pola Subdelegación do Goberno na Coruña por participaren na protesta que, en febreiro de 2013, procuraba impedir o desafiuzamento de Aurelia Rey, unha anciá da Coruña. Entre as moitas imaxes daquela xornada dúas destacaron sobre as demais: a dos cargos públicos zarandeados e golpeados polos antidisturbios e a do bombeiro negándose a executar o desaloxo mentres amosaba un cartaz co logotipo de Stop Desfiuzamentos.

Tal e como denunciaran outros sancionados por aquela acción, a sentenza revela -segundo o Bloque- "as manipulacións feitas desde a Subdelegación do Goberno da Coruña dos expedientes sancionadores",e que o BNG cualifica de "expedientes políticos". Neles daríanse instrucións á policía para facer "denuncias políticas" non baseadas na protección da seguridade cidadá.

A sentenza advirte da "falta de calquera proba que vincule [a Jorquera] como cabeza visible dos alí concentrados"

E a sentenza á que tivo acceso Praza conclúe, con outras palabras, extremos moi semellantes. O xuíz contradí as acusacións ante "a falta de calquera proba que vincule [a Jorquera] como cabeza visible dos alí concentrados", xa que ese foi un dos cargos que se lle imputou: ser "a cabeza visible dos concentrados" e converterse nun dos instigadores do acto de protesta. Pero o ditame entende que para se converter nese líder "non é suficiente a súa pertenza a un determinado partdo político", polo que entende "vulnerado o artigo 24 da Constitución", así como "os artigos 20 e 21 do mesmo texto en relación á liberdade de expresión e dereito de reunión do agora recorrente".

A formación nacionalista destaca que a denuncia a Francisco Jorquera se iniciara con data de 27 de marzo de 2013, mes e medio despois de que ocorresen os feitos e "a diferenza doutras denuncias que foron tramitadas ao xulgado nos días inmediatamente posteriores". Para o Bloque, "evidencia a existencia dunha intervención política posterior á data da concentración", algo que tamén denunciou o bombeiro Roberto Rivas ao recorrer a sanción que lle impuxeran. Segundo a formación, esta "intervención" procura "perseguir responsables do BNG" a través dunha "manipulación do procedemento sancionador posto que, como demostra a sentenza, foi utilizada para impedir o exercicio de dereitos fundamentais".

O xuíz non atopa "unha explicación clara, coherente e crible" da razón pola que Jorquera é denunciado mes e medio depois malia non ser incluído antes no atestado policial

A sentenza tamén vai nesa liña. "Non resulta das dúas testemuñas referenciadas [policía denunciante e comisario xefe] unha explicación clara, coherente e crible da razón pola que non se inclúe no atestado o recorrente e posteriormente, case mes e medio máis tarde, este é denunciado", asegura o xuíz, que destaca que "se facemos caso ao contido da denuncia efectuada, a responsabilidade do recorrente sería maior á dos identificados no atestado remitido ao xulgado penal, xa que a actuación cualifícase como de 'xefe visible dos alí concentrados"

O bombeiro Roberto Rivas, tras presentar tamén un recurso á multa de 600 euros, coincidía co BNG en Praza ao advertir da manipulación dos expedientes policiais. "Fan un atestado e ao mes e medio fan outro poñendo as cousas que, seguramente, lles dixeron desde arriba que tiñan que poñer. Non teñen maneira legal de amolar a alguén pero danlle a volta e buscan o xeito de facelo", denunciaba.

Ademais, a sentenza tamén revela contradicións e inexactitudes nas palabras dos policías no xuízo en referencia aos supostos feitos merecedores de sanción por parte de Jorquera. "Unha vez analizadas as manifestacións dos policías [...] parece entreverse que o que se denomina empurrón carecía para eles de relevancia penal, o que produce a consecuencia de que quizais non fose tal, xa que nin tan sequera mereceu a consideración por parte da policía de posible falta de respecto á actuación dos axentes, o que se podería ter enxuizado como unha falta".

"O que se denomina empurrón carecía para a policía de relevancia penal, xa que nin foi considerado falta pola policía"

E vai máis aló. "Se ben aquí xa non se sinala empurrón ningún, si se volve reiterar que era a cabeza visible na súa condición de representante política e que animaba con berros para impedir o desafiuzamento". O xuíz volve dubidar desa versión ao "non existir nin na denuncia nin na resolución sancionadora unha especial valoración do encaixe sancionador do tipo, quizais polo parco da denuncia".

Segundo o ditame, "faise fincapé nunha serie de berros e xestos pero sen que se describa nin que expresión nin que xesto utilizou o agora recorrente [Jorquera] para provocar reaccións do público, sendo insuficiente unha fotografía para demostrar e integrar o tipo sancionador".  Así, o xuíz estima o recurso presentado polo voceiro parlamentario do BNG contra a Subdelegación do Goberno, arquívase o expediente sancionador e imponse o pago das costas á parte demandada.

"Faise fincapé nos berros e xestos, pero non se describe nin que expresión nin que xesto provocou reaccións do público"

O Bloque considera que a sentenza proba que "o PP usa a Delegación do Goberno dun xeito autoritario e instrumental, como apisonadora de dereitos fundamentais ao instruír expedientes a mantenta para sancionar a persoas polo feito de exercer ese dereitos para loitar por causas xustas como evitar deixar unha anciá na rúa".

Jorquera e Carril entran na Delegación do Goberno CC-BY-SA M. Pereira
Carga policial ante a casa de Aurelia Rey CC-BY Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.