O Decreto 76/2000 da Xunta declarou "Monumento Natural" a Fraga de Catasós, en Lalín, atendendo a que "este contorno presenta unhas características botánicas de grande importancia, singularidade e beleza" e que os exemplares de catiñeiro presentes nel "son considerados como os mellores de Europa pola súa lanzalía, espertando o interese de diversos investigadores". De nada valeu. De igual xeito, o Decreto 67/2007 do Goberno galego creou o Catálogo galego de árbores senlleiras e incluíu nel a Fraga de Catasós como "formación senlleira", sinalando no seu artigo noveno que "as árbores e formacións senlleiras que se inclúan no catálogo considéranse protexidas para todos os efectos". A protección "implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, a súa saúde e a súa aparencia", engadía este texto legal. De nada valeu.
De nada valeu tampouco a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade e outras figuras de protección, ou que haxa constancia de que boa parte de Los Pazos de Ulloa fose escrita por Emilia Pardo Bazán paseando por esta Fraga. En maio a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, emitiu unha resolución autorizando que unha liña de alta tensión (o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal LAT 132 kV O Irixo-Lalín) pase polos arredores da Fraga de Catasós, unha actuación de Gas Natural- Unión Fenosa que pode obrigar a cortar ata 2000 árbores autóctonas, a maioría castiñeiros, e moitas delas centenarias. As tres normas legais que protexen este espazo "prohiben a instalación de tendidos eléctricos no seu interior, pero non na súa contorna inmediata", destacan dende a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).
A entidade solicitou que se realicen as xestións administrativas necesarias para evitar a afectación da contorna deste Monumento Natural, lembrando que no decreto 76/2000 prohibe expresamente a instalación de "tendidos eléctricos" e reclama que se teña en conta o impacto que pode causar en toda a zona de afectación da fraga. Tamén PSdeG-PSOE, AGE, BNG e CxG denunciaron a situación, e a veciñanza do lugar, agrupada na plataforma Salvemos as fragas de Catasós, reclama igualmente alternativas, como por exemplo que a liña se constrúa seguindo a liña da N-525. Os veciños e veciñas, que xa reuniron máis de dúas mil sinaturas en Lalín, realizaron esta fin de semana unha acción reivindicativa, cunha rota de sendeirismo e un magosto, no que participaron ducias de persoas.
Tamén se iniciou unha petición online que lle reclama a Gas Natural Fenosa, Xunta de Galicia e Concello de Lalín que muden a súa postura. O texto demándalle á empresa que xa que "tanto presume do seu compromiso coa natureza na súa publicidade" busque "unha solución para a liña de alta tensión O Irixo-Lalín máis respectuosa para o medio ambiente e as persoas". Á Xunta pídelle que "antepoña os intereses das persoas aos das empresas". E ao Concello esíxelle que "protexa os intereses dos veciños e veciñas solicitando a catalogación da zona como ENIL (Espazo Natural de interese Local)", para impedir as obras. O Valedor do Pobo xa solicitou o informe de impacto ambiental da actuación, esixíndolles ás consellarías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura, de Medio Rural e do Mar e de Economía e Industria, que lle remitan esta documentación antes de 15 días.
As árbores que se verían afectadas son as que forman a contorna no núcleo da fraga, a zona na que pouco a pouco os prados van virando bosque. Non é a parte máis valiosa e densa das fragas, pero forma parte delas e coma o resto do lugar está composta por especies autócotonas: carballos, ademais de varios tipos de castiñeiros, un deles de máis de 30 metros de altura. En conxunto, as árbores presentes nestas 4,5 hectáreas rexistran unha das maiores taxas de crecemento de toda Europa. Unha das árbores, derrubada polo furacán Hortensia en 1984, tiña mesmo 270 anos, e comezara a crecer nos tempos de Felipe V. Foi o fitopatólogo norteamericano Filippo Gravatt o primeiro en reclamar, xa en 1954, a protección para este espazo, sorprendido pola súa beleza e pola resistencia destes castiñeiros ás enfermidades. 60 anos despois pode que o futuro deste conxunto arbóreo, que sobreviviu a todo tipo de ameazas durante séculos, estea no aire.