Teresa Peramato, Fiscal adscrita á Fiscal da Sala contra a Violencia da Muller, está en Galicia para ofrecer unha serie de conferencias (este mércores en Compostela, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da USC, e onte en Ourense, convocada pola Universidade de Vigo). Peramato foi membro do Grupo de Expertos do Observatorio Estatal de Violencia contra a Muller para a elaboración do Primeiro Informe Anual do Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller (2007), no que segue participando a día de hoxe.
Vén de publicar, ademais, o libro Desigualdad por razón de identidad sexual e identidad de género, homofobia e transfobia, aspectos nos que centra unha parte da súa actividade, traballando para erradicar as situación de desigualdade legal e social que sofren en distintos ámbitos as persoas por razón da súa orientación sexual ou da súa identidade sexual.
"Onde máis hai que avanzar é na reprodución asistida, pois as parellas homosexuais atopan problemas en moitas clínicas, e en moitos casos teñen que acudir a outros países para acceder á maternidade subrogada"
As persoas homosexuais seguen sufrindo unha desigualdade social, aínda que no ámbito legal si se avanzou moito. Que normas e ámbitos seguen establecendo unha desigualdade?
No ámbito do recoñecemento dos dereitos ás persoas homosexuais, hai que destacar que España se sitúa nun nivel moi alto, en relación coas lexislacións dos países da nosa contorna. En España hai matrimonio igualitario, as unións de feito teñen unha regulación moi ampla e estase avanzando moito na súa regulación igualitaria, a orientación sexual non é unha motivación para denegar unha adopción... Onde máis hai que avanzar, seguramente, é na reprodución asistida, pois as parellas homosexuais atopan problemas en moitas clínicas, e en moitos casos teñen que acudir a outros países para acceder á maternidade subrogada. E, mesmo así, cando chegan a España cos nenos, teñen problemas para conseguir a inscrición da filiación deses nenos como propios. Neste senso, a última resolución do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos está pendente de ser reflectida na lexislación española. Fomos avanzando moito, iso si, pero estamos a metade de camiño.
"Non abonda con que haxa lexislacións contra a homofobia a nivel autonómico; ten que ver unha lei a nivel estatal que protexa de forma integral, multidisciplinar e transversal os dereitos deste colectivo"
Como valora as leis contra a homofobia aprobadas nos últimos meses en Galicia e Cataluña?
Ademais do rexeitamento e a intolerancia a nivel social, o principal problema que sofren as persoas homosexuais é a ausencia dunha lei global antidiscriminación. Nos últimos meses aprobáronse senllas leis en Galicia, que foi pioneira, e Cataluña, pero non abonda con que haxa lexislacións a nivel autonómico, ten que ver unha lei a nivel estatal que protexa de forma integral, multidisciplinar e transversal os dereitos deste colectivo. Estas leis significan un avance importantísimo, supoñen un recoñecemento do problema ao que está sendo sometida calquera persoa cunha orientación sexual distinta á heterosexual. É un paso adiante. Pero fai falla unha lexislación para toda España. E eu iría máis aló: non só unha lexislación que recoñeza os dereitos do colectivo LGTB, senón que necesitaríamos unha lei antidiscriminación global que regule todo o problema da discriminación por razón de calquera causa a nivel transversal, como aquel anteproxecto que manexou o Goberno no ano 2010 e que quedou pechado nun caixón.
Na sociedade hai ámbitos, coma o deporte ou o Exército, nos que o camiño que se debe percorrer ata acadar unha igualdade real é aínda longo, non si?
Eses temas trátoos moito no libro que veño de publicar. Neses dous casos que comentas aínda non temos solucións axeitadas en España. En relación coa homosexualidade no deporte non temos ningunha regulamentación; no ámbito do deporte ocúltase a homosexualidade porque existe un rexeitamento por parte dos clubes e por parte das afeccións, o que leva a un retraemento a que as persoas homosexuais recoñezan en público a súa orientación. No que respecta á transexualidade no deporte si que contamos cunha regulamentación máis avanzada, sobre todo porque na competición feminina a transexualidade é entendida como unha desigualdade, consecuencia dunha situación de vantaxe propiciada pola base biolóxica hormonal da muller transexual con respecto á muller bioloxicamente muller. Pero o deporte é, en resumo, un campo no que debemos seguir loitando para que estas persoas poidan competir a nivel de elite e a nivel de base cunha absoluta igualdade.
No ámbito do Exército, en España avanzouse bastante, e hai que dicir que somos un dos poucos países, porque no ámbito militar atopamos unha xeneralizada discriminación, tanto para homosexuais como para heterosexuais. Iso si, podemos ter unha lexislación que protexe, pero seguimos tendo moita discriminación.
"Hai mulleres transexuais, con parellas homes, é dicir, en relacións heterosexuais, que sofren violencia, e o problema está en identificalas como mulleres para tratalas como vítimas ao amparo da nosa lei integral"
As mulleres transexuais que sofren violencia de xénero atópanse desasistidas en moitos casos, unindo as dificultades que sofre calquera muller nesta situación ás derivadas da súa condición?
A violencia de xénero exercida contra as mulleres transexuais foi unha preocupación da Fiscalía da Sala contra a Violencia contra a Muller, ata o punto de que foi un dos temas tratados pola Fiscalía Xeral do Estado nunha das súas circulares. Porque hai mulleres transexuais, con parellas homes, é dicir, en relacións heterosexuais, que sofren violencia, e o problema está en identificalas como mulleres para tratalas como vítimas ao amparo da nosa lei integral. Cando estas mulleres xa accederon ao rexistro para cambiar o seu nome e o seu sexo, non hai problema, porque son consideradas mulleres, e polo tanto son consideradas vítimas de violencia de xénero. O problema é cando son mulleres que mesmo se puideron someter a unha cirurxía de reasignación sexual, ou non, pero levaron a cabo os tratamentos hormonais correspondentes e viven como mulleres, pero non accederon ao rexistro para cambiar o seu sexo e identidade, por circunstancias diversas ou porque non poden facelo porque non son legalmente españolas. Nestes casos, a circular da Fiscalía Xeral do Estado adiantouse en 2011 e dixo que se concorrían todos os presupostos que as habilitarían para acudir ao rexistro para cambiar o seu sexo, nós dende a Fiscalía teríamolas en conta como mulleres e polo tanto dariámoslles o tratamento de vítimas de violencia de xénero ao amparo da nosa lei.
"Carecemos dun estudo criminolóxico, sociolóxico e antropolóxico que nos diga cales son as causas, as consecuencias e as características reais da violencia sobre a muller"
Cos datos máis recentes que a Fiscalía manexa sobre a violencia de xénero podemos ser optimistas en relación coa evolución desta lacra? Ou pola contra, detectan que a crise económica está supoñendo un obstáculo para que moitas mulleres denuncien estes feitos?
En dez anos que leva aplicándose a lei orgánica, o que podemos dicir é que o primeiro avance, o máis importante, foi a promulgación da propia lei. Con esta lei conseguiuse por exemplo que entre o 2005 e o 2009 se duplicase o número de denuncias por violencia contra a muller. Se en 2005 houbera unhas 65 mil denuncias por violencia contra a muller e violencia doméstica, en 2009 houbo máis de 135 mil denuncias só por violencia de xénero. A lei supuxo que saíse á luz boa parte desa violencia contra a muller que estaba oculta. Pero é certo que dende o ano 2009 até o ano 2013 rexístrase un descenso de 11 mil denuncias. Iso faríanos especular e faríanos preguntarnos por que está habendo un descenso nas denuncias: pola crise económica, polo descenso da poboación estranxeira..., pero todo serían especulacións, porque non temos traballos de fondo, carecemos dun estudo criminolóxico, sociolóxico e antropolóxico que nos diga cales son as causas, as consecuencias e as características reais da violencia sobre a muller, para poder combatela con eficacia. Esa é unha das deficiencias que vimos denunciando dende a Fiscalía Xeral do Estado dende o ano 2005. Pedímoslle reiteradamente ás institucións que se fixesen estes estudos e aínda non os temos, o que nos leva a ter menos posibilidades de acertar nas medidas a adoptar para erradicar a violencia contra a muller.
"Necesitamos que todos os profesionais que loitan contra a violencia contra a muller -xuíces, avogados, fiscais, os equipos psicosociais- teñan unha formación específica en violencia de xénero"
Que pasos faltan por dar? Onde se debe incidir para loitar con eficacia contra a violencia de xénero?
Cremos que coa lei orgánica avanzamos moito, pero o escollo fundamental, e onde temos aínda que avanzar é en formación e en especialización. Necesitamos que todos os profesionais que loitan contra a violencia contra a muller -xuíces, avogados, fiscais, os equipos psicosociais- teñan unha formación específica en violencia de xénero, é dicir unha formación no que significa a violencia sobre a muller, nas características das vítimas, que son ben distintas a outras vítimas, e por suposto nas consecuencias da violencia. Só se temos unha formación axeitada poderemos dar unha resposta máis axustada e axudaremos de verdade as vítimas e avanzaremos na loita contra esta violencia.