A unión galega contra a minería salvaxe reafírmase na loita por riba das "mordazas"

Un momento do II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza © Contraminacción

"Se algo quedou claro é que todo o noso territorio está ameazado pola proliferación de proxectos mineiros en fase de permiso solicitado, concedido ou de explotación e que se suman ás explotacións de mineral xa en activo". Esta foi a conclusión á que chegaron a vintena de colectivos que este sábado celebraron o segundo Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza. Para facelo, segundo a plataforma Contraminacción que reúne todos os colectivos contra a minería salvaxe, moitas empresas "non só realizan a súa actividade saltándose a legalidade vixente e destruíndo espazos como solos rústicos de protección agropecuaria, reservas da biosfera ou Rede Natura; senón que, no caso concreto de Cementos Cosmos, tamén pasaron á represión dos e das activistas que denuncian estas ilegalidades".

"Todo o noso territorio está ameazada pola proliferación de proxectos mineiros ou explotacions en activo"

Refírese Contraminacción ao caso de Marcos Celeiro, presidente da Asociación Cultural O Iribio de Triacastela, que denunciou esta empresa por estar a desenvolver a súa actividade sen os permisos e licenzas pertinentes e se atopou cunha demanda da cementeira de 45.000 euros máis as costas xudiciais do proceso, tal e como publicara Praza Pública.

"Todas as organizacións e colectivos que formamos parte da plataforma Contraminacción solidarizámonos con Marcos e co resto de activistas do Iribio que están ameazados e ameazadas", aseguran desde o encontro que se celebrou este sábado, desde onde lanzaron unha "mensaxe clara e inequívoca á patronal mineira": "Nin esta nin ningunha outra tentativa de amordazarnos van impedir que sigamos denunciando as ilegalidades que cometen nin o feito de que, coa complicidade da Xunta, pretendan apropiarse do noso territorio para o seu lucro privado e a costa de destruír e envelenar o noso medio natural e atentar contra sectores produtivos vitais para a nosa economía como a agricultura, a gandería ou a pesca".

Os vinte colectivos solidarízanse con Marcos Celeiro e advirten á patronal mineira que "ningunha intentativa de amordazalos vai impedir que sigamos denunciando as súas ilegalidades"

Todos os prexuízos sobre a economía e o medio natural que provocan varios dos proxectos mineiros en Galicia. Este foi un dos temas principais analizado no encontro, onde se debullaron algúns como os que Erimsa pretende levar a cabo na Terra Cha ou Edgewater en Bergantiños, ou explotacións en marcha como a de Cementos Cosmos en Triacastela. "Estes exemplos deixan ben claro que a destrución irreparable do noso patrimonio e dos postos de traballo que provoca a minaría salvaxe sáelle infinitamente máis cara á sociedade galega que os lucros particulares que obteñen desa explotación os accionistas dunhas empresas que, na maior parte, adoitan ser estranxeiras", asegura a plataforma, qu eengade  á lista importantes bisbarras afectadas como A Fonsagrada, O Courel, Barbanza, a Serra do Galiñeiro, Ordes ou A Limia.

Polo demais, o II Encontro sobre os Impactos da Minaría, tamén tivo tempo para unha parte didáctica na que as persoas asistentes "se formaron en lexislación urbanística e medioambiental de cara a ter ferramentas para investigar os atentados da minería salvaxe contra os nosos bens comúns e acadar, a maiores, a capacidade para levar adiante procesos de denuncia contra as empresas infractoras".

Un momento do II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza © Contraminacción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.