Toman A Fracha para rexeitar o proxecto da A-57

Roteiro polo Monte Fracha © Salvemos A Fracha

Arredor de 250 persoas a pé e en bicicleta responderon este domingo á chamada da plataforma Salvemos a Fracha e Masa Crítica para "tomar A Fracha" contra o proxecto da autovía A-57 que está a promover o Ministerio de Fomento e que, no seu primeiro tramo, "leva por diante o monte da Fracha" en terreos dos concellos de Pontevedra e Vilaboa. “Esta serra pola que acabamos de camiñar e pedalear hoxe deixaría de existir tal e como a coñecemos”, denunciaron os convocantes.

Unhas 250 persoas "tomaron A Fracha" para rexeitar o proxecta da autovía A-57 que "levaría por diante o monte"

Unha andaina e unha marcha BTT percorreron desde as 10 horas da mañá os montes afectados polo trazado do primeiro tramo da A-57  para chamar a atención sobre "o impacto que terá esta infraestrutura no ámbito e nos usos sociais que lles dan os cidadáns". Entre os participantes había integrantes de distintos colectivos pontevedreses como Vaipolorío, a asociación Monte Pituco, Masa Crítica, Greenpeace ou UPyD e persoas chegadas dende todo Pontevedra, Vigo, A Coruña ou Estremadura.

Os convocantes lembran a afectadión sobre depósitos de auga de decenas de casas

Os participantes que ían a pé e os que fixeron a ruta en bicicleta realizaron distintos percorridos, pero ambos os dous comezaron a remataron no lugar de Pintos, na parroquia de Marcón, nun dos puntos máis afectados polo trazado proxectado para a A-57. "O punto de saída e reunión quedará partido en dous por un noiro de 60 metros de alto e 100 de ancho", di a plataforma, que lembra que "alí están ubicados na actualidade os depósitos que nutren de agua varias decenas de casas e que van quedar arrasados pola autovía".

Ambas as dúas rutas fixeron un percorrido circular e prolongáronse durante tres horas, confluindo no Alto da Fracha, un mirador natural sobre as rías de Pontevedra e Vigo. Nese punto os participantes deixaron depositada unha bandeira verde coa que se busca concienciar aos numerosos pontevedres que o frecuentan de que en caso de que o proxecto siga adiante, o asfalto e o formigón partirán en dous a Serra da Fracha e ameazarán especies de fauna e flora únicas e en perigo de estinción.

"O realmente útil sería liberalizar a AP-9, máis beneficioso para todos e evitaría un desastre medioambiental"

Xa de regreso, os participantes degustaron unha castañada, café, chocolate e refrescos, cos que repuxeron forzas mentres tocaba un grupo de gaitieiros e unha veciña de Marcón, Bibiana Piñeiro, leu un manifestó reivindicativo no que denunciaron que a A-57 “é un devalo de cartos públicos cando o realmente útil sería liberalizar a AP-9. Sería máis beneficioso para todos e ademáis evitaría un desastre medioambiental. É o colmo do despropósito. E un despilfarro en época de recortes. É un capricho político ao que os hoxe aquí presentes dicimos non”.

Roteiro polo Monte Fracha © Salvemos A Fracha

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.