Nin sequera seis figuras de protección salvan A Frouxeira

Lagoa da Frouxeira, en Valdoviño © Adega

A Xunta vai iniciar, un ano máis, os traballos de baleirado mecánico da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño. Anunciouno a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e, segundo denuncia ADEGA, as máquinas "xa están instaladas sobre as dunas e só agardan a orde para iniciar o baleirado artificial da lagoa". A entidade ecoloxista lembra que o humidal conta con seis figuras de protección que impiden esta actuación e alertan de que "a Xunta, que no seu momento permitiu a construción dun deficiente paseo litoral emprazado por baixo da cota de inundación ordinaria do humidal, prefire degradar e alterar o equilibrio ecolóxico deste espazo, antes que modificar unha obra impactante que nunca debeu construírse dese xeito".

ADEGA sinala que "co diñeiro desbaldido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza nas distintas actuacións e baleirados anteriores, o paseo xa podería estar reformado evitando ter que meter de novo as másquinas na lagoa". A entidade púxose en contacto coa Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG, co Comité Español de Humidais e coa Secretaría da Convención Ramsar. A lagoa da Frouxeira é un humidal de importancia internacional, que conta con algunhas das máis importantes figuras de protección para este tipo de espazos (ZEPVN, humidal protexido, humidal sensible, LIC, ZEPA, e Ramsar).

ADEGA sinala que "co diñeiro desbaldido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza nas distintas actuacións e baleirados anteriores, o paseo xa podería estar reformado evitando ter que meter de novo as másquinas na lagoa"

ADEGA lembra que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza promoveu un "nefasto e mutilado" Plano de Conservación que "non achega ningunha solución aos graves problemas que sofre este espazo". A entidade sinala tamén persoalmente o actual Xefe de Servizo de Conservación da Natureza da Coruña e antigo Subdirector Xeral de Espazos Naturais, Rogelio Fernández. ADEGA denuncia que Fernández "cesou no seu cargo tras un escandoloso viaxe a Colombia mentres ardían o Monte Pindo e outros singulares espazos naturais". E engade que outra das súas actuacións, o dragado da Ría de Ferrol, levarao este mesmo venres 14 de novembro a declarar perante o xuíz "acusado polo Fiscal de prevaricación, falsidade documental e delicto ambiental".

Lagoa da Frouxeira, en Valdoviño © Adega
Acción das máquinas nas dunas © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.