A plataforma Salvemos Catasós, formada por entidades sociais e pola propia veciñanza oposta ao trazado da liña de alta tensión O Irixo-Lalín que podería obrigar a cortar centos de árbores nesta valiosa fraga, mantivo unha xuntanza este martes con representantes da empresa responsable da actuación, GasNatural-Fenosa. Esperábase que nesta xuntanza, na que tamén participou o alcalde de Lalín, a empresa presentase algunha alternativa á súa proposta inicial, como un trazado seguindo a N-525, ou o propio soterramento parcial da liña, opción defendida pola plataforma.
Porén, segundo denuncian os veciños e veciñas, neste encontro "Gas Natural Fenosa non expuxo ningunha nova alternativa e deixou moi claro en todo momento que a opción manifestada pola veciñanza e a Plataforma non se contemplou en ningún momento".
A empresa apóiase no artigo 8 do Real Decreto 1048/2013, que sinala que "as liñas da rede de distribución que discorran en solo rural cuxa autorización de explotación se outorgue en data posterior á de entrada en vigor do presente real decreto serán retribuídas como liñas aéreas”. Dende a Plataforma responden que esta norma "nin obriga a facelas aereas nin prohibe que se fagan soterradas, só estipula como serán retribuídas" e que "non está prohibido soterralas", polo que a solución ofrecida pola empresa é só unha das posibles. Ademais, defenden que a opción proposta de sobreelevar a liña "non minimiza de ningunha maneira o risco para a fraga das Casas Vellas, pois inmediatamente se faga a lei de prevención de lumes forestais obrígalle ás espolas e cortas de rigor polo paso do cableado".
Denuncian que "Gas Natural Fenosa non expuxo ningunha nova alternativa e deixou moi claro en todo momento que a opción manifestada pola veciñanza e a Plataforma non se contemplou en ningún momento"
Salvemos Catasós denuncia "o interese económico" como "único móbil" de Gas Natural-Fenosa e asegura que "denunciará" ante a opinión pública e os organismos competentes "as súas mentiras".
O PP rexeita soterrar a liña
AGE presentou no Parlamento unha proposición non de lei para pedir o soterramento da liña e evitar así o dano a esta valiosa Fraga. "Non existe ningunha razón máis que a económica, a de defender unha multinacional fronte á defensa dos veciños, para seguir adiante con este ataque ao noso patrimonio, contra a nosa biodiversidade e contra a nosa memoria", defendeu Juan Fajardo. Porén, o PP votou en contra da proposta e impuxo a súa maioría absoluta.