"De non haber mobilizacións, estarían xa en marcha unha ducia de unidades de xestión clínica"

Capa do libro © Laiovento

"Este libro é un dos mellores documentos que se publicaron en España sobre o que está ocorrendo na sanidade pública. É unha mina de información. É, sen dúbida, un libro que se converterá nun punto de referencia para todos aqueles movementos sociais que loitan para conseguir un mundo e unha sanidade mellores. Debería ser unha lectura obrigatoria nas institucións de ensino do país". Vicenç Navarro non aforra eloxios na introdución que lle fai a La salud como negocio, libro editado por Laiovento e coordinado por Pablo Vaamonde, que naceu como unha simple tradución ao castelán de A saúde como negocio, a obra colectiva que en 2012 alertaba do proceso de desmantelamento do sistema sanitario público, sobre todo analizando a experiencia das comunidades autónomas gobernadas polo PP, como Galicia.

Porén, a vitoria electoral dos populares nas eleccións xerais de 2011 e a aprobación dunha serie de medidas lexislativas e de políticas fixo que o libro, ao final, tivese que ser reescrito practicamente na súa totalidade. A obra, que vén de chegar ás librarías conta con traballos de análise de Marciano Sánchez Bayle (presidente da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública de Madrid), María Luisa Lores (Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública), Manuel Martín (SOS Sanidade Pública) e Sergio Fernández Ruíz (vicepresidente da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública de Madrid), ademais do propio Pablo Vaamonde. Así mesmo, Xosé Manuel Beiras escribe o seu prólogo, no que destaca que "esta obra constitúe unha lúcida e valente acción en defensa da cidadanía. A este combate contra a tiranía contribúe no laboratorio das ideas e na práctica da denuncia valente". 

O libro presentarase na Coruña o 26 de novembro, e tamén o fará nas vindeiras semanas en Monforte, Pontevedra e Vigo. Para máis adiante quedarán outras presentacións, aínda sen data, en Madrid ou Barcelona. Pablo Vaamonde espera que a obra interese “sobre todo as persoas do sector, pero tamén o resto, porque isto aféctanos a todos”.

"Eses procesos privatizadores comezaran xa antes nas autonomías nas que o PP gobernaba, pero é a partir de 2012 cando o fan a nivel global e con apoio lexislativo"

Ía ser unha simple tradución ao castelán, pero ao final a realidade obrigouvos a facer, practicamente, un libro novo. Que cambiou nestes dous anos?

A saúde como negocio publicouse na primavera de 2012 en Laiovento, foi un encargo persoal de Pancho Pillado. O PP gaña as eleccións en novembro de 2011, toma posesión en decembro e comeza a lexislar xusto cando nós sacamos ese primeiro libro. A partir dese momento cambian tantas cousas, tanto a nivel lexislativo como de estratexias políticas, que cando barallamos a idea de traducir a obra ao castelán, decidimos que practicamente tiñamos que facer un libro novo. Eses procesos privatizadores comezaran xa antes nas autonomías nas que o PP gobernaba, pero é a partir de 2012 cando o fan a nivel global e con apoio lexislativo. O RD 16/2012 publicouse en abril; é un decreto longo, moi prolixo, moi detallado. Teño a convicción de que cando eles, na campaña electoral que os levou ao poder, dicían que non tocarían a sanidade e os servizos públicos, xa tiñan esta lei elaborada.

"Esta xente que nos goberna non cre na igualdade das persoas, non cren que as persoas con máis ingresos teñan a obriga de financiar a prestación sanitaria da xente que ten menos"

Que efectos tiveron estas políticas?

A exclusión de moita xente do sistema sanitario -non só persoas sen papeis, senón unha parte da mocidade-, o repago dos pensionistas, a exclusión de máis de 400 medicamentos, un gasto que se traslada ás economías familiares xa bastante castigadas... Ademais, crean tres categorías na carteira de servizos, que antes era única. A idea, seguramente pactada coas aseguradoras, cos lobbies da medicina privada e coas grandes farmacéuticas, é que haxa unha cobertura da carteira básica e que o resto teña que ser contratada ás aseguradoras. Creáronlles ás aseguradoras un espazo tremendo de negocio que antes non existía. No libro tentamos describir o impacto deste decreto. Detrás desta lexislación hai unha motivación ideolóxica, porque esta xente que nos goberna non cre na igualdade das persoas, non cren que as persoas con máis ingresos teñan a obriga de financiar a prestación sanitaria da xente que ten menos. Queren recuperar unha sanidade dualizada: de calidade para os ricos e de beneficencia para os pobres. A segunda motivación é a económica: aquí rematou o negocio do ladrillo e abríronlles estes novos nichos de negocio.

Neste tempo houbo, con todo, algunha vitoria, produto da mobilización, como pasou en Madrid...

Si, porque en Madrid estaban entrando a saco. Querían privatizar sete hospitais, máis de vinte centros de saúde... Conseguiuse frealo, houbo unha mobilización moi ampla, moi plural. Un dos capítulos do libro analiza como se levou a cabo a mobilización da marea branca.

"Eu teño a certeza de que se non nos tivésemos mobilizado os traballadores, habería xa en marcha unha ducia ou dúas ducias de unidades de xestión clínica"

E en Galicia?

En Galicia houbo unha mobilización máis limitada, pero eu teño a seguridade de que se non nos tivésemos mobilizado os traballadores, habería xa en marcha unha ducia ou dúas ducias de unidades de xestión clínica. Eu sei, con certeza, de que na Coruña estaban listos o centro de saúde de Sada, a unidade de Cardioloxía e a de Saúde Mental. Na área de Santiago, o centro de saúde da Estrada. Proxectos moi avanzados todos. Creo que a mobilización dos traballadores freou este proceso. Foi unha vitoria, pero unha vitoria parcial e momentánea, porque volverán á carga.

Hai certas medidas, coma os intentos de privatización de hospitais, que son moi rechamantes, alarman moito a poboación. Pero en paralelo lévase a cabo unha lenta desmontaxe do sistema, que se cadra é máis difícil de percibir. En Galicia córrese o risco de que se avance no proceso de desmantelamento do sistema sanitario sen que a sociedade sexa consciente das súas consecuencias?

Hai unha certa alerta entre os profesionais, pero é certo que moitas das medidas se realizan con pouco ruído, á caladiña. A externalización do servizo de esterilización publicouse nun boletín europeo. Cando tivemos noticia da privatización do servizo de almacenamento e loxística, hoxe localizado en Negreira, xa era un feito consumado. Estas pequenas medidas teñen un efecto tremendo; por exemplo, a privatización da tecnoloxía ten un impacto gravísimo, ou a externalización dos servizos informáticos ou da central de chamadas, que manexan datos sensibles.

"Estanse facendo as cousas ao revés: nun tempo de crise os expertos e organismos internacionais recomendan que hai que fomentar aínda máis a atención primaria e reducir o abuso do hospitalocentrismo"

Seguramente unha das áreas máis prexudicadas polas políticas recentes é a da atención primaria, que é a base do sistema e a porta de entrada a el, non si?

Si, o Goberno bipartito de PSdeG e BNG apostou pola atención primaria, cun incremento do financiamento, un Plan de Mellora que implicaba a dotación de medios, de persoal, a formación, para incrementar a capacidade tecnolóxica e a capacidade de resolución. Por exemplo, púxose en marcha a historia clínica electrónica, que supuxo unha mellora espectacular na atención. O Goberno do PP suprime o Plan de Mellora, suprimen as xerencias de Atención Primaria e agora promoven as unidades de xestión clínica, houbo unha gran redución orzamentaria para atención primaria. Estanse facendo as cousas ao revés: nun tempo de crise os expertos e organismos internacionais recomendan que hai que fomentar aínda máis a atención primaria, as actividades preventivas e reducir o abuso de tecnoloxía e do hospitalocentrismo. Todas as medidas aplicadas van en sentido contrario. E fano non porque preocupe a atención da xente, senón porque buscan o negocio.

Capa do libro © Laiovento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.