O BNG acusa a Medio Rural de buscar a "privatización" dos montes comunais

Os montes veciñais en man común suman ao redor de 673.000 hectáreas en Galicia © Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (GIEEA)

A deputada do BNG Tereixa Paz esixiulle explicacións á conselleira de Medio Rural Rosa Quintana sobre a aplicación da Lei de Montes que obriga a pagar “unhas supostas débedas” antes de agosto de 2016, asegurando que "no caso de non aboalas serán espoliados do dereito de xestión, entregando o monte a empresas privadas”. Paz criticou a intención do Goberno galego de “cobrarlles ás comunidades unhas cantidades difíciles de xustificar” e sinalou que a Xunta “non fai públicos os datos de gastos e ingresos” producidos nos últimos anos derivados de convenios e consorcios, polo que "esas cantidades que pretenden cobrar as comunidades son arbitrarias”. 

Rosa Quintana negou estas afirmacións e sinalou que "a Xunta non vai expropiar nada, nin vai deixar aos comuneiros e comuneiras sen monte, nin lle vai dar nada ás empresas privadas. O único que vai facer é aplicar a lei e defender os intereses xerais dos galegos e galegas, tamén dos comuneiros e comuneiras” e lembrou que a Lei de Montes Veciñais establece no seu artigo 2 que os montes veciñais en man común son "bens indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembargables".

Estas débedas obxecto de debate proceden dun anticipo para a plantación de árbores e o seu mantemento entregado pola Xunta ás comunidades de montes

Estas débedas obxecto de debate proceden dun anticipo para a plantación de árbores e o seu mantemento entregado pola Xunta ás comunidades de montes. Segundo o Goberno galego, estes contratos establecen que dos ingresos obtidos en cada aproveitamento do arborado plantado, a Consellería do Medio Rural e do Mar recibirá un tanto por cento en concepto de anticipo reintegrable ata que se cubra o saldo debedor.

Rosa Quintana cualificou como "inxusto pedir" e conceder "unha condonación das débedas a determinadas comunidades cando hai moitas que aboaron a súa débeda e moitas que xestionan correctamente os seus montes e teñen ingresos sen necesitar do apoio da Administración". A conselleira asegurou que, no caso de que unha Comunidade de Montes non pague estas cantidades antes da data prevista “non se lles expropia nin arrebata a propiedade, senón que se lles priva de recibir axudas e subvencións”. 

Paz reclamou utilizar os montes veciñais como “punto de partida” cara un novo modelo forestal baseado na ordenación preventiva dos montes, o seu aproveitamento multifuncional e as producións de calidade

No debate parlamentario, Tereixa Paz reclamou así mesmo utilizar os montes veciñais como “punto de partida” cara un novo modelo forestal baseado na ordenación preventiva dos montes, o seu aproveitamento multifuncional, as producións de calidade e xeración de riqueza para a “veciñanza comuneira”. A deputada nacionalista engadiu que “vostedes, machucaron os sectores produtivos galegos e os servizos públicos  e agora queren facer o mesmo cos montes veciñais para privatizalos”.

Os montes veciñais en man común suman ao redor de 673.000 hectáreas en Galicia © Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (GIEEA)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.