Pandeiromus pecha unha xornada de grande afluencia á feira de Arzúa

Demostración gastronómica Dominio Público Praza Pública

A XI Feira Ecolóxica de Arzúa celebrou este sábado unha primeira xornada cargada de actividades e con gran afluencia do público. A organización destacou a boa "resposta" dos visitantes no que se confirma como o encontro por excelencia do sector verde en Galicia. A música puxo o peche á xornada, coa actuación de Mamá Cabra destinada ao público familiar e facendo as delicias dos máis pequechos. Pola súa banda, Pandeiromus encargouse de poñer o broche final coa agardada presentación do seu terceiro disco: Teño días.

Antes, pola mañá a mesa redonda Protexer o noso: A política verde en Galicia reuniu os voceiros parlamentarios de medioambiente. Deste xeito, Santiago Freire (PP), Ana Pontón (BNG), Patricia Vilán (PSdeG) e Antón Sánchez (AGE) amosaron as propostas políticas na materia nunha conversa na que tamén participou Pablo Leira, representante da Marea Atlántica, que acudiu ao debate para amosar unha visión en conxunto da situación en Galicia, mais dende unha vertente local.

Este domingo, a Feira pechará as portas desta undécima edición. As demostracións e obradoiros de moldeado de cristal, pinturas ecolóxicas ou cueiros lavables centrarán a xornada formativa, na que destaca sobre todo a sesión O novo regulamento da Xunta para a venda directa de produtos primarios, que ofrecerá Hortensia Visos, de Global Consultores a partir das 11 horas.

 

Pandeiromus

Na xornada do sábado destacou sobre todo a presentación do novo disco de Pandeiromus, Trátase do terceiro traballo discográfico -despois de En conserva (1998) e Tolerías (2002)- dunha formación creada en Santiago en 1992 e que, dende o seu nacemento, espallou o seu son con visitas por Galicia, España, Portugal e o resto de Europa converténdose na primeira banda masculina de pandeireta.

Con este novo álbum, Pandeiromus abrirá un proxecto máis amplo, unha triloxía discográfica que se irá desenvolvendo ao longo do próximo ano. O disco Teño días supón un paso adiante na traxectoria de Pandeiromus, un grupo cuxa base musical se sustenta no traballo de investigación e recollida da música tradicional do noso país. “Durante anos, máis de doce anos, dedicámonos a pescudar nas raíces, nos sons, na tradición e, en definitiva, en todo aquilo que emociona a un pobo dende a súa identidade. Tiñamos e temos a intención de que non se perda ese patrimonio. Por iso espallámolo nas nosas actuacións e nos nosos discos”, sinala Topo Vidal, un dos compoñentes de Pandeiromus.

Teño días, con catro cancións, conta coa participación de dous poetas, que crearon senllas letras para que fosen musicadas por Pandemonius. Xavier Picallo regaloulles o texto da canción que lle pon nome ao disco. Pola súa banda, Séchu Sende asina a letra de Unha muller e outra muller.

A súa é unha evolución aberta, xa que a resposta dos seguidores marcará o ritmo para a segunda entrega do tríptico, Teño noites, que sairá no 2015 con outros catro temas. Polo tanto, estes dous primeiros discos servirán tanto para tomarlle o pulso á esa evolución como para poñer as bases ao pretendido resultado final: un disco conclusivo con todas as cancións presentadas e outras novas, con colaboracións especiais e un sentido único.

Imaxe xeral do recinto Dominio Público Praza Pública
Unha actuación de Pandeiromus Dominio Público Praza Pública
Demostración gastronómica Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.