O BNG esixe a retirada dos 13 símbolos franquistas aínda existentes en Vigo e comarca

Os 13 símbolos franquistas localizados en Vigo, Baiona e Nigrán © BNG

O BNG levou a cabo nas últimas semanas a campaña Fascismo Nunca Máis, que buscaba localizar e identificar a simboloxía franquista aínda existente en Vigo e nos concellos da súa comarca. A campaña, que contou coa colaboración de varios cidadáns e cidadás, que denunciaron a pervivencia dun bo número de símbolos da ditadura.

En total son 13, destacando por riba de todos a Cruz do Castro, sobre a que pesa unha sentenza do TSXG, recorrida polo Goberno municipal vigués, que obriga á súa demolición. Ademais, o franquismo continúa á vista de todos en varios escudos e placas en edificios da cidade olívica, unha placa no templo votivo de Panxón e outros símbolos presentes en fontes, lavadoiros ou no cemiterio de Baiona. 

En total son 13, destacando por riba de todos a Cruz do Castro, sobre a que pesa unha sentenza do TSXG, recorrida polo Goberno municipal vigués

O BNG esixe a retirada de toda simboloxía franquista aínda existente na comarca de Vigo e o cumprimento da Lei de Memoria Histórica. "Hai edificios públicos que manteñen a simboloxía franquista, polo que lles corresponde ás administracións públicas retiralas”, salientou Iolanda Veloso, voceira nacionalista en Vigo, que tamén lembrou que no caso dos edificios privados as administracións deben instar aos particulares para que procedan a súa retirada e cumpran a lei. Con respecto á Cruz do Castro, Veloso lembrou que o BNG levou dúas veces esta cuestión ao pleno, solicitando o seu derrubo, unha proposta que no 2013 contou co rexeitamento do PP e a abstención do PSOE, mentres que en setembro deste ano a moción contou coa oposición tanto de PP e como de PSOE.

Os concelleiro do BNG en Nigrán, Xavier Rodríguez, e Baiona, Iago Pereira, enumeraron os elementos de simboloxía franquista existentes nos seus concellos, esixindo igualmente a súa retirada. “A permanencia de simboloxía fascista nos nosos concellos supón un insulto á memoria da xeración de galegas e galegos que sufriron o franquismo", sinalou Manuel Caride, responsable comarcal do BNG.

 

Os 13 símbolos localizados

  1. Cruz do Castro. Vigo. 
  2. Placa do Templo Votivo de Panxón. Nigrán. 
  3. Inscrición na ex-Colexiata. Baiona.
  4. Inscrición na fonte subida Virxe da Rocha. Baiona
  5. Inscrición lavadoiro no río Groba. Baiona. 
  6. Placa fachada cemiterio. Baiona. 
  7. Placa nas vivendas sociais rúa Ramiro Pascual en Matamá. Vigo.
  8. Escudo na fachada do Instituto Sta. Irene. Vigo.
  9. Escudo fachada edificio de Aduanas. Vigo.
  10. Placa grupo de vivendas sociais en Vilar. Vigo. 
  11. Escudo fachada edificio sindicato de estibadores. Vigo. 
  12. Inscrición en fonte camiño das Barreiras na Ramallosa. Nigrán.
  13. Placa na rúa Aragón nº 216. Vigo. 
Os 13 símbolos franquistas localizados en Vigo, Baiona e Nigrán © BNG
Rolda de prensa ofrecida por Iolanda Veloso e os restantes representantes do BNG © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.