En 2009 o antigo cárcere provincial da Coruña pechaba definitivamente as súas portas, despois de ter funcionado os seus últimos anos como centro de inserción social. Antes, funcionara durante décadas como cadea, recluíndo por exemplo os traballadores detidos na represión da folga de Ferrol de 1972 e moitos outros loitadores pola democracia. En novembro de 2010 unhas xornadas sobre novos modelos participativos de xestión cultural trouxeron á cidade aos responsables de sinalados proxectos de Austria ou Barcelona. Foi o xerme do Proxecto Cárcere, a plataforma cidadá que dende entón veu traballando por converter o edificio nun centro cultural público e autoxestionado.
O obxectivo principal da Plataforma era conseguir que o cárcere, propiedade da Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios, dependente do Goberno central, fose cedido e facer deste "un espazo de convivencia e liberdade, onde primen os usos sociais, culturais e educativos e, dada a significación do propio edificio, onde a memoria histórica estea sempre presente". Ademais, dende o comezo entendeu este proceso como "unha oportunidade de transformación social e urbana no que a cidadanía coruñesa sería a máxima protagonista".
Se as perspectivas co goberno municipal de PSdeG e BNG eran boas, a chegada ao poder do popular Carlos Negreira en maio de 2011 mudou completamente a situación. O 11 de xuño Negreira tomaba posesión e esa mesma data finalizaba unha semana de portas abertas no edificio do cárcere. Foi o último día que estivo aberto este inmoble, cun valor histórico e unha beleza arquitectónica incuestionables, e que nos meses anteriores acollera festivais de cine, concertos, exposicións ou recitais poéticos.
O 11 de xuño de 2011 Negreira tomaba posesión e esa mesma data finalizaba unha semana de portas abertas no edificio do cárcere. Foi o último día que estivo aberto este inmoble
O Proxecto Cárcere seguiu en marcha malia ás dificultades, elaborando un plan de viabilidade, asistindo a congresos nacionais e internacionais, presentando ponencias e iniciativas artísticas e sociais. "O comezo foi moi ilusionante, participaba moita xente na asembleas, participaban integrantes de moitos colectivos da cidade distintos e vías que realmente se podía facer algo no edificio, porque por parte do Concello estaban dispostos a facer algo", lembra Xosé Lado, voceiro do colectivo. "Esa potencia foise perdendo, porque moitas persoas marcharon a outros lugares e, sobre todo, porque se pecharon as posibilidades de facer algo aí. Pero seguimos traballando un grupo máis pequeno, coñecendo experiencias de toda Europa", engade.
Seguiron, ademais, denunciando a situación de degradación do edificio ante a inacción das distintas administracións, chegando noticias de xeito periódico da caída de elementos das paredes ou do mal estado dalgunhas das súas dependencias. O Proxecto Cárcere denuncia que "por parte deste Concello e durante estes máis de tres anos de goberno popular só recibimos silencio ou evasivas a todas as nosas iniciativas. O traballo dende o goberno municipal respecto á antiga prisión limitouse a iniciar os trámites gobernativos para acadar a titularidade da vella prisión".
Un futuro aínda incerto
En 2005 o daquela alcalde Francisco Vázquez asinou un convenio co Ministerio do Interior que obrigaba ao Concello a pagar 1,2 millóns de euros pola recuperación do edificio. En maio deste ano o pleno municipal aprobou cos votos a favor de PP e EU, en contra de PSOE e a abstención do BNG a revisión de oficio dese convenio, unha revisión que tivo que repetirse tras anulala o Consello Consultivo por un trámite de forma. Hai uns días, no entanto, chegou un novo ditame do Consello Consultivo, que pode acelerar a restitución da titularidade muncipal deste espazo, pois considera que o convenio asinado por Vázquez en 2005 carecía da necesaria documentación e que o ex rexedor non tiña competencias para asinar en solitario esa permuta de terreos, que debería ter sido autorizada pola Xunta de Goberno.
Xosé Lado frea o posible optimismo e augura un proceso aínda longo. Lembra que o Ministerio do Interior é contrario á cesión gratuíta do edificio, polo que "levará ao xulgado a revisión dese convenio"
Porén, Xosé Lado frea o posible optimismo e augura un proceso aínda longo. Lembra que o Ministerio do Interior é contrario á cesión gratuíta do edificio, polo que "levará ao xulgado a revisión dese convenio". "Son administracións dunha mesma cor política e entre elas estanse pelexando pola titularidade dese inmoble. Se houbese vontade política, isto amáñase en 15 días", subliña Lado, que pon en dúbida o interese real do Goberno municipal coruñés polo éxito deste proceso; "mentres o tema está nos xulgados, revisándose os convenios e acordos, o tempo vai pasando, e así non teñen que decidir que fan co edificio pero poden dicir que están traballando pola súa solución".
O Proxecto Cárcere, pola súa banda, mantén catro anos despois do seu nacemento os mesmos obxectivos: "a creación dun gran centro sociocultural que responda aos novos tempos", un centro "onde se potencie a creación, a formación e a divulgación da cultura e a excelencia artística, pois o acceso á cultura é un dereito universal que a cidadanía debe defender, lonxe de toda visión mercantilista, clientelar ou do mero espectáculo", un centro "onde as actividades sociais pivote sobre as necesidades reais do barrio, da cidade ou da comarca", un centro, dada a súa historia, "onde a memoria estea sempre presente, e que ese pensamento histórico nos sirva para entender o presente e para non aceptar de maneira acrítica nada do sucedido no pasado". "A nosa función remataría", engade Xosé Lado, "cando o alcalde ou concelleiro de turno reunise todas as asociacións da Coruña e comarca para ofrecerlles o espazo e se debatese a forma en que o lugar se podería xestionar".
Outras accións do Proxecto Cárcere
As actividades do Proxecto Cárcere non se limitaron ao edificio situado no final do barrio de Monte Alto. Neste tempo levaron a cabo iniciativas como Coruña Baleira, unha convocatoria que buscaba a través da colaboración cidadá "visibilizar os espazos, que como o antigo cárcere da Torre, están en desuso na cidade", afondando nun dos obxectivos da plataforma: "a sustentabilidade e o aproveitamento dos recursos xa existentes". Ou tamén o proxecto Jailart, unha iniciativa de arte postal realizada en colaboración con Carlos Botana que facía un chamamento á comunidade artística internacional para o envío de creacións e imaxes cos cárceres e a memoria como temática.
O Proxecto Cárcere mantén catro anos despois do seu nacemento os mesmos obxectivos: "a creación dun gran centro sociocultural que responda aos novos tempos"
De igual xeito, o Proxecto Cárcere posicionouse publicamente sobre asuntos relacionados co uso e transformación de espazos públicos. Por exemplo, criticou a cesión do faro de Oza ao club Marítimo Oza-O Puntal, de carácter privado, sinalando a falta de "transparencia" deste proceso.
Actividades de aniversario
O Proxecto Cárcere celebrará o seu cuarto aniversario con varias actividades que se celebrarán este xoves e venres, comezando por unha xornada de portas abertas no edificio, este xoves a partir das seis da tarde, que concluirá coa elaboración dun mural colabortivo na parte posterior do cárcere. Así mesmo, o venres a partir das nove da noite a libraría e cafetaría Linda Rama acollerá unha festa de aniversario do proxecto.