Ferrol reivindica o feminismo de Hildegart no seu centenario

Cartaz do congreso © Ateneo Ferrolán

Hildegart Rodríguez Carballeira foi unha muller prodixiosa, cunha intensa e revolucionaria actividade política, social e intelectual na España de finais dos anos 20 e nos comezos dos 30, na República que traía un país novo. Porén, a súa morte con tan só 18 anos, asasinada pola súa nai, non só lle quitou a vida, senón que relegou a súa memoria a un relato sensacionalista e superficial, reducíndoa a un proxecto e a un suceso rechamante. Porén, detrás dese acto violento e detrás da complexa relación coa súa nai había unha Hildegart creadora e cunha construción ideolóxica do mundo pioneira e fascinante, unha Hildegart nunca ben analizada, estudada e reivindicada, nun contexto de cambio social e de liberación da muller en toda Europa.

No centenario de Hildegart Rodríguez Carballeira (naceu o 9 de decembro de 1914) o Ateneo Ferrolán organiza entre o 5 e o 7 de decembro un congreso sobre a súa figura que a través de conferencias, exposicións, unha vintena de relatorios e outros actos lembrará e reivindicará a Hildegart sexóloga, xornalista, activista política ou feminista, homenaxeándoa e poñendo en valor a súa figura histórica e o seu pensamento "todo o lonxe que sexa posible do sensacionalismo e da superficialidade".

O congreso inaugurarase o venres ás 19 horas cun acto no que participarán as entidades organizadoras e entidades colaboradoras: Comisión para a Recuperación da Memoria Historica da Coruña, Ateneo Ferrolán, e Marcha Mundial das Mulleres. A seguir, a historiadora Aurora Marco afondarán na conferencia “Romper barreiras. Voces femininas a comezos do XX" no contexto social e político no que creceu Hildegart e no que se abriu paso como muller. O sábado ás 19 horas Rosa Cal ofrecerá outra conferencia, neste caso centrado na figura da nai: "Aurora una mujer con un proyecto de vida propio: Hildegart".

Ademais, unha vintena de relatorios afondarán en distintos aspectos da vida e da obra de Hildegart: a súa ideoloxía política, a súa relación co anarcosocialismo, os seus estudos e reivindicación sobre a sexualidade feminina, o contexto histórico, a produción historiográfica sobre a súa figura ou a súa valoración internacional

Actuacións musicais, un recital de poesía a cargo de Carmen Blanco (“Hildegarts vivas nas carballeiras: miles de mulleres para outras auroras”), a presentación da novela de Henrique Dacosta Entrada ao xardín do saber, un roteiro polas rúas de Ferrol, unha homenaxe popular a Hildegart e dúas exposicións completarán a programación dun congreso que se pechará o domingo pola noite. O mesmo 9 de decembro, data exacta do centenario, haberá un acto de homenaxe en Madrid, organizado polo Ateneo Ferrolán, Ateneo de Madrid e a Cátedra de Memoria Histórica del Siglo XX da Universidad Complutense, no que falarán representantes destas tres entidades así como Lidia Falcón.

Dende o Ateneo destácase que "a súa traxectoria vital e o seu pensamento no eido da reforma sexual ou da crítica política, ficaron ocultos", o que xustifica a organización destas xornadas e sinalando que "malia fixar o obxectivo nunha única persoa o Congreso quere contribuir de xeito xeral á recuperación da historia do pensamento feminino e dos movementos da liberación da muller no século XX".

 

Máis de vinte relatorios

  • José Manuel Peláez Ropero: Mi hija Hildegart (Fernando Fernán Gómez, 1977). ¿Un filme inacabado?
  • Martín Paradelo Núñez: A representación cinematográfica do corpo da muller no tempo de Hildegart
  • Ana Muiña: Aurora de sangre. Vida y muerte de Hildegart. Introducción a la reedición del libro de Eduardo de Guzmán
  • Lola Ferreiro Díaz: Republicanas de corazón, de cabeza e de corpo enteiro.
  • Luz Darriba / Micaela Fernández Darriba: As netas de Olympia de Gouges, as fillas de Flora Tristán
  • Miguel Ángel Pradera: Una tarea pendiente: una bibliografía formal de Hildegart Rodríguez Carballeira
  • Pablo Herrero Hernández: Hildegart Rodríguez Carballeira en el recuerdo y en los escritos del periodista y escritor republicano Luis Hernández Alfonso (1901-1979)
  • Manuela Santalla López: Hildegart: ¿Una mujer-proyecto ferrolana?
  • Kyra Kietrys: Archivo Hildegart
  • Micaela Pattison: Hildegart como figura internacional
  • Eduard Masjuan – El neomalthusianismo anarquista y la cuestión social en Hildegart Rodríguez
  • Lorena Cuevas Buján – Hildegart Rodríguez e Amparo Poch: a repercusión das ideas de reformismo sexual no anarcofeminismo dos anos 30
  • Eusebio Lucía Olmos – El paso de Hildegart Rodríguez por la Casa del Pueblo Madrileña
  • Monica Bar Cendón – Sexualidade e trampas da "diferencia" en Hildegart
  • Josep María Roselló – Una mujer moderna: amor y sexo en el pensamiento de Hildegart
  • Marga do Val – Por qué escribir unha obra de teatro sobre Hildegart
  • Miguel Ángel Pradera – Reflexiones para una adecuada contextualización histórica de Hildegart
  • Jean-Louis Guereña – Hildegart y la reforma sexual en la Casa del Pueblo de Madrid
  • Blanca Quintanilla – Hildegart, la aniquilación de una rebelde
  • Olga Roig López – Aurora Rodríguez y Hildegart, dos vidas marcadas por la disciplina
  • Guillermo Rendueles Olmedo – Aurora Rodríguez y su doble manicomial
Manual de Educación Sexual, editado por Hildegart con 17 anos © Álbum de Mulleres
Hildegart Rodríguez Carballeira © deferrolparaelmundo.blogspot.com
Díptico do congreso © Ateneo Ferrolán
Cartaz do congreso © Ateneo Ferrolán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.