A sanidade pública intensifica as mobilizacións contra a precariedade e os recortes

Protesta contra os recortes no Sergas © SOS Sanidade Pública

Asistimos a unha voadura controlada da sanidade pública galega, segundo os colectivos de profesionais: Recortes orzamentarios, externalizacións e limitacións crecentes na cobertura de substitucións, baixas e xubilacións. Dende hai un tempo sindicatos e plataformas como SOS Sanidade Pública veñen anunciando que decembro sería un mes de mobilizacións, o comezo dun ciclo de protestas para facer visibles os efectos que a política de recortes está tendo na calidade da atención.

Moitas das baixas de profesionais están sendo cubertas polos restantes profesionais dese mesmo centro de saúde ou hospital

"Un contrato dun día ten que ser absolutamente excepcional", afirmou hai unhas semanas a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, unha declaración que segundo os sindicatos e, sobre todo, as persoas inscritas nas listas de substitución, os maiores prexudicados e prexudicadas, non se axusta á realidade. Moitas das baixas do persoal están sendo cubertas polos restantes profesionais dese mesmo centro de saúde ou hospital. E cando se recorre ás listas de substitución, en lugar de cubrir a baixa cun contrato nominativo (é dicir, que unha persoa substitúa a outra), faise a través dos acúmulos de tarefas, un instrumento que permite realizar substitucións por días (a través das listas pool).

Unha baixa de varios días dun profesional pode chegar a cubrirse cada día cunha persoa distinta

As listas pool foron creadas para cubrir substitucións de urxencia e de curta duración (días ou mesmo unhas horas), pero que -segundo denuncian os sindicatos- están sendo usadas para cubrir baixas de longa duración, reservas de praza e mesmo vacacións, prexudicando ademais ás persoas inscritas nas listas xerais de contratación. Deste xeito, unha baixa de varios días dun profesional pode chegar a cubrirse cada día cunha persoa distinta, prexudicando non só as persoas que están nas listas de contratación, senón tamén os e as pacientes. 

 

Precariedade e desmantelamento

Para María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, estase producindo "unha situación de desmantelamento da sanidade pública, deixando sen recursos humanos os servizos sanitarios, e facilitando a derivación á privada". Para a CIG, "as continuas reducións nos orzamentos destinados á Sanidade impiden unha contratación normal de persoal", de xeito que "o fomento do peche permanente de camas favorece a amortización de prazas e a desmontaxe do sistema sanitario".

Este mércores, a CIG convoca concentracións en todas as áreas sanitarias (ás 11.30 en todas na cidades, agás na Coruña, que será ás 11 horas) en demanda dunha nova política de contratación, pola cobertura de todas as ausencias, polo correcto uso das listas pool e polo remate dos contratos por horas ou días. As concentracións tamén pedirán a eliminación da taxa de reposición e esixirán unha convocatoria de oferta pública de emprego que cubra o cen por cento das prazas de todas as categorías.

Segundo CIG-Saúde estase producindo "unha situación de desmantelamento da sanidade pública, deixando sen recursos humanos os servizos sanitarios, e facilitando a derivación á privada"

Segundo denuncia a CIG, tan só se convocan 103 prazas para 10 categorías; desas 103 prazas, a metade resolveranse por promoción interna, e as outras 52 repartiranse por concurso entre as máis de 10.235 persoas inscritas nas listas de contratación nesas categorías, con ratios que roldan as 200 aspirantes por praza, e que roldan os 300 e mesmo 400 por praza nas categorías de hixienista dental ou fisioterapeuta. A CIG sinala que se nos últimos tres anos non se aplicara a taxa de reposición do 10%, poderían terse creado catro mil prazas en todas as categorías, en lugar das 444 finalmente convocadas. O sindicato denuncia ademais que esta convocatoria é tan só unha "oferta de recadación económica" pois "o persoal está obrigado a participar se quer manter a puntuación de OPE nas listaxes de contratación".

CCOO-Sanidade denuncia pola súa banda "a elevada precariedade", xa que numerosos contratos son "por días ou horas", o que se traduce en "moitos contratos para as estatísticas e moita miseria para os traballadores e as traballadoras". O sindicato denuncia que o SERGAS "está a favorecer que o persoal con contrato estable realice horas extras encubertas mediante as fórmulas de voluntariedade e intersubstitución para evitar novas contratacións con que cubrir o persoal de vacacións, de baixa médica ou mesmo carencias estruturais de persoal". Para CC.OO. esta fórmula é "propia de tempos pasados nos que había escaseza de profesionais sanitarios no país", pero "non da Galicia do ano 2014".

Ademais, a taxa de reposición está tendo un efecto claro nos cadros de persoal, cunha redución global dun 14% no número de traballadores e traballadoras contratadas. “Unha situación” -sinala Ángel Cameselle- “acrecentada polo brutal peche de camas e quirófanos”. Isto está provocando unha degradación do servizo e un incremento das listas de espera. Segundo datos de CC.OO., só na área sanitaria de Vigo as listas creceron en máis de 1.300 persoas en só tres meses.

Para Cameselle, “é necesario dar unha resposta, seguir mobilizándonos”, e destaca que no pasado “as mobilizacións conseguiron frear algunhas privatizacións”, como por exemplo os plans do SERGAS para crear unha vintena de unidades de xestión clínica no primeiro semestre de 2014, paralizadas segundo Cameselle pola folga convocada en decembro do pasado ano. Para CC.OO. “hai que dar a batalla contra a precariedade, os recortes e as privatizacións, que van unidas”, e esta batalla “debe ser unitaria, de todos os sindicatos e de todos os profesionais”

Para Ángel Cameselle, “é necesario dar unha resposta, seguir mobilizándonos”, e destaca que no pasado “as mobilizacións conseguiron frear algunhas privatizacións”

Tamén María Xosé Abuin considera necesario que se intensifiquen as mobilizacións, e denuncia que a pesar de que hai un pequeno incremento no orzamento do SERGAS, en realidade os cartos destinados a atención primaria diminúen (29,7 millóns de euros menos), "uns cartos que van destinados a pagar as privatizacións". 

 

Manifestación en Vigo o día 11

A situación na área de Vigo, aínda máis grave, denunciarase nunha manifestación o xoves 11

A situación na área de Vigo, aínda máis grave, denunciarase nunha manifestación o xoves 11. A mobilización denunciará que a construción do novo hospital de Vigo "supón a privatización de diferentes servizos como a cociña, a lavandería ou mantemento, entre outros", segundo sinala CC.OO., que lembra que "esta privatización non só afecta aos servizos non sanitarios, xa que para facer fronte ao canon anual de 75 millóns de euros á concesionaria,  reducirase o gasto corrente, o que supón unha merma nos cadros de persoal non sanitario así como sanitario".

O persoal do CHUVI co apoio da Xunta de Persoal da Area Sanitaria de Vigo está a convocar asembleas de traballadores, concentracións diarias e manifestacións no Hospital Xeral de Vigo. A estas actividades súmase a convocatoria de folga ininterrumpida a partires do mércores 3 de novembro, que consistirá en paros legais diarios en horario de 12:30 a 13:30 en quenda de mañán, e de 19:30 a 20:30 en quenda de tarde.

O persoal de mantemento do Meixoeiro suma xa 15 días de folga

De igual xeito, o persoal de mantemento do Meixoeiro suma xa 15 días de folga, en protesta porque a recolocación neste centro do persoal de mantemento do Xeral cando se abra o novo hospital e se privatice o servizo desprazará o actual persoal xa externalizado do Meixoeiro. Esixen que o SERGAS lles garanta a continuidade dos seus contratos.

 

Denuncia do Pacto de Contratación

O pasado mes de setembro CC.OO. fixo oficial a denuncia do pacto de contratación, asinado no ano 2011 e con vixencia ata o 31 de decembro deste ano e moi criticado sobre todo polas persoas inscritas nas listas de substitución. Esta denuncia impide a súa renovación automática, o que, segundo Ángel Cameselle, debe levar á efectuar "modificacións para adaptalo á realidade actual e recoller o sentir das cincuenta mil persoas que están anotadas nas listaxes de contratación.

O pasado mes de setembro CC.OO. fixo oficial a denuncia do pacto de contratación, moi criticado sobre todo polas persoas inscritas nas listas de substitución

UGT sinala o "uso torticeiro" que deste acordo fan o SERGAS e os responsables das xerencias de xestión integrada. Dende UGT lémbrase que o pacto "concibiuse como unha ferramenta para conseguir a transparencia, a obxectividade, a igualdade de oportunidades e a equidade nas contratacións temporais, baseándose sempre en criterios obxectivos de baremación" e que, por exemplo, as listas pool introducíronse "a petición dos aspirantes das listas", buscando "facilitar o acceso ao traballo a aqueles aspirantes que, contando con puntuacións máis baixas, quixesen estar dispoñibles para contratacións non programadas". Porén, denuncian os sindicatos, o Goberno galego está a aproveitar estes instrumentos para incrementar a precariedade nas contratacións, degradando a atención prestada a cambio dun suposto aforro económico.

Segundo UGT, as áreas de xestión do SERGAS "aprovéitanse da actual situación económica para abusar das persoas traballadoras"

Segundo UGT, as áreas de xestión do SERGAS "aprovéitanse da actual situación económica para abusar das persoas traballadoras, co único obxectivo de presentar unha boa xestión económica que lles reportará os seus beneficios". O sindicato afirma que "existen contratacións en precario, contratos por horas, mesmo en distintas quendas e unidades no mesmo día". "Moitas persoas traballadoras non só non gañan nada senón que perden cartos por conservar o seu lugar nas listas de contratación", engade.

A CIG sinala pola súa banda que "a responsabilidade a respecto das contratación é exclusivamente política, sen que teña nada que ver nisto o Pacto de Contratación, xa que este o que ordea son os chamamentos e non as contratacións". O sindicato chama a facer fincapé non tanto no pacto, seón nas políticas de contratación e recortes levadas a cabo polo Goberno galego.

A conselleira de Sanidade, nas obras do novo hospital de Vigo © Sergas
Protesta contra os recortes no Sergas © SOS Sanidade Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.