O galego segue perdendo terreo, sobre todo entre a mocidade

Lingua falada habitualmente en 2003, 2008 e 2013 Dominio Público IGE

As actualizacións estatísticas sobre o uso do galego non adoitan traer boas novas. E os datos que este venres publica o IGE pertencentes á Enquisa de condicións de vida das familias tampouco son positivos se se observan na súa globalidade. Entre 2008 e 2013 descende a suma daqueles que declaran falar "en galego sempre" ou "máis galego que castelán" dende o 56,4% até o 50,9% e crece a porcentaxe de monolingües en castelán (pasa do 20,05% ao 25,95%). Porén, si que se observa un cambio de tendencia no que respecta ás persoas monolingües en galego, que aumentan levemente: do 29,96% ao 30,84%. Abrindo o foco e comparando os datos de 2013 cos de 2003, o descenso na porcentaxe daquelas persoas que falan sempre ou predominantemente en galego é constante, dende o 61,2% de hai dez anos ate o xa referido 50,9% actual.

É dicir, estabilízase a caída do grupo de persoas que emprega habitualmente o galego como única lingua, pero continúa producíndose un desprazamento nos restantes grupos de cidadáns. Son menos as persoas bilingües que falan sobre todo en galego e, ademais, as persoas que non utilizan o galego en ningún momento da súa vida continúan crecendo e xa representan máis de un de cada catro habitantes. Aquelas persoas que podemos identificar como castelanfalantes (porque empregan sempre ou case sempre esta lingua) son xa o 48% da poboación, e o seu crecemento entre as persoas máis novas e nas vilas e cidades mantén o mesmo ritmo.

Por provincias, Lugo e Ourense son os territorios con maior porcentaxe de monolingües en galego, ao redor do corenta en cada caso. A Coruña sitúase no 32,64% e Pontevedra no 22,53%. Nesta provincia son máis as persoas monolingües en castelán (30,66%), unha categoría que na Coruña tamén roza o trinta por cento (28,32%) e que en Lugo e Ourense se mantén en niveis máis baixo: 13,39% e 16,72%, aínda que con incrementos constantes en todos os casos. Dividindo os entrevistados en dous bloques: galegofalantes totais ou parciais e castelanfalantes totais ou parciais, atopamos que en Pontevedra son clara maioría os falantes habituais de castelán (57,47%) fronte aos de galego (41,29%). Na Coruña as cifras son moi parellas: 49,74% para o castelán e 49,69% para o galego. Mentres, en Lugo e Ourense seguen sendo clara maioría os galegofalantes (70,52% e 63,06%, respectivamente)

  2003 2008 2013
Só galego 42,98 29,96 30,84
Máis galego 18,22 26,44 20,06
Máis castelán 18,73 22,45 22
Só castelán 19,56 20,05 25,95

% de persoas pola súa lingua de uso habitual. Fonte: IGE

Por grupos de idade, o castelán e maioritario nas persoas por debaixo de 50 anos. Así, dos 5 aos 14 o 47,09% declara falar só nesta lingua, cun incremento espectacular con respecto aos datos de 2008 (29,59%). Tamén é notable o incremento dos monolingües en castelán na franxa de idade seguinte, dos 15 aos 29 anos, na que pasan de representar o 25,47% a ser o 33,64%. Divididos os entrevistados en dous bloques, pódese afirmar que tres de cada catro rapaces e rapazas galegas de 5 a 14 anos (74,88%) son castelanfalantes, once puntos máis que hai cinco anos (63,87%) e quince máis que hai unha década (59,67%). Na franxa seguinte, a evolución é semellante: O 63,3% dos mozos e mozas galegas entre os 15 e os 29 anos son castelanfalantes, fronte ao 57,07% de 2008 e ao 54,27% de 2003.

Tres de cada catro rapaces e rapazas galegas de 5 a 14 anos (74,88%) son castelanfalantes, once puntos máis que hai cinco anos (63,87%) e quince máis que hai unha década (59,67%)

Na capa de idade seguinte (de 30 a 49 anos) as porcentaxes iguálanse algo máis, pero de novo o galego perde terreo: 56,04% de castelanfalantes, 43,97% de galegofalantes, que hai dez anos eran clara maioría (56,8%). O galego mantense como lingua predominante entre os 50 e os 64 anos (59,64%) e nos maiores de 65 anos (73,82%).

  de 5 a 14 de 15 a 29 de 30 a 49  de 50 a 64 máis de 65
Só galego ou máis galego 25,11 (36,13) 36,69 (42,96) 43,97 (56,8) 59,64 (66,93) 73,82 (78,5)
Só castelán ou máis castelán 74,88 (63,87) 63,3 (57,07) 56,04 (51,35) 40,37 (33,07) 26,18 (21,5)

% de persoas pola súa lingua de uso habitual, por grupos de idade. Entre paréntese os datos de 2008. Fonte: IGE

Nos ámbitos urbanos, o predominio do castelán é esmagador. Nas sete cidades galegas o 72,51% dos seus habitantes afirma falar "só" ou "máis" en castelán, cun 42,12% de monolingües. A proporción de monolingües en galego é do 12,57%. O castelán tamén é maioritario nas vilas entre 20.000 e 50.000 habitantes (55,73% fronte a 44,27%). É neste tipo de hábitat, ademais, onde se advirte un maior crecemento da poboación castelanfalante. Hai cinco anos os galegofalantes aínda eran maioría (52,09% fronte a 47,91%). Oito puntos de descenso da poboación galegofalante que teñen o seu reflexo noutro dato moi significativo: nestas grandes vilas e localidades das conurbacións das cidades, a porcentaxe de monolingües en castelán pasou en cinco anos do 20,03% ao 30,38%O galego segue sendo maioritario nos concellos entre 10.000 e 20.000 habitantes (58,74%) e nas de menos de 10.000 (78,78%). Ademais, nestes dous grupos de concellos a caída de poboación galegofalante é menor (entre 3 e 5 puntos nos últimos cinco anos).

Nas sete cidades galegas o 72,51% dos seus habitantes afirma falar "só" ou "máis" en castelán, cun 42,12% de monolingües

Se analizamos as sete cidades galegas atopamos, iso si, grandes diferenzas. Mentres que a porcentaxe de castelanfalantes totais ou parciais é absolutamente maioritaria en Ferrol (85,11%), Vigo (80,94%), na Coruña (78,39%) e Pontevedra (75,69%), nas outras tres urbes a proporción é máis baixa: Ourense (61,37%), Compostela (53,1%) e Lugo (50,57%). En Lugo e Compostela observamos, ademais, como crece notablemente a porcentaxe que afirma falar "só" en galego (pasa do 16,82% ao 23,18% en Lugo) e do (21,17% ao 29,08% en Compostela). Pola contra, tamén aumenta moito a proporción de monolingües en castelán en todas as urbes, dende os 15 puntos de Ferrol (pasa do 43,05% ao 58,39%) ata os12 puntos de Vigo (chega ao 51,39%) os dez da Coruña (ata o 46,58%) ou os seis de Pontevedra e Santiago.

 

Máis monolingües en galego

Un dos datos que máis chama a atención na enquisa é o incremento, aínda que leve, da porcentaxe de persoas que afirman falar unicamente en galego. Pasan do 29,96% ao 30,84%, un ascenso pequeno e que ademais ten o contrapunto do descenso, máis importante, daqueles que delcaran expresarse nos dous idiomas, pero maioritariamente en galego. Porén, o dato racha unha tendencia que viña reducindo nas últimas décadas a proporción de monolingües en galego. De feito, entre 2003 e 2008 a caída fora de trece puntos, dende o 42,98%.

Se analizamos polo miúdo os datos, podemos explorar os ámbitos e grupos nos que se produce este incremento de galegofalantes exclusivos. Así, observamos un crecemento dos monolingües en galego na franxa de idade de entre 14 e 29 anos (de 18,59% ao 19,78%) e na de 30 a 49 (do 22,06%ao 23,07%). O incremento é maior entre os que teñen educación superior (pasan do 11,61% ao 14,19%) ou bacharelato (do 15,91% ao 18,99%). E tamén destaca nos concellos que contan entre 10.000 e 50.000 habitantes.

 

Menos ensino en galego

Tamén resulta interesante observar os datos que fan referencia á lingua empregada no ensino, tanto no que se refire ao idioma no que se imparten as materias coma a outros indicadores, coma a lingua de relación cos docentes. Sobre todo, tendo en conta as modificacións lexislativas postas en marcha polo Goberno de Alberto Núñez Feijoo. Así, os datos de 2003 poden ofrecer unha perspectiva da situación lingüística no ensino nos últimos gobernos de Fraga, os de 2008 a do goberno bipartito e os de 2013 recollen xa catro anos de xestión do actual presidente da Xunta.

En 2008 o 14,3% dos e das estudantes afirmaban recibir "todas as clases" en galego, en 2013 esa porcentaxe caeu ata o 2,15%, moi lonxe tamén dos datos de 2003 (8,32%)

Atopamos que en 2008 o 14,3% dos e das estudantes afirmaban recibir "todas as clases" en galego, en 2013 esa porcentaxe caeu ata o 2,15%, moi lonxe tamén dos datos de 2003 (8,32%). Tamén descende, iso si, a porcentaxe de persoas que afirmaron recibir todas as aulas en castelán (do 6,34% ao 3,08%). A categoría que máis crece é a daqueles que recibiron "maioritariamente" a súa formación en castelán, que pasaron do 32,78% en 2008 ao 51,08% en 2013.

 

Medios de comunicación

Tan só o 4,78% afirma ler "só en galego" ou "máis en galego que en castelán" e tan só o 2,42% afirma navegar "só en galego" ou "máis en galego"

A enquisa pregunta tamén pola lingua na que se consumen medios de comunicación e libros e tamén polo desexo de que a oferta de medios e contidos en galego fose maior. Como era esperable, dada a oferta existente e os niveis de audiencia rexistrados por outros estudos, o castelán é a lingua predominante para ver a televisión (80%), escoitar a radio (84%) ou ler prensa impresa (96%). No que respecta aos libros, o dominio do castelán é tamén absoluto: o 58% le en castelán "sempre" e outro 37% faino nesta lingua máis que en galego. Tan só o 4,78% afirma ler "só en galego" ou "máis en galego que en castelán". A situación non é distinta na rede: o 73,95% di navegar "só en castelán" e outro 23,63% faino "máis en castelán que en galego". Tan só o 2,42% afirma facelo "só en galego" ou "máis en galego".

Ao redor da metade dos e das entrevistadas afirma que lle gustaría que houbese "máis contidos en galego nos medios

Iso si, ao redor da metade dos e das entrevistadas, independentemente das súas idades, afirma que lle gustaría que houbese "máis contidos en galego nos medios de comunicación", con porcentaxes que van dende o 49,93% que o reclama nos libros ata o 54,92% que o pide na televisión.

Lingua falada habitualmente en 2003, 2008 e 2013 Dominio Público IGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.