Que poderás saber e que non coa Lei de Transparencia?

Detalle dos libros dos Orzamentos do Estado para 2015 © Ministerio de Facenda

Este mércores 10 de decembro entra en vigor no Estado a Lei de Transparencia acceso á información pública e bo goberno, unha vella reivindicación e unha promesa electoral de Mariano Rajoy en 2011, que se comprometera a aprobala nos seus primeiros cen días de goberno. Tardou dous anos e o resultado, ademais, quedou moi lonxe do demandado e dos estándares de apertura da información pública doutros países europeos. A norma, ademais, entrará paulatinamente en funcionamento e aínda se está á espera de coñecer o regulamento que a desenvolverá, a letra pequena que definirá con exactitude a súa eficacia e, sobre todo, os datos que as administracións públicas e outras entidades estarán obrigadas a revelar.

Poderase preguntar por todas as subvencións concedidas por un organismo público ou recibidas por unha entidade

A lei, malia significar un avance evidente en moitos campos, foi moi criticada polas súas exclusións: as institucións ou tipos de información que deixa fóra da súa aplicación. Cristina Moreno, da Fundación Civio, cualificaba a lei como "unha oportunidade perdida" en entrevista con Praza. Tamén criticaba "o feito de que o dereito á información non se recoñeza como un dereito fundamental e non teña rango de lei orgánica" e sinalaba que "a lei é moi xeral nalgúns apartados, polo tanto ata que non saia o regulamento non imos poder ver os detalles".

Cristina Moreno subliñaba outras eivas, como o Consello da Transparencia, que debería ter postestade sancionadora e ser politicamente independente. Porén, os seus membros serán elixidos polo Parlamento e polo tanto poderán depender das maiorías políticas. A norma incumpre neste e noutros aspectos os estándares internacionais para garantir a súa independencia e eficacia, denuncia Civio. Outra das súas críticas dirixíase ao silencio administrativo negativo, o resultado do 57% das consultas á administración e do 80% no caso das administracións locais, e que non foi regulado nin limitado pola lei. 

No caso das empresas privadas, estas non estarán obrigadas a proporcionar información se a súa relación económica coas administracións públicas se leva a cabo a través de contratos ou concesións

Polo tanto, que poderemos saber a partir deste mércores que antes non sabiamos? Ou, preguntado doutro xeito, que informacións estarán obrigadas a comunicarnos as administracións públicas e outras entidades que teñan relacións con elas?

  • En primeiro lugar, poderemos solicitar e recibir datos sobre partidas orzamentarias específicas e o seu desagregamento e as administracións estarán obrigadas a proporcionalos. Porén, a lei non especifica cal es o grao mínimo de desagregamento, á espera do desenvolvemento da norma nos seus regulamentos. É dicir, cada administración pode decidir, polo de agora, o nivel aceptable de transparencia.
  • Poderase preguntar por todas as subvencións concedidas por un organismo público ou recibidas por unha entidade. Pódese preguntar tanto a unha parte coma á outra, e as dúas están obrigadas a responder.
  • Poderase coñecer a identidade de todos e todas as asesoras dun Ministerio.
  • Poderanse pedir e obter as memorias de impacto normativo de calquera órgano da Administración Xeral do Estado. Porén, as administracións non terán a obriga de proporcionar información que teña carácter auxiliar ou de apoio (notas, borradores, opinións, resumos) ou informes internos e comunicacións entre órganos ou entidades administrativas, como si deben facer noutros países.
  • Tamén se poderá demandar información de partidos políticos, organizacións empresariais, sindicais e algunhas empresas privadas, sempre que reciban máis de 100.000 euros anuais en subvencións ou que máis do 40% dos seus ingresos proveñan de axudas públicas. Porén, estas entidades non teñen a obriga de responder, só están obrigadas a publicar proactivamente o seu organigrama, contratos, convenios e subvencións con administracións públicas, contas anuais, auditorías, retribucións de directivos...
  • No caso das empresas privadas, estas non estarán obrigadas a proporcionar información se a súa relación económica coas administracións públicas se leva a cabo a través de contratos ou concesións, tan só no caso de recibir subvencións.
  • Ao carácter xenérico da lei, e á ausencia polo de agora de máis información sobre o seu desenvolvemento normativo, súmase a presenza na lei de excepcións, igualmente xenéricas, que aínda limitan máis a súa aplicación. Por exemplo, non se poderá pedir información con “intereses económicos e comerciais”, ou que afecten "á garantía de confidencialidade ou segredo requirido nos procesos de toma de decisión”.

 

A lei galega, pioneira pero obsoleta

As obrigas de transparencia e acceso á información para todos os organismos autonómicos e locais tardarán aínda un ano en entrar en vigor

As obrigas de transparencia e acceso á información para todos os organismos autonómicos e locais tardarán aínda un ano en entrar en vigor (farano o 10 de decembro de 2015). Galicia foi a primeira no Estado en aprobar unha Lei de Transparencia e Boas Prácticas na Administración Pública, en 2006, unha norma meritoria e un primeiro paso na boa dirección, pero que -como lembraban hai un ano Sara Torreiro e Duarte Romero- "xa naquel entón quedaba obsoleta en comparación coas súas homólogas europeas" e "a día de hoxe está totalmente anticuada".

Detalle dos libros dos Orzamentos do Estado para 2015 © Ministerio de Facenda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.