Galego: uns lugares si e outros case nada

% de falantes habituais de galego por áreas Dominio Público IGE

A Enquisa de condicións de vida das familias publicada polo IGE ofrece un panorama moi negativo para a lingua galega, que á vista destes datos estaría a piques de deixar de ser a lingua máis falada en Galicia. En 2013, os e as falantes habituais de galego -a suma daqueles que declaran falar "en galego sempre" ou "máis galego que castelán"- situábase no 50,9% da poboación, descendendo dende o 56,4% de 2008 e o 61,2% de 2013. Os falantes habituais de castelán representan xa o 47,95% do total.

O que é máis preocupante para a lingua galega é que esta tendencia negativa non semella que se vaia frear inmediatamente, á vista dos datos por idades. Cada xeración fala menos galego que a anterior: Tres de cada catro rapaces e rapazas galegas de 5 a 14 anos (74,88%) son castelanfalantes, once puntos máis que hai cinco anos. Na franxa seguinte, a evolución é semellante: O 63,3% dos mozos e mozas galegas entre os 15 e os 29 anos son castelanfalantes.

O outro gran factor, tamén moi preocupante, é o do hábitat. Nas cidades e zonas urbanas fálase máis castelán que galego. Nas sete cidades galegas o 72,51% dos seus habitantes afirma falar "só" ou "máis" en castelán, cun 42,12% de monolingües nesta lingua. A proporción de monolingües en galego é do 12,57%. O castelán tamén é maioritario nas vilas entre 20.000 e 50.000 habitantes (55,73% fronte a 44,27%). O galego segue sendo maioritario nos concellos entre 10.000 e 20.000 habitantes (58,74%) e nas de menos de 10.000 (78,78%) Se analizamos as sete cidades galegas atopamos, iso si, grandes diferenzas. Mentres que a porcentaxe de castelanfalantes totais ou parciais é absolutamente maioritaria en Ferrol (85,11%), Vigo (80,94%), na Coruña (78,39%) e Pontevedra (75,69%), nas outras tres urbes a proporción é máis baixa: Ourense (61,37%), Compostela (53,1%) e Lugo (50,57%).

O IGE ofrece tamén datos por zonas, que permiten constatar que a castelanización é maior nas áreas urbanas de Vigo, A Coruña, Ferrol e Pontevedra, pero que avanza tamén en comarcas como O Morrazo ou Ourense e os seus concellos veciños, nas que a proporción de galegofalantes descende ao redor de dez puntos en cinco anos. Nestes seis territorios o castelán xa é maioritario. Analizando a evolución dende 2008 observamos unha castelanización moi acelerada en comarcas como Caldas-O Salnés, onde a porcentaxe de galegofalantes pasou do 65% ao 55,5% e mesmo en lugares como A Mariña, Barbanza-Noia ou Ourense Sur, onde os falantes habituais de galego seguen sendo clara maioría, pero descenden rapidamente.

Pola contra, hai certas zonas, como O Carballiño-Ribeiro, Lugo Oriental, Pontevedra Sur, Pontevedra Nororiental, A Coruña Suroriental, Lugo Central ou Lugo Sur, nas que a proporción de galegofalantes se mantén estable nos últimos cinco anos 

  2008 2013 Evolución
Galicia 57,02 51,49 -5,53
A Coruña suroriental 89,43 89,7 +0,27
Ferrol-Eume-Ortegal 40,34 32,78 -7,56
Costa da morte 91,91 85,88 -6,03
A Barbanza-Noia 88,42 79,04 -9,38
Área da Coruña 35,87 29,4 -6,47
Área de Santiago 63,32 58,73 -4.59
Lugo sur 70,77 69,51 -1,26
Lugo oriental 87,08 90,33 +3,25
Lugo central 68,25 67,18 -1,07
A Mariña 82,72 75,81 -6,91
O Carballiño-O Ribeiro 81,5 85,8 +4,3
Ourense central 79,35 73,18 -6,17
Ourense sur 89,62 82,32 -7,3
Área de Ourense 54,33 43,39 -10,94
Pontevedra nororiental 79,88 80,16 +0,28
Pontevedra sur 58,99 60,01 +1,02
Caldas-O Salnés 65,19 55,58 -9,61
O Morrazo 50,44 39,95 -10,49
Área de Pontevedra 39,48 38,36 -1,12
Área de Vigo 33,26 26,99 -6,27

% de falantes habituais de lingua galega por áreas. Fonte: IGE

% de falantes habituais de galego por áreas Dominio Público IGE
Evolución da proporción de galegofalantes habituais entre 2008 e 2013 © IGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.