'As inxustizas do Casón': "Nunca se despedira un comité de empresa ao completo"

Tamara García, autora do libro CC-BY-SA Ramón Mariño

Os acontecementos de decembro de 1987 arredor duns bidóns procedentes do buque con bandeira de Panamá, Casón, foron o detonante do primeiro despedimento na súa totalidade dun comité de empresa no estado español. Isto acontecía na daquela Alúmina-Aluminio, agora Alcoa-San Cibrao, cando 23 traballadores foron despedidos logo de defenderen durante dous anos, desde 1985, unha serie de dereitos laborais que non tiñan fronte a outras fábricas semellantes que si gozaban de mellores contrapartidas.

Falouse daquela de lock-out, ou peche patronal, coa intención directa de botar aos membros do comité. Outras voces afirmaban que era unha lección desde a patronal e do Estado (daquela dono da factoría, hoxe en mans da americana Alcoa) ao sindicalismo máis reivindicativo.

Falamos con Tamara García García, filla dun dos despedidos do comité de empresa de 1987, que en breve presentará o libro As inxustizas do Casón. Un documento que percorre desde o embarrancamento do barco en Fisterra ata chegada dos bidóns dese navío ao complexo industrial lugués.

Chama a atención o título do libro: As inxustizas do Casón. Por que o escolliches?

Porque arredor do Casón aconteceron inxustizas, coma o pánico creado na Costa da Morte cando embarranca o barco e comezan as explosións. A xente deses lugares abandonou o lugar para refuxiarse en Santiago. Despois, cando os bidóns foron trasladados a Parga (Guitiriz), a un campamento militar, houbo un levantamento da xente, mais ese tema non se tratou. Logo, cando chegaron a San Cibrao foi unha inxustiza porque quen pagou foi o comité de empresa, que non tivo a culpa de que eses bidóns chegasen a San Cibrao. Os demais lavaron as mans.

Cal foi o motivo máis poderoso que te empuxou a poñerte con este traballo?

Eu son filla dun dos despedidos do comité. Eu tiña daquela tres anos e non recordo nada do acontecido. Cando meu pai falaba dicía que deixara de traballar na fábrica e eu non lle preguntara nunca por que. Cando tiña dezaseis anos saíu o tema e o meu pai mostroume un arquivador con notas de prensa, actas do comité e telegramas. Cando lle preguntei por que o despediran deume o dossier e díxome: “Toma, leo e entenderalo”. Díxenlle ao meu pai que escribiría un libro sobre aquilo. Collín o primeiro documento que falaba dun barco e 23 chineses mortos. Daquela non me cadraba nada. Despois de sete anos en Santiago, volvo para a casa en Viveiro. Coincide nese tempo que ao meu pai o despiden da empresa onde traballaba. Daquela pregunteille: “Comezamos a facer o libro?”, o meu pai contestoume: “Veste capaz?” e eu díxenlle que si. Durante un ano lin todo o dossier e logo no 2010 comecei a redacción.

"Cando tiña dezaseis anos pregunteille ao meu pai por que o despediran. Deume o dossier e díxome: “Toma, leo e entenderalo”. Díxenlle ao meu pai que escribiría un libro sobre aquilo"

Había algún traballo xa feito sobre o Casón e as súas implicacións?

Que eu saiba non. Ao mellor hai alguén con algún traballo feito gardado na casa. O que si había eran documentais escritos sobre o barco, pero do conflito moi pouco. Existe o documental Casón do programa A caixa negra da TVG, pero máis centrado no barco que nos acontecementos posteriores.

Un libro coma este ten detrás un esforzo intenso. Cales foron os atrancos que fuches atopando no camiño?

Moitos, partindo de que eu non sabía moito do tema, que me custou asimilar toda a información, sobre todo porque moitas das persoas protagonistas do momento eran políticos e técnicos do ano 1987. Logo vendo que todas as notas e recortes de prensa eran de La Voz de Galicia e El Progreso, chameinos para que me deixasen fotos pero dixeron que non, mesmo lles pedín unha exposición e tamén me contestaron que non. Entón díxenlles que poría os recortes dos xornais porque os teño e a iso dixéronme que si. Contactei tamén coa TVG por teren o arquivo das imaxes. Tamén contestaron que non.  Pero o meu pai tiña gravadas imaxes en VHS que pasei a DVD.

Cal era o contexto político e social?

En Galicia había un goberno tripartito encabezado polo PSOE e en Madrid gobernaba tamén o PSOE. Había un clima de movementos nos estaleiros e tamén había mobilizacións nas fábricas. Comezaban os recortes que logo continuaron despois. Realmente en San Cibrao non había un clima especial de mobilización, pero xa comezaban a reivindicar cousas que había noutras factorías das mesmas características.

Por exemplo, cando entrou o comité de empresa que saíu no 1985, pedían melloras laborais como autobuses, unha quinta quenda, bolsas de estudos para os fillos, cousas xa gañadas noutros convenios colectivos doutras empresas que en San Cibrao non chegaran. Esa fábrica está illada, non estaba en Vigo ou Ferrol, con todo o que gañaran naquelas cidades. Aquí todo era moi tranquilo. Para o día que chegaron os bidóns había unha manifestación pedindo un tren de laminado e así crear máis postos de traballo. No Estado a situación era moi convulsa.

Como se produciron os despedimentos de traballadores e quen deu orde de despedilos?

Realmente non foi así. Os bidóns chegan a San Cibrao o 12 de decembro sobre as nove da mañá nos camións que estiveran en Guitiriz. Nas portas da fábrica de Alúmina-Aluminio paran os bidóns e o director da factoría, señor Moñita, chama a un membro do comité de empresa, que estaba de quenda, o señor Barreira. Entre os dous quedan e o señor Moñita di que non entren os bidóns na fábrica. Lévanos á praia de Morás. Realmente eses bidóns nunca entraron na factoría. O señor Moñita chama ao presidente do comité, Ángel Pérez, e xa que era sábado, Moñita pídelle que chame aos membros do comité para unha reunión. Ángel Pérez contacta cos representantes de cada sección sindical, cinco en total. Reunidos en San Cibrao acordan co director da fábrica non deixar pasar os bidóns, pois se eran tan perigosos que mesmo a xente marchara das súas casas na Costa da Morte, eles tampouco os queren no seu lugar de traballo.

"Reunidos en San Cibrao acordan co director da fábrica, non deixar pasar os bidóns, pois se eran tan perigosos que mesmo a xente marchara das súas casas na Costa da Morte, eles tampouco os queren no seu lugar de traballo"

O sábado pola tarde parece que queren meter os bidóns. Poñen as bolsas de colada de metal na entrada, deixando só espazo para vehículos de emerxencia e outros transportes máis pequenos. O domingo chega o señor Monteiro, que fora o primeiro director da factoría, di que as negociacións quedan rotas, pero aínda había xente traballando nas instalacións. Porque realmente, ata o luns pola mañá os traballadores entran e saen normalmente. O luns pola mañá comezan manobras dos camións cos bidóns como querendo entrar. Ese mesmo luns pola mañá, vendo que non saben que van facer coa carga dos camións, que o barco destinado para levalos, o Galerno, estaba fondeado diante dos Farallós desde había dous días, o comité de empresa, de acordo co Estatuto dos Traballadores no seu punto 19.5, evacúa a factoría.

"O que consegue o comité é que se faga unha regulación e non despedilos a todos. Van a xuízo e a empresa ten que readmitir a cento once empregados"

Os traballadores van en autobús ata o concello de Xove, mentres os bidóns son cargados. Cando saben isto, volven á fábrica pero non lles deixan entrar a traballar. A partir de aí, comezan a chegar telegramas con datas anteriores a eses días, pedíndolles que realicen servizos mínimos na folga. Pero realmente nunca houbo folga e os telegramas, repito, tiñan datas anteriores á suposta folga. No momento son despedidos os traballadores. O que consegue o comité é que se faga unha regulación e non despedilos a todos. Van a xuízo e a empresa ten que readmitir 111 empregados. Noutro xuízo, quen perde é o comité de empresa e estes si que son despedidos.

Cal sería o motivo de centrar os despedimentos sobre o comité de empresa?

Penso que para dar un escarmento a todo o sindicalismo: “Agora xa podemos despedilos”. Ata daquela nunca se despedira un comité de empresa ao completo. Comezaban as reformas e as revoltas nas factorías e o poder tiña que frear os traballadores dalgunha maneira. E este comité era moi paritario: UGT, INTG, CCOO, USO e dous independentes. Había representación da maioría dos sindicatos. Igual era unha maneira de dicirlle ao sindicalismo que son todos iguais. Pero aí non estou tan certa. Ao final readmitiron a maioría agás os 23 membros do comité de empresa.

"Ata daquela nunca se despedira un comité de empresa ao completo. Comezaban as reformas e as revoltas nas factorías e o poder tiña que frear aos traballadores dalgunha maneira"

Que é das persoas que formaron aquel comité?

Moitos marcharon da Mariña aos seus lugares de orixe. Cada un buscou a vida como puido. Dous faleceron.

Pensas que están estigmatizados?

Estou convencida de que hai listas negras, o meu pai nunca máis volveu traballar na Mariña e outros abriron negocios propios. Os que marcharon fóra de aquí atoparon traballo, pero para os que quedaron penso que hai listas negras para os do comité e para os fillos.

"Estou convencida de que hai listas negras, o meu pai nunca máis volveu traballar na Mariña e outros abriron negocios propios"

Como valorarías o papel das forzas sociais e políticas naquela situación?

Escaso. Os alcaldes da Mariña apoiaron os membros do comité. Non sei se só fixeron o que podían ou o que lles dicía o partido desde arriba. Deuse o caso de que os de AP apoiaron o comité dentro das súas posibilidades e criticaron a posición dos partidos do goberno, logo o PSOE apoiaba en público pero ao final desvinculouse co paso do tempo. Penso que ao estaren no poder tanto en Galicia como en Madrid, o erro foi do PSOE. Tiñan que tentar saír como boamente podían e que cargasen coa culpa outros que non fosen os políticos.

Durante a investigación cal foi o dato ou as imaxes que máis che impactaron?

Desde sempre, as imaxes da acción sindical de subir ao alto da cheminea. Tamén a frase dunha pancarta: “Comité ni un paso atrás”, pancarta que levaban as mulleres dos traballadores a unha das xuntanzas e que chegaran cando xa estaban despedidos.

"O comité de empresa era incómodo para a dirección e que querían acabar con el"

Que conclusións poderíamos tirar do teu libro?

Que todo estaba moi politizado, entendendo que o comité de empresa era incómodo para a dirección e que querían acabar con el. Logo está o desastre que foi o levar os bidóns dun lado a outro, porque que máis tiña cargalos en Cee que en San Cibrao? Non tiña lóxica ningunha. Creo que todo foi un despropósito que obrigou a despedir 23 traballadores, pero hai que ver unha parte positiva, mellor despedir a 23 que a un cadro de persoal enteiro de mil cincocentos traballadores. O mal maior non foi tan grande do que puido ter sido. Esa é a miña conclusión pero non ten por que ser a de outras persoas.

Factoría de Alcoa en San Cibrao Dominio Público CIG
Afundimento do 'Casón' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.