Ao redor de 55 representantes de entidades galegas defensoras do territorio e do medio natural intervirán este mércores e xoves no Parlamento europeo, convidadas por Lidia Senra (AGEe), para poñer de relevo as ameazas da megaminaría, as grandes infraestruturas, centros comerciais ou a explotación enerxética, entre outras, ligadas todas ao concepto de acaparamento de terras (land grabbing).
Intervirán neste seminario, entre outras, a Associação Socio-Cultural O Iríbio, a Comisión de Asociacións en contra das minas da Terra Chá, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños ou a Plataforma Veciñal Corno do Monte e SOS Courel. Canda elas, exporán os eixos principais das súas loitas organizacións como o Sindicato Labrego Galego (SLG), a Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común (OGMVMC), Salvemos A Fracha, Plataforma Contra a Autovía de Redondela ou a Coordinadora para a defensa da autovía Santiago-Lugo preto de Melide.
O termo acaparamento de terras fai alusión á adquisición de terreo agrícola con fins comerciais, tales como la produción de alimentos a escala agroindustrial, agrocarburantes, infraestructuras enerxéticas ou grandes estruturas. Inicialmente, tivo o seu impacto máis forte nos territorios latinoamericano e africano, instaurándose como dinámica de asoballamento comercial ao abeiro da crise alimentaria global do ano 2008. Segundo o propio Banco Mundial, máis do 30% da terra fértil do planeta está nestes momentos baixo negociación. En Europa este fenómeno está fortemente instigado polas industrias extractivas (mineiras), a expansión urbana e intereses inmobiliarios e turístico, a instalación de parques eólicos, superficies comerciais e grandes infraestruturas (estradas, trens de alta velocidade, etc).
Senra pretende "dar a coñecer as loitas que en diferentes puntos do noso país están a se levar adiante para impedir a apropiación das terras e dos montes por empresas ou para grandes infraestruturas"
A través desta iniciativa, Lidia Senra pretende "traer a Bruxelas as diferentes formas de acaparamento da terra en Galiza" e "dar a coñecer as loitas que en diferentes puntos do noso país están a se levar adiante para impedir a apropiación das terras e dos montes por empresas de todo tipo ou para grandes infraestruturas pensadas en función dos intereses capitalistas". Ademais, sinala, na problemática do acaparamento de terras as políticas institucionais europeas "teñen tamén unha forte responsabilidade". "As propias normas do reparto de fondos públicos no marco da Política Agrícola Común (PAC), baseadas no tamaño da extensión de terras e non na produtividade, promoveron claramente esta concentración de terras e riqueza", engade, poñendo como exemplo que no Estado español "o 75% dos subsidios repartidos no ano 2009 foron acaparados polo 16% dos produtores, nomeadamente por grandes terratenentes coma a Casa de Alba".
Outra especto desta estratexia é o denominado "acaparamento de terras virtuais", no que o obxectivo final non é de carácter produtivo senón especulador, ou a instrumentalización para apropiarse de subsidios, obter préstamos bancarios empregando as terras como aval ou especular sobre futuros incrementos do valor das terras.