A lei mordaza saíu adiante. O Congreso dos Deputados aprobou este xoves, cos únicos votos favorables do PP e o rexeitamento de toda a oposición, o Proxecto de Lei Orgánica de Protección de Seguridade Cidadá. Así se chama a polémica normativa, á que se opón todo o arco parlamentario á excepción da bancada popular, así como de todo o activismo e movemento social e humanitario e máis do 80% da poboación española segundo as últimas enquisas.
O PP segue adiante coa lei malia o rexeitamento masivo da oposición e da sociedade
Pero tanto lle ten ao Goberno popular. A lei seguirá o seu percorrido para acabar sendo aprobada a principios de ano logo dunhas lixeiras modificacións do proxecto inicial. Así, retirouse a "ultraxe" a España que se incluía na primeira proposta e o botellón, que ía ser considerado falta grave, tan só será leve. É do pouco modificado e as críticas chegan de todos lados, incluso da Comisión Europea, que advirte que a legalización das devolucións en quente dos inmigrantes vai en contra da xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Tamén foi duramente rexeitada a ambigüidade dun texto que sanciona a "falta de consideración" a un policía, filmar un axente ou negarse a ser identificado.
Todos os grupos da oposición comprometéronse a derrogar a lei se na vindeira lexislatura, como prevén todas as enquisas, cambian as maiorías. Parece a única maneira de deter un proxecto lexislativo centrado na represión da protesta e en legalizar aquelas sancións previstas que os xuíces detiveron, como as referidas aos escraches ou á paralización de desafiuzamentos. Velaquí un repaso á lista de actitudes ou accións que poderán ser multadas a partir de agora nas manifestacións, pero tamén fóra delas:
Infraccións leves (multa de 100 a 600 euros)
- Manifestacións non comunicadas ou que fosen prohibidas por "razóns fundadas de que poidan producirse alteracións da orde pública, con perigo para persoas ou bens". Neste caso, serán multados os seus organizadores e promotores
- Incumprir o percorrido dunha manifestación de producirse "alteracións menores"
- "Falta de respecto e consideración" a un membro da policía
- Negarse a entregar o DNI cando se lle indicase. De negarse a mostrar o documento, a infracción pasaría a ser grave
- Danar ou "deslucir" o mobiliario urbano ou edificios de uso público, o que inclúe tamén pegar adhesivos ou carteis
- Escalar edificios ou monumentos sen autorización se hai risco de que sexan danadas persoas ou bens
- Ocupar un inmoble en contra da vontade do propietario
- Consumir alcohol na vía pública cando "perturbe gravemente a tranquilidade cidadá"
- Ocupar a vía pública para a venda ambulante non autorizada
- Ceibar animais "feroces ou daniños" ou abandonar animais domésticos
Saír do percorrido dunha manifestación, "faltar ao respecto" a un policía ou pegar un adhesivo na rúa podía ser multado con 600 euros
Infraccións graves (multas de 601 a 30.000 euros)
- Intentar deter un desafiuzamento ou, o que vén sendo o mesmo, "obstruír" para impedir o "exercicio lexítimo das súas funcións" e o "cumprimento ou a execución de acordos ou resolucións administrativas ou xudiciais" a calquera autoridade ou empregado público
- Manifestarse, no caso de haber incidentes, fronte ao Congreso, o Senado ou os parlamentos autonómicos, aínda que dentro non estean os representantes políticos
- Desobedecer ou resisitirse á autoridade, negarse a identificarse ou dar datos falsos se un axente o solicita
- Negarse a disvolver reunións ou manifestacións na vía pública logo de que sexa ordenado pola "autoridade gobernativa"
- Atrancar a vía pública con vehículos, colectores, pneumáticos ou mobiliario urbano causando "unha perturbación grave da seguridade cidadá"
- Irromper en instalacións ou infraestruturas que prestan servizos básicos, como transporte público ou centros hospitalarios, e dificultar o seu funcionamento.
- Usar sen autorización imaxes ou datos persoais ou profesionais de autoridades de policías que poida "poñer en perigo a súa seguridade pesoal ou a da súa familia"
- Consumir ou posuír drogas tóxicas, estupefacientes e substancias psicotrópicas na vía pública, ou mesmo levar persoas nun vehículo a buscar estas substancias. Tamén será motivo de sanción permitir o consumo de drogas en locais públicos e plantala ou cultivala en lugares visibles, de non ser xa unha infracción penal
- Solicitar ou aceptar servizos seuxais na vía pública ou preto de menores
Deter un desafiuzamento, manifestarse ante o Congreso, resistirse á autoridade ou fumar marihuana na rúa podería supor 30.000 euros de multa
Infraccións moi graves (multas de 30.001 a 600.000 euros)
- Reunións e manifestacións non comunicadas ou prohibidas en lugares onde se presten servizos básicos, así como dificultar o seu funcionamento "no caso de xerar un risco para as persoas ou un prexuízo nese tundionamento". Neste caso, serían sancionados os organizadores ou promotores da protesta.