Son incontables as ocasións nas que, nos últimos anos, diversos cargos do Goberno galego sacaron peito ante a oposición e diversas organizacións sociais por mor do incremento dos orzamentos destinados a sufragar a Renda de Integración Social de Galicia. En marcha dende 1992, a RISGA é un subsidio que, admite a propia Xunta, está destinado a procurar a mera "subsistencia" das persoas que "carecen de recursos económicos". A súa contía oscila entre os 399 euros, para persoas que viven soas, e os 601, para unidades de convivencia de cinco ou más persoas. Se ben é certo que a dotación orzamentaria da RISGA acadou cifras récord nos últimos anos non o é menos que o propio funcionamento do subsidio implica un incremento de fondos en función das persoas solicitantes, isto é, das persoas nunha situación económica límite.
Botando a vista un chisco atrás, o orzamento da RISGA permaneceu practicamente intacto nuns 23 millóns de euros dende as derradeiras contas públicas aprobadas polo bipartito, as de 2009, e ata 2012, cando foi incrementado nun millón de euros. En 2013 o seu incremento foi maior, ata os 32,7 millóns de euros, en 2014 rozou os 40 e en 2015 está previsto que supere os 47. Estas subas non impediron, ademais, que a Consellería de Benestar tivese que realizar modificacións orzamentarias en pleno exercicio por non seren dabondo as contías iniciais.
A Xunta gábase do incremento do orzamento da RISGA, síntoma da multiplicación de persoas en risco de exclusión
Lonxe de ser o resultado dunha renovada aposta gobernamental pola política social -os incrementos cadraron no tempo con duros recortes sociais-, a escalada orzamentaria da RISGA responde a unha multiplicación das persoas que a precisan. Así, dende finais dos anos 90 a poboación beneficiaria destas axudas roldou as 4.000 persoas, unha estabilidade que comezou a rachar en 2009, cando se achegaron ás 4.800. Dous anos despois, en 2011, as persoas que precisaban a RISGA para subsistir xa superaban as 5.000, en 2012 quedaron por riba das 6.700 e en 2013 produciuse o gran salto, ata as 9.300. As cifras de 2014 e 2015, aínda correspondentes a estimacións da Xunta, falan dun lixeirísimo descenso no presente ano e dun incremento no seguinte, ata as 9.900. A suba, polo tanto, é de arredor do 113% dende o inicio da crise.
Reclamacións sociais e reformas
Estas cifras danse nun contexto no que, ademais de resaltar o incremento orzamentario, a Xunta pon o acento na existencia dunha "nova Risga", a contemplada na nova lei de inclusión social e que contempla novidades como, por exemplo, a posibilidade de compatibilizar o subsidio con algúns traballos esporádicos, así como a aposta oficial polo trazado de itinerarios de empregabilidade. Mentres, dende a oposición parlamentaria e, sobre todo, dende os colectivos que traballan coas persoas en risco de exclusión lánzanse múltiples reclamacións, a comezar por que a Xunta pague a RISGA nos prazos que corresponde, unha reclamación que o propio PP asumiu no Parlamento o pasado xuño. Daquela estimábase que as solicitudes que teñen que estar finalizadas nuns dous meses acadaron demoras de ata oito.
Profesionais do ámbito social reclaman menos burocracia e maior atención persoal na xestión da RISGA
Algunhas destas achegas chegaron, por exemplo, dende o IV Foro de Capacitación sobre pobreza, exclusión social, terceiro sector e voluntariado, celebrado a comezos de outono en Compostela. Nesas xornadas foi presentado o informe Por unha RISGA efectivos, documento que, elaborado a partir dos testemuños de profesionais do ámbito social e tamén das persoas usuarias, puña o acento en necesidades cmo a redución das cargas burocráticas, un maior seguimento persoal ou a inclusión de "novos perfís de solicitantes derivados da crise económica", como "parados de longa duración e afectados pola precariedade laboral".
Nun sentido semellante, dende Cáritas apostábase hai escasos meses por que a RISGA "deixe de ser unha prestación de servizos sociais que necesita un informe dun traballador social e que está suxeito a limitacións orzamentarias, para pasar a ser un dereito obxectivo". Así, indicaban dende a ONG ligada á Igrexa católica, "evitaríase o grave problema" dos devanditos atrasos "por mor dos procedementos adminsitrativos". "Estas rendas mínimas -salientan- son imprescindibles para evitar situacións de exclusión social".