A mañá do pasado venres comezou cun sobresalto informativo: un vehículo viña de se esnafrar contra a sede central do PP, na madrileña rúa de Génova. Eses eran os feitos. Aos poucos minutos circularon teorías e especulacións de toda caste, do accidente ao atentado terrorista, e pouco despois xa se deron en asentar varias eventuais explicacións: que o condutor do vehículo era un empresario arruinado ou que se trataba dunha persoa desempregada; en ambos casos, a desesperación sería o combustible que o levara a atacar a sede do partido do Goberno. Pouco despois a esas dúas teorías engadiúselle un novo ingrediente, o da enfermidade mental. Sobre este punto vén de chamar a atención a Confederación Española de Agrupacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES), que lamenta a frivolidade e lixeireza á hora de relacionar saúde mental e violencia.
"Como representante das persoas con transtorno mental e das súas familias" a Confederación FEAFES amósase "enormemente preocupada" por que, "ante acontecementos violentos ou de difícil explicación, tanto autoridades políticas, fontes policiais e medios de comunicación" dean en "trasladar a idea de que a motivación deste lamentable suceso se deba a que o autor presentaba un problema de saúde mental". En casos coma este, explican, "resulta imposible que horas despois do accidente se poida ter un diagnóstico psiquiátrico do autor dos feitos". "E, se se tivese", advirten, non sobra lembrar que "os diagnósticos de saúde son confidenciais e están especialmente protexidos de forma expresa" na lei de protección de datos.
FEAFES lamenta que se ligue o suceso na sede do PP en Madrid coa saúde mental
Ás circunstancias e premura deste caso concreto FEAFES engade un argumento máis. "Non existe ningunha evidencia científica de que as persoas con problemas de saúde mental sexan máis proclives a cometer actos violentos que o resto da sociedade", algo que, sinalan, "se dá a entender" en "varias informacións e declaracións de representantes políticos", os cales dan en establecer "unha relación causa-efecto entre enfermidade mental e violencia, sen ter en conta ningún outro posible factor dos feitos".
"É imposible que horas despois do accidente se poida ter un diagnóstico psiquiátrico do autor"
Neste contexto, os responsables de FEAFES chaman á responsabilidade de administracións públicas, representantes políticos e medios d ecomunicación. "O tratamento informativo deste tráxico suceso prexudica seria e innecesariamente a imaxe das persoas con enfermidade mental", un "tipo de discapacidade" que no conxunto do Estado "afecta a máis dun millón de persoas". Con cada nova deste tipo elas "ven dificultadas as súas posibilidades de integración social".
A chamda de atención das persoas con enfermidade mental e das súas familias prodúcese dende a "consciencia" da "complexidade e esixencia de rapidez no traballo diario" dos responsables políticos, das forzas de seguridade e dos medios. Pero, malia esta celeridade, din, "non podemos resignarnos a que se perpetúen os prexuízos e falsos mitos que relacionan actos violentos coa enfermidade mental". Tampouco, advirten, é posible tolerar que "se siga violando o dereito á honra, á intimidade e á propia imaxe das persoas". Así as cousas, "todos os implicados" na xestión de sucesos coma este deberían "actuar con prudencia" no canto de "contribuír a perpetuar o estigma e as barreiras que, moitas veces, a sociedade mantén" frente ás persoas con problemas de saúde mental.