Cosmos perde outra batalla xudicial clave contra os veciños de Triacastela

Canteira de Vilavella, en Triacastela © Salvemos Cabana

Cementos Cosmos volve perder outra batalla xudicial. E desta vez unha de importancia. O xulgado de primeira instancia de Becerreá vén de ditaminar contra a cementeira do grupo Votorantim na segunda das tres demandas interpostas contra José Horacio Río, veciño da zona de Triacastela e mebro da asociación O Iribio, que leva anos loitando contra as irregularidades e prexuízos que a empresa provoca na contorna. A xustiza determina que as terras que a compañía lle reclamaba ao demandado son lexitimimante súas, xa que esta non puido demostrar a súa propiedade, ademais de reparar la ilexitimidade das expropiacións levadas a cabo hai xa décadas.

É a segunda vez que a xustiza lle deu a razón ao veciño fronte á cementeira, que reclamaba a titularidade das súas terras

Segundo a plataforma Contraminacción, Cosmos leva a cabo "unha campaña de acoso e derribo" contra este home como "represalia pola súa oposición á mina a ceo aberto en Triacastela". Así, e aínda á espera da celebración do xuízo pola terceira delas, con esta agora xa son dúas as demandas gañadas por este e activista, "que ao igual que outros, está a sofrer os durísimos ataques nos tribunais deste monstro empresarial e das súas potentes equipas da avogados, con falsas acusacións e fortes ataques económicos ás suas víctimas".

Nesta demanda, segundo denuncia Contraminacción, Cosmos "pretendia desafiuzar a José Horacio Rio Lago de dúas fincas da súa propiedade, unha delas da súa familia desde tempos inmemoriais e outra adquirida hai duas décadas lindando co perímetro da explotación mineira". Foi a primeira vez, en trinta anos de funcionamento da mina a ceo aberto, na que á empresa lle deu por "reclamar" a propiedade destas parcelas que, segundo a plataforma, "son irrelevantes e innecesarias para a explotación" pero si "estratéxicas para a explotación agrícola familiar do demandado".

Cosmos reclamou as terras por primeira vez malia que leva trinta anos coa mina a ceo aberto

"O que pretenden é facer o máximo dano posible, ademais de apañar terras para facer perigar o medio de vida e sustento da familia", destaca o colectivo contra a minería agresiva, que lembra que Cementos Cosmos tentaba "castigar economicamente o denunciado", xa que ademais do valor desas terras e dos gastos xurídicos na súa defensa pretendía tamén interporlle custas superiores aos 18.000 euros.

Pero Cementos Cosmos non conseguiu demostrar a propiedade desas terras, algo que si fixo o demandado si. "A empresa presentou documentos correspondentes a outras parcelas que tentou facer pasar por documentos correspondentes ás parcelas en litixio e todo tipo de trapalladas documentais e testificais que foran fulminantemente desmontadas", denuncia Contraminacción, que fala da evidencia de "irregularidades e mesmo falsidade documental" na suposta expropiación forzosa que esta empresa realizou durante o franquismo.

A empresa non logrou demostrar a propiedade e a xustiza deulle a razón a centos de veciños que se negan a abandonar os terreos que Cosmos reclama

Este xuízo pode trascender enormemente o simple ataque contra o activista, xa que o xulgado tamén vén de dar a razón a case un cento de propietarios afectados por esta explotación mineira que se negan a abandonar terras que Cosmos se atribúe, ao consideraren que a suposta expropiación non é válida e que os veciños continúan a ser os lexítimos propietarios.

"O acoso de Cosmos, que non só está dirixido contra a asociacion O Iríbio, senón tamén contra un cento de afectados directos, lonxe de intimidar, está a ter o efeito contrario en cada vez máis persoas, que alén do valor económico dos bens que lles pretenden usurpar, están a defendelos xa simplemente por unha cuestión de dignidade e non se axeonllar ante os abusos e intimidacións constantes", di Contraminacción, que cre que esta "pequena vitoria" e "unha grande vitoria para toda a veciñanza", que comeza a ver que "a agresividade desta monstrosa empresa é debida a que está ferida de morte e a firmeza e constancia, a verdade e a razón, poden vencer até aos mais ricos e poderosos".

Os danos de Cementos Cosmos sobre a contorna da zona levan tempo sendo denunciados. Hai uns tres meses, a Fiscalía abriu dilixencias de investigación polos traballos da cementeira que están a estragar en Triacastela o importante xacemento de Cova Eirós, que carece de vixilancia desde o pasado mes de agosto e onde se puideron comprobar xa importante prexuízos.

Ademais, a cementeira chegou a exixir 45.000 euros aos críticos co seu labor en Triacastela. A empresa demandou o presidente da asociación O Iribio por "danos e prexuízos no seu honor" polos comentarios nas redes sociais sobre os seus polémicos traballos. Foi só a última das varias demandas recibidas por veciños que loitan contra os danos no patrimonio cultural e paisaxístico da zona.

Localización de Cova Eirós dentro da explotación mineira © Google Maps
Canteira de Vilavella, en Triacastela © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.