A nova Estratexia de Inclusión Social: ben sobre o papel, á espera de realidades

Cadea humana en demanda de solución para as persoas en situación de pobreza e exclusión social © Oficina de Dereitos Sociais de Coia

Hai dúas semanas o Consello da Xunta aprobou a nova Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, un amplo conxunto de medidas para paliar a situación dos milleiros de persoas que en Galicia viven na pobreza. Este novo plan, que terá unha duración de seis anos, máis que duplica os seus fondos, pasando dos 230 millóns de euros da estratexia anterios aos 521 millóns. Parte deste incremento correspóndese cos cartos destinados a financiar a Renda de Integración Social de Galicia, a RISGA, que nos últimos tres anos duplicou os seus fondos, dende os 24 millóns de euros anuais de 2012 aos 47 previstos para 2015. Un paso na boa dirección e unha mostra, ao mesmo tempo, da terrible realidade de pobreza que sofren cada vez máis galegos e galegas.

Non todo é unha cuestión de incrementos orzamentarios. A Estratexia de Inclusión Social deberá enfrontar algunhas das eivas máis denunciadas nos servizos sociais e na atención ás persoas en dificultades. Por exemplo, os atrasos na concesión da RISGA, cuxos beneficiarios non deberían ter que agardar máis de dous meses. A realidade é que en moitas ocasións a espera supera o medio ano. Tamén deben resolverse os moitos atrancos burocráticos existentes e a escasa ou deficiente coordinación entre as distintas administracións. Ademais, dende as entidades sociais demándase da Xunta que cumpra coas esixencias europeas de transparencia e de coxestión dos fondos destinados a loitar contra a pobreza, un proceso no que estes colectivos que traballan coas persoas afectadas deben ter voz e capacidade de decisión.

Cuns destaca entre os elementos positivos do plan que se tratan as situacións de exclusión de forma "integral"

Xosé Cuns, director da Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia) valora positivamente "sobre o papel" a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 aprobada pola Xunta, destacando que é unha "musica que soa ben", pero que agora debe cumprirse. Destaca, entre os elementos positivos do plan, que se tratan as situacións de exclusión de forma "integral", entendendo que "non só teñen que intervir os servizos sociais" senón que tamén cobran importancia outras cuestións, por exemplo as relacionadas co emprego. En xeral, salienta, a estratexia "non busca perseguir e culpabilizar os pobres, senón combater a pobreza e a exclusión".

Porén, advirte que todo isto debe confirmarse agora con feitos e realidades, por exemplo na redacción do regulamento da Lei de Inclusión, que xa acumula seis meses de atraso e que debería ter un borrador listo este mes de xaneiro. De igual xeito, a Xunta comprometeuse a rematar cos atrasos na concesión da RISGA: "A Xunta comprométese a respectar a lei, que lle fixa dous meses como máximo para resolver esas solicitudes, e un mes para os Concellos. E aí imos estar vixilantes", destaca Cuns.

"A nós non nos importa o ping-pong político, se os atrasos son culpa do Concello de Vigo ou da Xunta, por exemplo. Esa vai ser unha das nosas peticións para as eleccións municipais", engade

Tamén prometeu mellorar a coordinación entre administracións que lastra e dificulta a súa aplicación. "En España unha persoa nestes momentos non ten garantidos os mesmos dereitos, que varían dependendo de onde viva. E podemos facer a mesma análise aquí en Galicia, dependendo dos concellos", denuncia Cuns. "A nós non nos importa o ping-pong político, se os atrasos son culpa do Concello de Vigo ou da Xunta, por exemplo. Esa vai ser unha das nosas peticións para as eleccións municipais", engade.

Cuns destaca, iso si, a actitude "aberta á escoita e á negociación de cada unha das nosas propostas", mantida pola Consellaría de Traballo e Benestar, que recolleu na Estratexia máis de 30 das propostas presentadas por EAPN Galicia. Pola contra, critica a actitude, moi distinta, mantida pola Consellaría de Facenda, que segue facendo oídos xordos ás demandas das organizacións sociais de loita contra a pobreza, que lle reclaman "transparencia" na xestión dos fondos europeos e que abra a súa xestión á participación da sociedade civil, como esixe a propia UE. "Na Comisión europea están preocupados. Hai que lembrar que a maioría desta estratexia pódese facer porque veñen fondos da UE e a Comisión esixe transparencia e participación na xestión", destaca.

A proporción da poboación que en Galicia está cuberta por rendas sociais de apoio (4,08 persoas por cada mil), está por debaixo da media española (5,5 por cada mil) e moi lonxe da de Euskadi, onde 34 de cada mil persoas reciben unha renda mínima

O director de EAPN-Galicia recoñece que, afortunadamente, a situación de pobreza en Galicia non é "a do inferno que se vive en Castela A Mancha, Madrid, Murcia ou Valencia", pero lembra igualmente que a proporción da poboación que en Galicia está cuberta por rendas sociais de apoio (4,08 persoas por cada mil, en 2013), está por debaixo da media española (5,5 por cada mil) e moi lonxe da de Euskadi, onde 34 de cada mil persoas reciben unha renda mínima "cuns importes que permiten subsistir e ter unha dignidade de vida a quen non ten ingresos". "Ténsenos dito algunha vez que o de Euskadi é ciencia ficción, pero non o é", salienta Xosé Cuns, para quen os 520 millóns de euros previstos neste plan "son un chan interesante e positivo, pero quédalle ao presidente da Xunta buscar outros mil millóns para poñer en marcha medidas que teñan un verdadeiro impacto".

Cuns explica, por exemplo que Cáritas calculou que para que as 700 mil familias que en toda España non teñen ingreso ningún (unhas 80 ou 90 mil en Galicia) recibisen unha renda mínima duns 500 euros mensuais, o Estado tan só tería que achegar 4.707 millóns de euros. "Non falamos de grandes cifras inasumibles para o sistema fiscal. Hai solucións e están aí".

Xosé Cuns, director da Rede Galega de Loita contra a Pobreza Dominio Público Praza Pública
Cadea humana en demanda de solución para as persoas en situación de pobreza e exclusión social © Oficina de Dereitos Sociais de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.