O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, a través da súa presidenta, Marta Capeáns, vén de avaliar este ano 2014 como “desastroso para o conxunto dos servizos sociais”, e cre que de non mudar as institucións o conxunto de políticas destinadas a blindar “os piares fundamentais da cohesión social” correrase o risco de entrar “nun situación de deterioro dificilmente reversible, con máis demandantes de servizos sociais en varios ámbitos e menos recursos materiais e humanos para facerlles fronte, o que podería provocar certas situacións de auténtico colapso, como xa están a denunciar os e as traballadores sociais do Concello de Vigo”.
A presidenta do Colexio de Traballo Social pídelle ao novo ano "cordura aos nosos gobernantes para axilizar a RISGA, financiar a dependencia, non descoidar a sanidade e combater a pobreza”
A presidenta do Colexio de Traballo Social pídelle ao novo ano "cordura aos nosos gobernantes para axilizar a RISGA, financiar a dependencia, non descoidar a sanidade e combater a pobreza”. Capeáns lembra que neste 2014 “ houbo un progresivo e continuo desmantelamento da sanidade pública e déronse numerosas situacións de desatención nas persoas dependentes” e insiste nas posicións do Colexio para que a dependencia fora incluída no futuro modelo de financiamento autonómico, porque sería a única forma de salvar un sistema que agora mesmo se atopa “sen saída”. Capeáns reivindica á vez o labor dos traballadores e das traballadoras sociais nas cuestións que atinxen á atención á dependencia, cobertura, interpretación ou valoración das diferentes situacións.
No que se refire á Renda de Inclusión Social de Galicia, Marta Capeáns considera “prioritario e urxente adecuar os prazos que marca a normativa vixente”, xa que é un ingreso para persoas ou familias en situacións económicas “límite e de extrema precariedade e non parece razoable que a tramitación tarde máis de nove meses nalgúns casos”, ao que engade que “os e as traballadores sociais estamos nos concellos cumprindo co noso traballo, e sabemos o que é porque vivimos ao carón das familias os seus problemas e as súas demandas”. Dende o Colexio insístese en que é preciso “mobilizar recursos económicos de onde sexa” para un contexto no que, nos últimos tres anos, as persoas perceptoras da Risga se duplicaron, e en Galicia “hai máis xente en risco de exclusión”, apunta Capeáns.
A pobreza, indica Capeáns, non se combate con “campañas de beneficencia”, senón con “baterías de propostas e medidas en forma de políticas públicas dende a Xunta"
Neste sentido, as cifras de pobreza e exclusión son “verdadeiramente alarmantes”, e a día de hoxe máis de sete de cada cen fogares con fillos en Galicia sofren pobreza severa, “e un 26% en risco dela”, unha cifra que medrou este ano. E a pobreza, indica Capeáns, non se combate con “campañas de beneficencia”, senón con “baterías de propostas e medidas en forma de políticas públicas dende a Xunta para loitar contra ela, acompañadas de cartos, persoal apropiado para desenvolver as tarefas e aplicando políticas transversais, con axudas áxiles e directas e descartando a beneficencia que se está a potenciar dende as institucións públicas”.