Un documental de financiamento compartido busca esclarecer a verdade sobre o accidente do Alvia

Imaxe do documental Dominio Público Plataforma de vítimas do Alvia

"Non buscamos a vitimización, pero ás veces si que temos a sensación de que se nos culpa de algo". Falamos con Jesús Domínguez, presidente da Plataforma de Vítimas Alvia 04155, que agrupa as persoas que sufriron de forma máis directa as consecuencias do accidente que o 24 de xullo de 2013 acabou en Angrois, Compostela, coa vida de 81 seres humanos e deixou máis de 140 feridos. A entidade iniciou hai catro semanas unha campaña de crowdfunding para buscar apoios para a produción dun documental e dun libro que axuden a "esclarecer a verdade" sobre as causas reais do accidente, sinalar as responsabilidades e, ao tempo, denunciar o trato negativo que as vítimas veñen dende entón por parte das autoridades.

"Na memoria dos que deixaron a súa vida nas vías e para que non volva ocorrer necesitamos o financiamento e o apoio dos que non vos conformades coa versión oficial", destacan os impulsores de Frankenstein-04155o nome do proxecto que nos últimos meses xa foi recollendo testemuñas de vítimas, de expertos, de políticos e técnicos, afondando nas evidentes eivas de seguridade que presentaba o tren, un AVE galego construído a imitación doutros pero sen as mesmas garantías e elementos.

Nos últimos meses xa se estrou un documental que afonda no accidente, Angrois no esquecemento. Frankenstein-04155 está impulsado polas vítimas, destacan dende a Plataforma, que lembra tamén que o libro que o acompaña contará coa participación desinteresada de Alberto Vázquez-Figueroa, Cándido Pazó e de Teresa Gómez-Limón, psicóloga forense dos xulgado do Madrid, supervivente da catástrofe e ex deputada que abandonou o PP en desacordo coa actitude do partido ante o accidente.

"No documental veranse testemuñas que aínda non saíron á luz, aspectos técnicos que están presentes na instrución, promesas incumpridas realizadas polo Ministro Blanco sobre as características do AVE en Galicia...", explica Jesús Domínguez, que sinala que o filme servirá tamén para denunciar o silencio dos gobernos ante as súas demandas e tamén feitos coma os sucedidos en xullo na Cidade da Cultura, cando os antidisturbios lles impediron protestar ante o presidente da Xunta.

"Ese día mesmo nos seguíu un grupo de secretas durante todo o día por toda Compostela", di Jesús Domínguez. "Non buscamos unha vitimización, pero si que ás veces temos a sensación de que se nos culpa de algo, de que estamos facendo algo mal", denuncia, ao tempo que enumera as dificultades que están atopando para promocionar o doumental: "botáronnos das sedes de Renfe ou Adif, botáronnos de estacións metres repartiamos publicidade sobre o documental, tivemos dificultades para ser entrevistados nalgúns medios de comunicación...". "Mesmo a unha escola de Santiago que todos os anos realiza unha gala de nadal nun centro comercial e que nesta ocasión anunciou que ía dedicar a recadación a apoiar o noso documental, denegáronlle a autorización para actuar alí alegando que era un acto con fins políticos", comenta.

"Hai que xente que nos di que só facemos isto pola indemnización. Iso é complementario, pero o que queremos por riba de todo é que se saiba a verdade"

De momento, cando aínda faltan 12 días para que remate a campaña, o proxecto recadou algo máis de 34 mil euros dos 50 mil que necesita para pagar o traballo técnico de gravación e edición do documental e a redacción e publicación do libro que o acompañará. Suma un milleiro de micromecenas, que a cambio das súas achegas recibirán dende copias en DVD do filme e exemplares do libro, até a posibilidade (ofertada a asociacións) de proxectar o documental contando coa presenza do seu director e de integrantes da Plataforma de vítimas.

"Hai que xente que nos di que só facemos isto pola indemnización. Iso é complementario, pero o que queremos por riba de todo é que se saiba a verdade", destaca Jesús Domínguez, que se amosa confiado en que se acadará o obxectivo económico que permitirá completar o documental. Co filme, as vítimas continuarán co seu labor de visibilización das súas demandas, na procura de respostas.

Protesta das vítimas na Praza do Obradoiro © Plataforma de vítimas do Alvia
A policía evita que integrantes da Plataforma fagan chegar as súas protestas ante Núñez Feijoo na entrega das Medallas de Galicia Dominio Público Praza Pública
Imaxe do documental Dominio Público Plataforma de vítimas do Alvia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.