O PP prometeu en campaña impulsar no Monte Pindo o parque natural que agora nega

Folleto electoral do PP de Carnota CC-BY-SA Praza Pública

O PP e a Xunta seguen a negar, a cada ocasión que teñen, a declaración do Monte Pindo como parque natural. Todo malia o importante apoio que esta proposta recibe, non só da cidadanía de Carnota e da comarca, senón de múltiples organizacións. A última negativa chegou o pasado 26 de decembro cando os deputados populares votaron no Parlamento en contra dunha proposición de AGE para dotar desa figura de máxima protección ambiental ao Olimpo Celta.

Mentres, a asociación Monte Pindo Parque Natural vén de publicar unha enquisa de Sondaxe na que se amosou un inmenso apoio social á proposta, así como unha listaxe de 171 entidades que ata o día de hoxe avalaron a iniciativa para declarar o bosque parque natural. Non está o PP, por suposto, malia que a propia formación incluía esta promesa nas campañas das dúas últimas eleccións municipais en Carnota.

O alcalde de Carnota cre que o veto do PP ao parque natural responde "a un puro interese electoral" ao non dirixir o Concello

Así o lembra o alcalde da localidad do BNG, Ramón Noceda, que cre que este "veto" por parte do PP "non se basea en ningún argumento concreto nin razoado, senón en vagas xeneralidades insuficientes para agochar que o único motivo é un puro interese electoral, pois non é o PP quen ocupa actualmente a alcaldía da vila, para anotarse o tanto. "Nin máis, nin menos", insiste o rexedor, que cre que "calquera administración debería celebrar que a súa sociedade acade tal grao de madurez que non sexa freo, senón motor de iniciativas tan valentes como esta", en referencia ao enrome apoio social á iniciativa.

De facermos un repaso á hemeroteca, como indica Noceda, as evidencias son claras. Cando menos sete anos antes de que a veciñanza ou ningunha outra organización comezarra a pedir a declaración do Monte Pindo como parque natural, o PP de Carnota xa o prometera en campaña, tal e como se pode ver nas imaxes achegadas. "Dicían que unha prioridade do seu mandato sería declarar o Monte Pindo como parque natural".

O PP de Carnota fixou como prioridade declarar o Monte Pindo parque natural nas dúas últimas campañas electorais locais

Catro anos despois, e de novo en campaña, a proposta non só foi prometida, senón inclúida no programa electoral do PP de Carnota.  "A convicción histórica do PP a favor de declarar o Monte Pindo parque natural queda máis que evidenciada. Non só o apoiaban: en realidade ata o inventaron, e pasarán á historia por ser a primeira organización en pedilo e a última en aceptalo", di o alcalde Ramón Noceda, que considera "sorprendente"  que a única entidade que ata o momento se ten oposto diametralmente sexa o PP, "pois é o partido do goberno da Xunta quen ten na súa man o éxito do proxecto, dado que a Consellería de Medio Ambiente é quen ten a exclusiva potestade de decretar a súa declaración e deseñar a folla de ruta e os orzamentos para levalo a bo cabo".

Hai agora un ano, a Xunta pechaba a porta ao parque natural e rachaba as conversas co Concello. "O diálogo coa Xunta está pechado e hai que tomar outras vías". Así de contundente se manifestara o alcalde de Carnota, farto do "desleixo" e da falta de propostas e solucións cara ao Monte Pindo por parte da Administración autonómica, coa que a asociación que leva anos reclamando a declaración da zona como parque natural xa non quere manter xuntanza ningunha máis. A decepcionante resposta do Goberno levou o Concello a insistir na súa intención de recuperar a xestión integral da zona.

Agora, volve denunciar o veto por parte do Goberno galego. "Despois de cinco anos de traballo veciñal intenso, de ducias de charlas de divulgación dos valores do Monte Pindo que xustifican esta medida, así como dos beneficios innegábeis que implicará para a veciñanza, colectivos e o propio concello, e de traballar na investigación dos valores que aínda garda, seguimos batendo unha e outra vez co veto parlamentario obstinado do PP", di.

Noceda denuncia que o PP utiliza unha parlamentaria de Carnota "para tombar unha e outra vez" a iniciativa

Ademais, Noceda lembra que quen estaba detrás daquelas declaracións a favor do parque natural por parte do PP de Carnota era José Oreiro, candidato á alcaldía e, presumiblemente, futuro candidato de novo. "A súa segunda espada é, precisamente, a mesma persoa que o PP utiliza no Parlamento para tombar unha e outra vez a nosa iniciativa: Marisol Piñeiro", aínda concelleira de Carnota e parlamentaria do PP, "á que presentan como nacida no Pindo (en realidade é natural doutro lugar do concello) para vernizar de lexitimidade a negativa recorrente do PP".

"Só coa hemeroteca deixamos en evidencia que a postura do PP obedece exclusivamente a un interese espurio, persoal e político. A realidade é que o medio ambiente do noso país vólvese supeditar ao interese electoral dunha persoa", di o alcaldo do BNG, que lembra que "por primeira vez na historia do noso país, a proposta de declarar un novo espazo natural na nosa comunidade nace da sociedade e ademais conta con tal consenso social que as enquisas non son quen de detectar unha soa obxección".

"A realidade é que por primeira vez un parque natural nacerá con boa parte do traballo feito: unha sociedade sensibilizada, varias liñas de investigación abertas, e centos de colectivos de todo tipo implicados. Isto non se deu en ningún outro espazo natural galego, e probablemente tampouco en España", insiste o rexedor, que cre que o PP, que declarou os outros seis parques naturais en Galicia, "sábeo perfectamente, pero estira a súa obxección ata os límites do imaxinable por pura obediencia partidaria".

"O PP ten que explicarlle á veciñanza e a todas as galegas e galegos por que entre o 2003 e o 2011 defendeu a declaración do Parque Natural do Monte Pindo, e por que deixou de facelo xusto cando cedeu a alcaldía de Carnota", asegura, que cre que a formación conservadora "debe rectificar e desculparse por impedir diferentes propostas dirixidas a recuperar e protexer este espazo despois do gravísimo lume de 2013, como a declaración de zona catastrófica que podería supoñer axudas para os veciños e as veciñas que sufriron danos graves nas súas propiedades". 

"O PP debe deixar de acusar os centos de entidades e miles de cidadáns e cidadás que celebramos esta iniciativa de facer exactamente o que eles están facendo: politizar e lixar unha proposta moi positiva e socialmente unánime, que suporá postos de traballo, investimentos, promoción turística de calidade e, en definitiva, a mellora xeneralizada e innegable de todo o contorno e da calidade de vida da veciñanza", remata Noceda, que asegura que o Concello está "disposto a cederlle a iniciativa" se é "para recuperar e protexer o Monte Pindo". "Pero todo o que implique alongar un só día máis o abandono ao que parecen querer condenarnos contará, por suposto e por sempre, coa nosa oposición frontal", conclúe.

Declaracións en 'La Voz de Galicia' do candidato do PP á alcaldía de Carnota Dominio Público Praza Pública
Lirio de monte, especie en risco que logrou sobrevivir ao lume CC-BY-SA Roi Carballal / Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.