Barcos de papel contra o proxecto da rotonda de Coia

Barcos de papel pegados na valla que rodea a rotonda © Asemblea Aberta de Coia

Máis dun milleiro de persoas -3000 segundo os organizadores, 450 segundo a Policía Local- manifestáronse onte á note en Vigo contra o proxecto do Concello para instalar o Bernardo Alfageme. A marcha, convocada pola Asemblea Aberta de Coia, e encabezada por dúas faixas nas que se podía ler Xustiza social. Nin cartos na rotonda, nin Estado Policial e  Os cartos para as persoas, foi apoiada por numerosas forzas políticas, dende BNG a Esquerda Unida, pasando por Podemos, Anova ou Equo. Na manifestación puideron verse centos de barcos de papel, confeccionados ao longo da tarde polos veciños e veciñas, e que ao remate foron pegados na valla que rodea o espazo da obra, na rotonda.

Ao remate da marcha representantes da Asemblea Aberta de Coia leron un comunicado que esixiu "xustiza social", que non se malgasten cartos públicos na rotonda e a fin do "Estado policial". O texto sinalaba que "os únicos barcos que queremos na rotonda son de papel. Barcos cheos de poesía, de beleza en que coller o impulso que precisamos para poñer os nosos corpos e as nosas mentes ao servizo doutra cidade máis humana".

O comunicado da asemblea destacou que a loita sostida "destapou o malgoberno" no Concello de Vigo e tamén "o desastre dunhas políticas sociais que deixan a moitas persoas sen luz, sen vivenda, sen alimentos básicos, sen o local de Sereos..., en definitiva, sen dereitos sociais". Salientaron que a loita "hai tempo superou a cuestión do barco" e denunciaron a actitude do Goberno municipal vigués: "Están dispostos a empregar todos os medios que teñen á man: represión, criminalización, multas, mentiras...". "O alcalde e os seus concelleiros falan de agresións, vandalismo e minoría marxinal para non ter que falar e afrontar o colapso do departamento de Benestar Social, dos meses de espera nas UTS, das protestas das propias traballadoras sociais, da falla de orzamentos, das denegacións inxustificadas das axudas de emerxencia, da miseria e precariedade da cidadanía", engadiron.

Cabeceira da manifestación © Rubén Bernárdez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.