Susan George abrirá en Vigo as xornadas 'Recuperar Soberanía. Desarmar o TTIP'

Susan George CC-BY Red Pepper

O 18 de abril colectivos sociais de toda Europa mobilizaranse para protestar contra o TTIP, o tratado de liberdade de comercio e investimentos que negocian con gran opacidade EE.UU. e a UE. No marco desta mobilización, dende Galicia Ecoar está a organizar unhas xornadas de debate baixo o título de Recuperar Soberanía. Desarmar o TTIP.

O 26 de marzo, en Vigo, Susan George será a encargada de abrir as palestras, que continuarán a semana seguinte (4 de abril) cunha nova conferencia na cidade olívica, a cargo de Albano Dante Fachín (activista e editor de Café amb Llet). O 9 de abril as xornadas trasladaranse a Compostela, onde falará Ricardo García Zaldívar (profesor de Economía na Universidad Carlos III e presidente de Attac España). Finalmente, o 16 de abril estará na Coruña Arcadi Oliveres (Procés Constituent). Ademais, noutro evento aínda sen data fixada, prepárase unha videoconferencia a cargo do eurodeputado de Equo Florent Marcellesi.

As xornadas, abertas a toda, analizarán polo miúdo as características, orixe, alternativas e consecuencias dos Tratados de Libre Comercio (TTIP, TISA, CETA,...) e complementaranse con actividades de diferente tipo (videodebate, charlas, proxeccións,...) levadas ao cabo por distintos colectivos e en diferentes espazos. Segundo os seus responsables, Recuperar Soberanía, desarmar o TTIP busca "xerar un punto aberto onde, ademais de informarse, as persoas poidan participar e debater sobre os Tratados de Libre Comercio e todo o que os rodea, especialmente sobre o TTIP". Polo tanto, animan a todas as persoas e colectivos que o desexen a "inscribir todos os eventos, iniciativas e accións que se vaian realizar en relación aos Tratados de Libre Comercio durante as datas que duren as xornadas".

Para axudar a pagar os gastos que xeren as xornadas e todas as actividades de protesta contra o TTIP Ecoar vén de lanzar unha campaña de crowdfunding, que servirá, principalmente, para os custes do aluguer de espazos a difusión pública dos eventos.

 

Conferenciantes

  • Susan George: Filósofa, activista en numerosas entidades (entre outras, Attac ou Greenpeace), na actualidade é presidenta do comité de planificación do think tank progresista Transnational Institute de Ámsterdam. Entre as súas obras destaca O informe de Lugano; Fe e débeda: o imperio secular do Banco Mundial ou o recente O Informe Lugano II, subtitulado "esta vez imos liquidar a democracia".
  • Albano Dante Fachín: Activista e editor da revista Café amb Llet, que naceu en 2004 como unha publicación mensual de ámbito comarcal. A súa investigación sobre a privatización da sanidade pública en Catalunya (denunciada tamén a través de reportaxes publicadas en youtube) valeulle os ataques da Generalitat, pero tamén incrementou o seu coñecemento e respecto en toda Catalunya e no resto do Estado Español. En 2014 converteuse nun medio de ámbito catalán, cunha tirada de 30 mil exemplares e chegando a distribuír de balde ata 145 mil exemplares dun número especial
  • Ricardo García Zaldívar: Economista, profesor na Universidad Carlos III e presidente de Attac España. En Praza falamos con el hai dous anos, nunha entrevista na que destacaba que "A débeda é un negocio e un instrumento potentísimo para conseguir outras cousas. É unha mostra do inmenso poder que teñen a banca e os seus lobbies".
  • Arcadi Oliveres: Economista e activista de Justícia i Pau, organización pola promoción e defensa dos dereitos humanos, a súa actividade nos últimos anos estivo centrada na defensa do decrecemento, a súa proximidade ao 15M e a creación, xunto a Teresa Forcades, de Procés Constituent.
  • Florent Marcellesi: Investigador, político e activista ecoloxista, europarlamentario por EQUO dende o pasado mes de maio. Entre os seus libros destaca Adiós al crecimiento. Vivir bien en un mundo sostenible y solidario ou Cooperación al posdesarrollo. Bases teóricas para la transformación ecológica de la cooperación al desarrollo.
Mobilización en Vigo contra a troika Dominio Público Ecoar
Susan George CC-BY Red Pepper

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.