Do Kurdistán a Portugal polos dereitos das mulleres

Manifestación da Marcha Mundial das Mulleres en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

De Mardin, no Kurdistán turco, ata Coimbra. Dende Asia ata o Atlántico, atravesando todo o sur e centro de Europa. A Marcha Mundial da Mulleres (MMM) prepara unha serie de accións internacionais que percorrerán o continente entre marzo e outubro, pasando por Vigo en setembro, demandando a erradicación da violencia e a pobreza na vida das mulleres. "Iremos ao encontro de mulleres de base e de grupos de mulleres que  loitan e resisten nas súas cidades e pobos contra a violencia, a  austeridade, a pobreza, o racismo, o fascismo, a lesbofobia e todas as  opresións que fan a vida das mulleres máis difícil. O noso obxectivo é documentar e visibilizar as loitas das mulleres que se enfrontan a problemas similares, en contextos diferentes", destacan.

A caravana partirá este 8 de marzo do Kurdistán cun gran evento de apertura organizado polo movemento de mulleres kurdas e pola Coordinación Turca da MMM e no que de seguro terá un papel protagonista a loita que están levando a cabo as mulleres kurdas ante o EI. Pasará por Izmir (Turquía) e Tesalónica (Grecia) a finais de marzo, polos Balcáns en abril, por Suíza en maio, por Nantes (Francia) en xuño, por Bélxica e Frankfurt (Alemaña) en xullo, e por Varsovia (Polonia) en agosto, no marco dun Campamento Internacional Feminista. Hungría e Austria serán as seguintes escalas, antes de pasar por Roma (Italia) e Marsella (Francia), aínda en agosto. A caravana pasará por Cataluña e Euskadi, antes de chegar a Galicia en setembro, finalizando o seu percorrido en Coimbra o 17 de outubro cun grande acto de clausura.

A caravana pasará por Galicia en setembro, finalizando o seu percorrido en Coimbra o 17 de outubro cun grande acto de clausura

A caravana consistirá en varias furgonetas e coches, aínda que tamén se queren realizar algúns tramos en bicicletas e a pé, en función do número de participantes en cada etapa, da organización local e das enerxías existentes. "Esperamos atopar a moitas mulleres no camiño, a moitas persoas en resistencia, que nos acollan por unha noite e/ou nos acompañen durante algunhas paradas", sinalan as organizadoras.

A Marcha Mundial das Mulleres puxo en marcha hai unhas semanas unha campaña de crowdfunding para axudar a pagar os gastos da caravana. Dos doce mil euros que buscaba recadar, conseguíu xa máis de oito mil. O orzamento total da acción ascende a 40 mil euros, necesarios para pagar os gastos de desprazamento e alimentación das persoas que participan na caravana, así coma os eventos que se organicen en cada lugar en paralelo con esta acción.

Dende a Marcha sinalan que "estivemos demasiado divididas" e que "é tempo de unirnos, de camiñar xuntas, en solidariedade, para facer retroceder os ataques e as opresións que nos rouban os recursos, os dereitos e a dignidade". "Coa vosa axuda podemos contribuír a alternativas sustentables, confrontando o modelo misóxino e cada vez máis militarizado dos países europeos e do mundo enteiro", engaden. É a cuarta vez que a MMM leva a cabo esta Acción Internacional. A última celebrouse hai cinco anos, no 2010.

Dende a Marcha sinalan que "estivemos demasiado divididas" e que "é tempo de unirnos, de camiñar xuntas, en solidariedade, para facer retroceder os ataques e as opresións que nos rouban os recursos, os dereitos e a dignidade"

O tema deste ano é a soberanía alimentaria e as sementes. "Somos as sementes que poden brotar e dar froitos dentro dun sistema alternativo, que acabe coa carga dos bancos, as corporacións e o sistema de xustiza tan inxusto, que pesan de forma desigual sobre os ombreiros das mulleres", destacan. Porén, serán moitos os temas que estarán presentes nos debates, accións e reivindicacións. "Hai demasiadas opresións que dividen as mulleres e as loitas das mulleres no mundo e debemos unir as nosas loitas, peticións, realidades e estratexias a escala local, rexional e mundial", din.

"Porque non hai suficientes recursos a disposición das mulleres para que se coñezan as nosas historias de opresión e resistencia e debemos documentar nosas propias vidas para resistir xuntas", "Porque debemos visibilizar as alternativas de vida e de resistencia ao capitalismo e á realidade patriarcal, creadas por mulleres que alzan a voz para afirmar alto e claro que un mundo mellor é posible", "Porque a pobreza, a xenofobia, o racismo, a crecente perda e desposesión dos nosos dereitos, a austeridade e o aumento do fascismo fan que a vida das mulleres sexa invivible e debemos conectar estas opresións transversais para poder unir e fortalecer as nosas resistencias e loitas de liberación", "Porque a nosa diversidade é a nosa forza. Temos que seguir traballando en solidariedade, comunicando as nosas alternativas feministas ao mundo e ás compañeiras do noso movemento, construíndo as nosas redes e fortalecendo as nosas alianzas e as nosas prácticas políticas feministas", ennumeran entre as moitas razóns que sustentan a caravana.

Manifestación da Marcha Mundial das Mulleres en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Manifestación da Marcha Mundial das Mulleres en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.